Nin Eurocopa, nin Tour, nin Olimpiadas, nin Eurovisión. A competición televisiva do ano en Galicia foi este venres a 13 edición de Miss Vaca, o certame de beleza organizado polo programa Luar da TVG, que bateu todas as marcas de popularidade na rede, ben máis alá do Galitwitter.
No momento en que contas tan populares como a de Ibai Llanos ou Electomanía se sumaron, os hashtags do Miss Vaca acapararon a lista de trending topics en España. Máis non só se tratou de volume: imos dar unha volta polos mellores chíos e memes que acompañaron esta edición.
Xa nos días previos a conta oficial de Luar anunciaba un novo Miss Vaca tirando de historial e cun claro líder a bater, coma cando Indurain no Tour de Francia. As vacas da provincia Lugo son as que máis veces triunfaron no concurso.
Polo tanto o reto era importante e as redes xa se estaba preparando. Tamén perfís moi populares de fóra de Galicia.
E resumíao bastante ben para os recén chegados.
A expectación na rede era máxima, non en balde era o pobo quen decidía a gañadora de MissVaca, votando por medios telemáticos: teléfono, whatsapp ou o propio Twitter, usando un hashtag para cada vaca: #VotoPucha, #VotoTeixa, #VotoNogueira e #VotoVarela.
E por se a de Lugo, Teixa, non partise xa con suficiente vantaxe histórica, chega un dos influencers máis importantes da rede hispano falante con case 5 millóns de seguidores: o streamer Ibai Llanos.
Tamén entra na contenda unha popular conta de Twitter que se dedica a analizar sondaxes electorais, Electomanía. E vai retransmitindo a desputada carreira cara á victoria de #MissVaca2021. Porque cómpre dicir que desta vez a de Lugo non o tiña tan fácil.
Isto suscita tamén a atención dunha conta en inglés con máis de 40 mil seguidores, chamada Populism Updates:
O caso é que mentres os de fóra tardaban en entender que estaba pasando coas vacas en Galicia un venres pola noite, as seareiras locais xa estaban desatadas. Facendo capturas, argallando memes, compartindo vídeos de TikTok, onde tamén se estaba a seguir o concurso. E cadaquén a facer campaña pola súa vaca preferida.
Pasada a medianoite Miss Vaca xa ocupaba 7 dos 10 maiores trending topics da noite no Twitter español, e a TVG superaba en popularidade a Telecinco co seu Sálvame Deluxe.
Entrabamos xa na madrugada e aínda estaba sen proclamar a gañadora. A hexemonía luguesa viuse ameazada varias veces polas vacas de A Coruña, Pucha, e de Pontevedra, Varela, que estiveron aí superando o 25% de votos.
Mais ao final Teixa esprinta e acada a vitoria. Máis festa en Lugo que cando subiu o Breogán á ACB.
Para algo internet leva anos dicindo cal é #amellorprovincia.
No medio da éxtase non faltaba quen rosmase. Botamos todo o ano loitando contra os tópicos ruralistas e hoxe perdemos o cu por un concurso de vacas? Pois si.
Pois iso parece.
A fin de contas todos estamos de acordo nalgo: