Influencers da robaliza. Cando a rede (dixital) tamén se enche de peixe

Co patrocinio de

No verán as nosas rías énchense de pescadores afeccionados, xente coa paciencia e a habilidade suficiente para agardar horas a meter no cesto sargos, douradas, robalizas, ou tamén troitas e outras especies de río. A pesca é un deporte solitario pero grazas á internet podemos compartir experiencia e coñecemento, aprender de cero ou asombrarnos das pezas que trae o mar. 

 

Primeiro temos que presentarlle os nosos respectos a Rogelio Santos, mariñeiro do Porto do Son que se converteu no último ano en todo un influencer da pesca de baixura grazas, sobre todo, á súa conta de Twitter. Alí comparte o que pesca e, sobre todo, o que deixa de pescar porque as pezas non cumpren a talla mínima ou están en veda. Non se trata só de dar leccións sobre pesca sustentable, senón de facelo a bordo da planeadora, transportándonos co seu móbil ao medio da ría. Con case 10 mil seguidores, agora tamén colabora con programas de radio e televisión, e este é un dos seus chíos máis populares, onde devolve ao mar centolas por valor de 140€. Tamén ten unha canle de Youtube.

 

Tarci Ávila é músico e ata hai pouco tempo era a metade do dúo vigués de synth pop Presumido, que anunciaba a súa separación a comezos deste ano. Pois ben, nos ultimos meses meteuse nunha furgoneta a vivir unha aventura que o levou polo que el chama La ruta del sargo, que é tamén a canle de Youtube (e doutras redes) desde a que foi facendo crónica da súa vanlife e das capturas de sargo que fixo polos cantís da costa galega. Comezou na Guarda e rematou en Ribadeo hai uns días. Neste vídeo fixo un resumo destes 40 días de pesca. 

 

O tamaño importa e pescar desde as rochas con cana un róbalo de 8 kgs é para todo pescador un motivo de orgullo, e máis se ten a sorte de levar a cámara con el ese día. Roberto Vega levábaa porque ten desde hai 9 anos unha canle que se chama Lubinas en Galicia, con máis de mil subscritores, especializado niso, na pesca de róbalo, robaliza e outras especies similares pola costa próxima á Coruña.

 

Outra maneira de pescar róbalo e dourada é por debaixo da auga, e a pesca submarina é outra das modalidades que xeran máis contido en Youtube, pois as cámaras subacuáticas son as que mellor nos mostran o que pasa alí abaixo. Non sempre é agradable ver como se lle dispara a un peixe, pero todos os que queiran aprender teñen varias canles onde facelo, como esta chamada de Álex Sargo, con máis de 6000 subscritores. 

 

Se viches o premiado documental de Netflix O que o polbo me aprendeu e quedaches namorado destes cefalópodos cando están vivos, mellor que pases este vídeo, porque aquí o polbo non acaba ben. Mais tamén hai moita xente namorada do polbo á feira, e para iso alguén ten que pescalos. A canle Pescasub Rías Baixas ofrece varios titoriais para ir a eles. 

 

Diego Fisher montou hai uns meses a súa canle para compartir o que pesca desde a súa lancha polo mar de Fisterra coa técnica chamada slow jigging, un tipo de pesca vertical desde embarcación, e que como vemos é moi efectiva para peixe grande tipo abadexo, mero, sanmartiño ou ollomol. 

 

Despois temos a pesca de río, que tamén xera moitísimo contido no Youtube galego. Desde titoriais sobre como poñerlle a miñoca á cana ata, como non, vídeos de capturas de troitas xigantes. Destacamos este, que pola paisaxe, o encadre, a néboa, o hieratismo do pescador-fumador e a escaseza de diálogos (só roto o silencio ao final cun «fuaaa mi mamaíña o tren, chaval»), podería ser unha curtametraxe de Novo Cinema Galego. Son 80 centímetros de troita pero a alegría do rapaz non ten medida.

 

Imos rematar cun trío de vídeos vintage que atopamos tamén no Youtube relacionados coa pesca. Aquí temos unha reportaxe do que parece un noticieiro da televisión local das Pontes, datado en 1987 protagonizado polo pescador Antonio Fresco, que se fixo famoso ese día por capturar unha troita de grandes dimensións dentro da que collen varias troitas pequenas, tal como lle amosa á súa dona diante da cámara. O uso de culleres, dunha botella de gasosa ou das rodas do coche para que poidamos aprezar o tamaño da peza, xunto coa banda sonora de Dire Straits, fan desta obra audiovisual de Fernando Fresco, tal vez familiar do pescador, un clásico da descoñecida historia da televisión local en Galicia. 

 

Non todo é baixura na pesca audiovisual, e os pioneiros en facer rexistro das capturas de peixe nos seus barcos foron os mariñeiros que faenaban no Atlántico e que levaban as primeiras cámaras de cinema en súpero 9 ou de vídeo para filmaren os seus cadernos de bitácora audiovisuais. O Proxecto Socheo leva anos recollendo e dixitalizando este patrimonio audiovisual cos veciños do baixo Miño e da Guarda, como Milo Valterra, que filmou a comezos dos 80 a vida a bordo do barco Canero, ou a videobitácora do Nuevo Cedes, que en 1997 gravaba a captura de peixe espada. 

 

E por último repescamos (perdón) esta xoia do arquivo de RTVE rescatada para Youtube por Manu Guinarte: un especial dedicado á cantante asturiana Maya, que por algún motivo se fixo no Grove a xeito de reportaxe etnográfica sobre os mariñeiros e as mariscadoras. Impresionante a sucesión de testemuños de uns e de outras, entre canción e canción de Maya con xente de fondo traballando na leira, na fábrica ou tomando a chiquita na taberna. Para ver e escoitar enteiro.  

María Yáñez

María Yáñez

Xornalista. Levo vinte anos traballando na rede e no audiovisual. Adoro as revistas en todos os seus formatos. Agora dirixo VINTE da man de Praza.gal.

Tamén che interesa

  • Xaime Beiro: "Os tiburóns son boa xente"

    É de Louro, é submarinista audiovisual e fai fotografías e vídeos incribles da flora e da fauna que habita as nosas costas. E ademais é un experto en motion graphics. Falamos con Xaime Beiro de nécoras, de Instagram e de tiburóns, cos que ten unha relación especial.

    Rede
  • Isto é o que contan de Galicia os 'vloggers' que nos visitan

    Os cadernos audiovisuais de viaxe son todo un xénero en Youtube. Hai quen os usa como unha ferramenta doméstica para gardar como recordo imaxes e momentos das súas vacacións, compartilas con achegados e con algún descoñecido que pase por alí. Pero tamén hai vloggers case profesionais que cultivan xeitosas audiencias creando vídeos de viaxes moi elaborados. Algúns deles viñeron a Galicia nos últimos tempos e quixeron contalo. Imos ver o que fan e o que din deste lugar.

    Pantallas

Faite de vinte

A partir de 5€ mensuais podes suscribirte a VINTE e colaborar para que sigamos a producir contidos de calidade pagando dignamente as colaboracións de vídeo, fotografía, ilustración, xornalismo e creación de todo tipo.