Isto é o que contan de Galicia os 'vloggers' que nos visitan
Os cadernos audiovisuais de viaxe son todo un xénero en Youtube. Hai quen os usa como unha ferramenta doméstica para gardar como recordo imaxes e momentos das súas vacacións, compartilas con achegados e con algún descoñecido que pase por alí. Pero tamén hai vloggers case profesionais que cultivan xeitosas audiencias creando vídeos de viaxes moi elaborados. Algúns deles viñeron a Galicia nos últimos tempos e quixeron contalo. Imos ver o que fan e o que din deste lugar.
Os cadernos audiovisuais de viaxe son todo un xénero en Youtube. Hai quen os usa como unha ferramenta doméstica para gardar como recordo imaxes e momentos das súas vacacións, compartilas con achegados e con algún descoñecido que pase por alí. Pero tamén hai vloggers case profesionais que cultivan xeitosas audiencias creando vídeos de viaxes moi elaborados. Algúns deles viñeron a Galicia nos últimos tempos e quixeron contalo. Imos ver o que fan e o que din deste lugar.
- 01
Dez recomendacións de youtuber básica
Elyce Behrsin é unha australiana que vive en España e adora facer viaxes por todo o mundo e tamén pola península ibérica. Este video comeza kind of joking, como querendo falar mal de Galicia para que os guiris non veñan, e ata mencionando o palabro Galifornia pero pouco lle dura a broma: precisa o cuarto de hora que lle queda para contar a súa ruta que arrinca en Ribadeo e pasa pola Serra da Capelada, por Fisterra, por Marín, polos Canóns do Sil e pola Coruña. A destacar: o polbo, peixe e marisco en xeral, o pan, as empanadas, e “substantial proper pinchos” de balde coa consumición. Recomenda pasear por aló onde haxa un faro e tamén no interior o Mirador de Vilouxe, perto da "creepiest town ever”. Da Coruña gustoulle todo e compra sen sabelo o discurso Inditex: “like a big city mentality on a small city on the coast. Really cool and fashionable, weirdly dog friendly and with hipsters”. O vídeo ten 27 mil visionados.
- 02
Ruta surfeira con drons
Este vídeo que vai polas 24 mil visitas protagonízano Sofie e Vincent, dous irmáns da Bretaña francesa que se dedican a á fotografía e á creación de contido audiovisual. Empeza en Asturias e logo vai atravesando pistas entre eucaliptos ata chegar a Valdoviño, con fermosas aínda que un pouco amateurs imaxes de dron dos cantís. Na praia de Pantín vemos imaxes espectaculares de xente facendo surf, imaxes deles no camping e máis imaxes de drons. Chegan a Nemiña, outro paraíso das táboas. Despois a Compostela, onde aproveitan para inventar e reivindicar o termo “surf pilgrimage”. Que é o que fan moitos deles, percorrendo centos de quilómetros en furgonetas para apañar as mellores ondas. Ao final do vídeo xa tiran para Portugal.
- 03
Un anaco de lúa de mel en bicicleta
Lisa e Byron casaron en Denver en 2016 e como viaxe de noivos decidiron, ao ano seguinte, dar a volta ao mundo durante un ano. Unha das etapas desa viaxe foi ir de Lisboa a Budapest en bicicleta, e en concreto o anaco que sae neste vídeo parte de Caminha ata León, facendo o camiño portugués ata Santiago e desde alí o camiño francés pero ao revés, saudando a todos os peregrinos que atopan de fronte. Unha visión interesante desde a bici, atravesando camiños, prados con vacas, montañas, a rúa de San Pedro ou os soportais de Raxoi en Compostela. E unha confesión final: “Don't tell Santiago, but the cathedral in Leon is so much more impressive and beautiful”.
- 04
O surfeiro ‘intensito’
Entramos no terreo do brandend content: vídeos patrocinados que, coma neste caso, se distribúen a través da canle de Youtube da marca. Aquí é un fabricante de chancletas de praia o que produce un estiloso vídeo protagonizado polo surfista Mike Lay, embaixador da marca. De novo, imaxes fermosas deste deporte, solpores, fogueiras na praia, vida salvaxe, eucaliptos e un pouco de Compostela tamén. Máis que un vlog turístico, aínda que comparta trazas dese formato (non nomea os sitios onde surfea, tal vez Nemiña ou Razo?), esta peza dirixida por Luke Pilbeam ten máis ambición artística e de feito foi seleccionada en media ducia de festivais de cinema de surf por todo o mundo.
- 05
"48 hours in northern Spain"
Sandy Makes Sense, youtuber londiniense que acadou con este vídeo 7 mil visitas, vainos dar unha serie de consellos para visitar “o noroeste de España” en 48 horas. Ao final o noroeste redúcese a Santiago, the cathedral and surrounding areas. Aló imos. Chove en Santiago. Chámanlle a atención as vieiras no chan. Visita a tenda de sombreiros da Rúa do Vilar. Proba algún pero parécenlle caros. No Obradoiro entrevista peregrinos compatriotas ao chou. Para comer vai coa parella á Galiciana, e toman unha ración de polbo con dúas cañas de 1906. Ao día seguinte, as surrounding areas: O Grove. Apúntanse a un barco destes que levan os turistas ver as bateas e polo camiño danlles albariño e mexillóns. Hai baile, un dos momentos que Sandy non esquecerá na vida, di, e por iso o capturamos para o gif que preside este artigo. Seguinte parada: Vilagarcía de Arousa e o Pazo de Baión. Alí visita as viñas e explícanos con moito detalle como funciona o tema da uva e tamén a historia do pazo: “it belonged to a drug dealer, obviously in jail now”. Non tan obviously. Aínda pode atopar de xira a Laureano Oubiña intentando vender o seu libro por aí.
- 06
O rapaz ao que lle pagamos por facer este vídeo de Ourense
Este vídeo xa ten uns anos pero merece a nosa atención entre outras cousas porque está patrocinado por Turgalicia. David Hoffmann é un veterano youtuber de viaxes que leva visitados máis de 70 países. Ten vídeos feitos en varios lugares de Galicia pero é este de Ourense o que ten, de longo, máis visitas: máis de vinte mil. Diante das Burgas vende a cidade como “a capital termal de Galicia” e despois vai a unha feira e para varios minutos a ver como se fan os churros. Para acabar comendo no Galileo, un dos restaurantes vangardistas da zona. O resto do vídeo, percorrendo as rúas de Ourense non é que teña unhas imaxes moi boas comparadas co nivel que estamos afeitos a ver agora en Youtube, pero aí está: vinte mil visitas e primeiro resultado se buscas “travel Ourense”. Os nosos cartos non foron en balde.
- 07
A da xeración Z preocupada polo cambio climático
Eva é unha youtuber que leva unllas de xel longas como as de Rosalía e viaxa coa súa nai. Proponnos un percorrido de tres días por Galicia cheo de cousas que facer. O vídeo non chega a 700 visitas e aínda así, a xeito promocional, ofrece un desconto a quen queira pernoctar na casa onde ela estivo. Así que o primeiro é facer un tour polo piso en Compostela. Despois visita ao bar Coruña, onde nos mostra o que vai cear, cun primeirísimo plano dun anaco de empanada de zorza. A Eva gústanlle estes detalles. Ao día seguinte apuran para ir ver o Botafumeiro, en balde porque está a catedral en obras e chea de andaimes por dentro. Van ver o Museo do Pobo Galego porque a entrada só custa un euro: “Lo guay es que hay una escalera superchula. Con la fotito que te haces aquí tienes el euro amortizadísimo”. Logo continuarán a súa viaxe exprés por Mugía, Finisterre, a fervenza do Ézaro, o hórreo de Carnota para seguir baixando ata o Morrazo con parada en Combarro. Ao día seguinte madrugan para ir ás Cíes. Fan unha ruta programada para non pasarse da hora e media que teñen para visitar a illa. Eva, de Córdoba, quéixase de que morre de calor e é o mes de maio, “para que despues digan que el calentamiento global no existe”. Fai tamén varios comentarios sobre os plásticos e o lixo. Volta a Santiago. “Tercera noche cenando tortilla”. Ao día seguinte entregan o coche de aluguer e constatamos que mencionou todas as empresas ás que lles fixo gasto nesta viaxe. A influencia para quen a traballa.
- 08
O gurú do fitness
O vídeo de Miguel Fit Gym promete. Promete cachas e polbo, que é o que podemos ver na imaxe que preside o vídeo. Como o seu nome indica, é un youtuber de fitness e antes de arrincar a viaxe de tres días a Galicia métese no ximnasio na súa Iruña natal a facer “un poco de cardio en ayunas”. Para as dúas da tarde chegan el e mais a compañeira a Rinlo, onde quedaran con outro instagramer da cousa do fitness. Alí comen o arroz de marisco famoso, que Miguel rebautiza como “paellota para tres”, mentres a compañeira ten no prato unha bolacha destas sintéticas de arroz. Logo van ata a praia das Catedrais, onde se meten ata unhas covas espectaculares ás é dificil chegar se non vas coma eles en roupa (escasa) de baño e bastante temeridade. Ao día seguinte van a un ximnasio de Lugo para baixar o que comeron e facer un pouco máis de cardio. Despois van cear polbo con cachelos. Seguinte parada: Sanxenxo (fan varios intentos por dicilo ben). Alí quedan con outro colega fitness da zona que os leva a cear ameixas, navallas, polbo, pimientos del padrón e depois croca con patacas e un ovo fritido. “Galicia calidade”, di Miguel Fit Gym tratando de imitar o acento. No último dia da viaxe en Lugo para nunha tenda gourmet para levar queixo, crema de augardente “typical Galicia que flipas” e bica de Manzaneda. Antes de emprender o regreso paran para facer unha pedicura nun centro comercial. A compañeira compite ao día seguinte nun concurso de fitness. E gaña.
- 09
“Todo lo de Galicia como que me encanta muchísimo”
Ollo con Sandra Eme, que a día de hoxe ten máis de 80 mil subscritores en Youtube. Despois de madrugar moitísimo para coller cos seus o Ryanair desde Valencia, esta vlogger chega a Santiago e flipa con todo o verde. En especial co musgo das pedras e das árbores. Non para de tocalos, ten un rollo un pouco ASMR. Toma polbo con zume de laranxa. Fai selfies. Non para de tocar a pedra das paredes. Paran nun restaurante para turistas na rúa da Raíña a cear empanada e croquetas. “Todo lo de Galicia como que me encanta muchísimo”. Alguén fai queimada. Á mañá seguinte van en tren á Coruña. Van ao mirador do parque de San Pedro. Segue metendo o nariz entre os felgos e os toxos. Sube á torre de Hércules. O vídeo ten 26.000 visitas. Un segundo vídeo conta como segue a viaxe por Combarro e por Pontevedra, pero non acaba de suscitar o noso interese.
- 10
Vivindo nunha ‘tiny home’ en Cedeira
Jake e Nicole son unha parella norteamericana que decidiu vender todo o que tiña e viaxar polo mundo vivindo co básico. O básico para vivir, seguir viaxando e gravar vídeos para contalo e poder pedirlles diñeiro aos seus seguidores en Patreon e GoFundMe. Neste vídeo contan como botaron unhas semanas en Cedeira vivindo nunha caseta moi pequena canda seis persoas máis. As tiny houses son toda unha subcultura en Youtube, motivo polo que seguramente fixeron esta escolla de aloxamento, que sempre trae máis visitas. Jake dedica boa parte do vídeo a explicar como funciona un pequeno invernadoiro que teñen alí montado, a ensinar o que comen: empanada en Cedeira non pode faltar, vegana, iso si. Tamén teñen drons para gravar os cantís da zona e rematan o vídeo fundíndose coa paisaxe para practicar taichi e ioga.
- 11
A que veu actuar ao Son do Camiño
Esta rapaza chámase Jessica Reynoso, é cantante e viaxa moito porque anda de xira cos Black Eyed Peas. Con motivo do seu concerto no festival O Son do Camiño o pasado mes de xuño visitaron Santiago e A Coruña. Consciente de que tan importante é o proceso como o destino, Jessica non aforra detalles do avión, do aeroporto, das esperas, do hotel, do buffet do almorzo… Chega a hora do concerto e temos unha privilexiada visión desde o backstage, algo que posiblemente sexa o máis interesante do vídeo sempre que sexas fan dos Black Eyed Peas.