Vídeos de promoción turística. A gran festa audiovisual dos drons

© Cambador Turismo

Fitur, políticos e drons. Estes tres conceptos están xuntos e revoltos nun mesmo lugar estes días. En VINTE decidimos facer unha análise da mestura e, realmente, os resultados son os que esperabamos.

Esta semana celebrouse en Madrid a Feira Internacional do Turismo, FITUR. Unha convocatoria á que acoden touroperadores e xente que traballa na industria turística, pero que tamén é unha cita ineludible para alcaldes, concelleiros, presidentes de Deputacións, directores xerais de Turismo e unha longa lista de autoridades que non perden ocasión de saír nunha foto degustando un viño ou un petisco co que convidar a xente a visitar o pavillón da súa comarca, e xa despois se tal a propia comarca.  

Nos últimos anos esta convocatoria deu pé á creación dun xénero audiovisual que se espalla tamén polas redes: o VPTL (Vídeo de Promoción Turística do teu Lugar). Este xénero concentra a exaltación dos códigos audiovisuais que proliferan en Vimeo: os drons con cámara, o time-lapse e a música épica de libraría. Tamén as imaxes de xente guapa brindando con albariño diante dun solpor, con amigos diante du prato de polbo ou disfrazados nalgunha das nosas festas de época. No agreste dos nosos camiños e da nosa costa non se ve un eucalipto, a non ser nun destes planos desde o ceo nos que é case imposible evitalos. Tampouco veremos polo xeral ladrillo á vista, nin galpóns, nin fábricas, nin xente de outras razas. Nin moitas vacas.

No que respecta ao guión, non é que haxa moito, pero abundan os lugares comúns tipo “donde el sol descansa”, e os lemas seductores e as frases motivacionais relativas ao slow-living: respirar, tomar as cousas con calma ou erguerse con folgos pola mañá. “Siéntelo”, “Descúbrelo” ou “Vívelo” son outras típicas mensaxes que tanto che pode mandar o consorcio turístico do teu concello como o cantante do Combo Dominicano.  

A continuación vai un repaso por algúns dos vídeos máis salientables, nos que imos comprobando cales dos recursos típicos deste tipo de vídeos promocionais son os máis utilizados. 

 

Cambados: “Debuxado na inmensidade”

O vídeo de Cambados podería ser o vídeo canónico do xénero, o que xunta de maneira máis harmoniosa e previsible os principais elementos dos que falamos. O título demostra un deles e tamén que para algo Cambados é terra de poetas.

  • Lema seductor un pouco cursi.  ✓✓✓
  • Brinde con albariño no solpor. ✓
  • Xente facendo algún labor tradicional. ✓
  • Rotondas. ✓
  • Música épica. ✓
  • Alta cociña. ✓
  • Drons. ✓✓

Lugo Cambia

O vídeo da provincia de Lugo é dos poucos que trata de fuxir dos tópicos e presentar unha estética máis moderna, botando man para iso do Resurrection Fest e da música rock. Algo que se agradece despois de tanto violín e timbal tipo Xogo de tronos. O vídeo “Lugo cambia” protagonízao o lugués Martín Barreiro, home do tempo de TVE. 

  • Personaxe famoso a nivel estatal. ✓
  • Festas gastronómicas. ✓✓
  • Festas históricas. ✓✓
  • Xente brindando con viño. ✓
  • Deportes de acción. ✓
  • Xente facendo algún labor tradicional. ✓

Ferrolterra - Rías Altas

Un festival de drons e de praias para un turismo familiar e sorrinte é o que nos ofrece ete vídeo da comarca de Ferrolterra. 

  • Apelación nada sutil ás emocións. ✓
  • Deportes de acción. ✓
  • Drons. ✓ 
  • Nenos. ✓
  • Elementos tecnolóxicos. ✓ (neste caso, as gafas de VR que todo ferrolán ten na casa). 
  • Eucaliptos. ✓  Inevitables. 

A Torre de Hércules

A Coruña este ano promociona a Torre de Hércules no aniversario da súa proclamación como Patrimonio da Humanidade. Tampouco innova moito no formato. 

  • Drons. ✓
  • Música épica de libraría. ✓✓
  • Solpor. ✓✓
  • Monumentos. ✓✓✓
  • Lugares comúns como eslogan. ✓✓✓

“Dexconecta ouren-sanamente” 

Ourense tamén tivo unha presenza importante en Fitur, aínda que os vídeos non os atopamos no Youtube, só un par de reportaxes de Telemiño nas que podemos albiscar en pantalla varios elementos. Os creadores do potente concepto identitario “ourensanía” danlle uha reviravolta aos posibles xogos de palabras co seu topónimo. 

  • Mensaxes motivacionais. ✓
  • Xogos de palabras: ✓
  • Copa de Ribeiro. ✓
  • Monumentos. ✓
  • Tecnoloxía. ✓
  • Baltar. ✓
  • Xesús Vázquez. ✓

Semana Santa de Viveiro

Levando a un extremo case imposible o concepto “tradición e modernidade”, este vídeo combina unha maqueta en 3D dun Viveiro virtual con imaxes de procesións da Semana Santa, e, por suposto, drons e música épica. Non sae xente comendo nin bebendo (co pouco que lles gusta iso por aquelas terras), só rezando. 

  • Movida tecnolóxica. ✓
  • Drons. ✓
  • Eucaliptos. ✓ (Aínda máis inevitables)
  • Música épica de libraría. ✓

Camiño Francés por Lugo

A estética é descaradamente Xogo de Tronos, pola música, polo tipo de planos e polas cores escollidas para retratar o camiño Francés ao seu paso por esta provincia. 

  • Drons. ✓
  • Monumentos. ✓✓✓
  • Música épica. ✓✓✓
  • Vacas. ✓
  • Néboa. ✓
  • “Vive…”. ✓

Ciclismo no Ézaro

A Costa da Morte tamén presentou en Fitur un dos seus reclamos turísticos, o Gran Fondo Ézaro, como “o espectáculo ciclista máis importante de Galicia”. 

  • Drons: ✓✓✓
  • Música épica: ✓✓✓ (xurariamos que a oímos tamén nalgún outro destes vídeos). 
  • Deporte de acción: ✓✓✓
  • Praias: ✓✓✓
  • Time-lapse: ✓✓
  • Solpor: ✓
  • Mensaxes motivacionais: ✓
  • “Siente…” ✓ 

“Vigo sin límites” 

A cidade de Vigo saca peito de valores que van maís alá do turístico (a industria, os concertos, as obras urbanas, o lucerío…). Vídeo de promoción da cidade ou propaganda electoral?  

  • Time-lapse: ✓✓✓
  • Drons: ✓✓
  • “Cuántas veces lo has soñado”: ✓
  • Deporte de acción: ✓
  • Praias: ✓
  • Cultura urbana: ✓✓
  • Industria: ✓✓
  • Copa de albariño: ✓✓
  • Actuacións municipais que convén recordar coma quen non quere a cousa, tipo ascensor de rúa ou luces do Nadal. ✓✓✓

Santiago para congresos

  • Time-lapse:  ✓✓
  • Monumentos. ✓✓✓
  • Ciencia e tecnoloxía: ✓✓
  • Solpor: ✓
  • Alta cociña: ✓
  • Praia: ✓
  • Drons: ✓

Rías Baixas

Outro dos vídeos máis ambiciosos, e dos exemplos máis completos. A tope coas mensaxes de motivación, que mesturados con outro elemento recorrente (os traballos tradicionais) e os personaxes coñecidos, dan como resultado un concepto algo máis interesante e elaborado que o resto. 

  • Mensaxe motivacional: ✓✓✓
  • Labores tradicionais: ✓✓✓
  • Personaxe coñecido a nivel estatal: ✓
  • Alta cociña: ✓✓
  • Brinde con Albariño: ✓✓
  • Música épica: ✓
  • Drons: ✓

Camariñas: “Cando todo encaixa”

O spot da XXIX Mostra do Encaixe de Camariñas vai un paso alá nisto das imaxes de drons e incorpora dixitalmente o tradicional encaixe a paisaxes e monumentos non só galegos senón de todo o mundo. Unha fantasía con música de Guadi Galego que se está a facer viral no Facebook. 

  • Drons. ✓✓✓
  • Labores tradicionais. ✓✓✓
  • Praia. ✓
  • Solpor. ✓
  • Fantasía dixital. ✓✓✓

Faite de vinte

A partir de 5€ mensuais podes suscribirte a VINTE e colaborar para que sigamos a producir contidos de calidade pagando dignamente as colaboracións de vídeo, fotografía, ilustración, xornalismo e creación de todo tipo.