O Son do Camiño. Crónica de 3 días no Monte do Gozo

Rematou o Son do Camiño e quedan atrás unha morea de actuacións nesta edición de 2019. Durante tres días o recinto do Monte do Gozo encheuse de xente moi variada que acudiu ao reclamo dun cartel moi ecléctico. Aquí a crónica do que se escoitou.

Un cartel moi variado chama por xente moi variada. E iso foi o que pasou no Son do Camiño. Nos tres días de festival xuntouse no Monte do Gozo xente de todos os estilos e idades. “Esto es como una fiesta de pueblo pero a lo grande”, dixo un asistente. O caso é que a nivel de ventas o éxito foi total con 33000 persoas cada día e entradas esgotadas dende había tempo para as xornadas principais. 

Co éxito de público das dúas primeira edicións agora toca mirar ao futuro. Dicía Gema Subterfuge hai moitos anos nunhas declaracións nas portas dun Festimad: “O eclecticismo é fundamental, se fas un festival sectario vanche ir catro”. Os anos demostraron que estaba moi equivocada e que o que fai triunfar un festival co tempo é que teña un estilo e unha personalidade marcada. E isto é o que deberá traballar o Son do Camiño: cara onde quere ir e que quere ser nos próximos anos.

Unha cousa foi clara: intentar ver toda a programación do festival era algo complicado, basicamente por aguantar tantas horas. Houbo concertos de 4 da tarde a 4 da madrugada todos os días e por iso cumpría escoller ben onde se querían gastar as forzas. E neste punto os cabezas de cartel levaron as de gañar. Unha mágoa porque a primeira hora houbo propostas galegas moi interesantes que pouca xente viu. 

A continuación unha crónica do que pasou no Monte Do Gozo a nivel musical.

 

Dia 1: Richard solo. 

Para moitos o festival empezou con Richard Aschcroft, un dos grandes nomes do primeiro día. Moi cedo, ás 19:45, o de Wigan saíu a escena só cunha guitarra acústica. Se xa era unha incógnita ver que podía ofrecer en directo con banda en Santiago (ao igual que os seus amigos Gallagher ten fama de festeiro e incontrolable) velo saír en acústico prendeu todas as alarmas. Non era o día nin o momento para un show así pero o ex líder de The Verve completou unha moi boa actuación. Tocou os hits todos e estivo sorprendentemente ben de voz. 

Público a primeira hora no concerto de Richard Aschcroft. © Matías Tarrío

Un tipo a reivindicar Richard Aschcroft, porque a maiores do descomunal éxito comercial de "Bitter sweet symphony" (que tamén tocou) ou do ben que funcionaron os seus discos en solitario en UK, el  pode presumir de ter feito con The Verve obras tan fascinantes como A storm in heaven, un dos mellores discos do ano 93. Dixo que ía volver cunha “gran banda” e oxalá sexa así. Cando marchaba do escenario cos seus característicos andares mancunianos volveu e cantou brevemente “Everywhere you go, always take the weather with you” citando a Crowed House, e facendo chanza co tempo. E é que ameazaba choiva toda a tarde, aínda que finalmente aguantou e incluso parece que quería saír o sol. O home parece que quedou contento co concerto, non sabemos que tal lle iría pola zona vella compostelá, pero no seu Instagram puxo esta foto chegando a Praterías.

Graveyard ofreceron no escenario pequeno un exercicio de hardrock ben executado e soando moi ben, pero iso só non basta. O público non acababa de conectar. Unha banda con 5 discos no mercado, en activo desde o 2006 e que incluso xirou por Europa con Soundgarden, ten que ter cancións boas para ofrecer.

O caso de Bastille é ben curioso.  Arrasaron no escenario grande, co público entregado, como se fosen Franz Ferdinand nos seus mellores tempos, cando realmente nunca foron cabeza de cartel en UK (este ano están en cuarta fila no Glastonbury). Moi repetitivos, e para nós, moi aburridos. Iso si, Dan Smith dos poucos do festival que falou en galego. 

E como concerto máis importante do día chegaron Die Antwoord. Realmente os sudafricanos fixeron todo o que se esperaba deles. Potencia visual e sonora para descargar todos os seus hits con ese estilo seu indefinible (harcore-rap-electro?). A xente quedou encantada. O dos visuais é para resaltar, todo o escenario grande eran pantallas (falábase de 500 metros cadrados de pantallas), e por alí apareceu todo o imaxinario de Ninja e Yolandi

O mundo según Die Antwoord. © Matías Tarrío

Dia 2: Rosaliña.

O segundo día só houbo tempo para ver os nomes máis importantes. Chegamos ao festival cando lle estaban cortando o son en “Turnedo” a Iván Ferreiro por pasarse de tempo. Cousa normal en todos os festivais do mundo pero que sempre desata a ira dos fans máis acérrimos. 

Había certa expectación por ver a Bloc Party. Unha banda con fama de bo directo e que nunca actuara en Galicia. Viñan para tocar enteiro o Silent alarm, do que xa van aló 15 anos. Kele Okereke, o seu vocalista e líder, estivo algo frío de máis, como o ambiente en xeral, e a banda puxo un pouco o piloto automático. A maiores hai que ter en conta que non está xa na formación o seu batería orixinal Matt Tong, toda unha máquina de mallar. Todo isto fixo que o público non acabara de conectar con eles. Iso si, a Cara A do Silent Alarm segue sendo imbatible, e ben tocada, como foi o caso, sempre levanta a parroquia. 

Kele Okereke nas pantallas do Son do Camiño. © Tamara de la Fuente

E contra as 23:15 da noite foi o momento de Rosalía ou como dixo ela nas súas redes, “Rosaliña”. Por aquí puidemos disfrutala bastante en directo e fomos vendo como aquela rapaza que cantou no castelo de San Antón da Coruña acompañada só pola guitarra de Raül Refree pasou a ser esa figura emerxente do ano pasado na Quintana, ata se converter no que é hoxe: unha estrela pop de categoría mundial.  Foi incrible como todo o público do festival se botou para diante para vela, ninguén quería estar lonxe, especialmente as rapazas máis novas (había centos vestidas coma ela e con carteis), para as que é un referente. Un referente que falou en galego moito, que transmitiu todo o seu amor por Santiago varias veces, e que volveu contar a historia de cando fixo o Camiño desde Roncesvalles a Fisterra e todo o que significou para ela. A seguir un vídeo dunha fan co que se entende todo.

O certo é que Rosalía exerceu de Rosalía. Se o New York Times dixo no seu momento de Lola Flores aquilo de “non sabe bailar, non sabe cantar, non a perdan”, de Rosalía podemos dicir que canta, baila e transmite a súa mensaxe como ninguén. Quen sabe como seguirá a súa carreira, pero polo de agora está sendo moi intelixente; artisticamente, asociándose con Refree, ou agora con El Guincho, e mediaticamente tamén. Algúns artistas non deixan que os graven, Rosalía é ao revés, ela quere que a graves, que lle fagas fotos e vídeos, e que o subas todo canto antes a Instagram. Houbo momentos do concerto que aquilo era un mar de pantallas. A súa utilización das stories é moi efectiva, e como exemplo sirva as que subiu horas antes desde o propio Monte do Gozo bailando e pasándoo ben coa súa irmá e as súas bailarinas (e dicindo o de Rosaliña).

Á metade de show empezou a chover, ela viuno e soubo agradecer o aguante do público. Un espectáculo que foi na primeira parte un concerto de flamenco (póñanlle o adxectivo que queiran) e unha segunda na que soltou os hits máis bailables, incluíndo "Aute Cuture", a última colaboración con El Guincho (seguimos sen saber para que peta no timbal base ese que leva nos directos se non se oe). 

E por último Black Eyed Peas. Unha banda que fixo unha superbowl, que vendeu millóns de discos, e que ten 6 grammys pero que a día de hoxe non son o que eran, e sen Fergie moito menos. Os 15 minutos iniciais de sesión do seu dj era para matalos, pero iso si, son americanos e saben facer espectáculo. Deixaron unha das imaxes do festival, que eles mesmos se encargaron de difundir nas súas redes. 

Ver esta publicación en Instagram

@osondocamino 🖤 #BEPSummer19

Una publicación compartida de The Black Eyed Peas (Official) (@bep) el

Dia 3: o día do patrón.

O último día abríase con 3 propostas galegas moi interesantes, Mordem, Ortiga e Baiuca. Encomenda difícil a de tocar tan cedo, especialmente para Baiuca. Foi unha pena porque é un proxecto que ven en liña ascendente e que está funcionando moi ben en festivais, a última hora podería ter sido un dos grandes triunfadores. Moitos non chegamos a ningún dos tres.

Familia Caamagno tiveron máis sorte co horario e congregaron un feixe de xente no escenario pequeno. Tocaron ben, soaron ben e presentaron o Había que intentalo, un disco que aínda ha ter moito recorrido. Un show que acabou co vocalista por entre a xente e todo o mundo bailando. Exemplo perfecto de que os grupos galegos e en galego tamén poden tocar a horas boas e ter éxito de público.

Familia Caamagno cuns traxes ben bonitos. © Uxía Arias

The Hives demostraron o que son no ano 2019. Unha banda á que xa lle pasou o sol pola porta pero que segue tirando de oficio para executar os seus éxitos en directo dunha maneira solvente e crible. Seguen sendo tamén a banda máis elegante do mundo, e segue o seu vocalista a dar uns discursos enormes entre tema e tema que cortan moito o ritmo do concerto. Por certo, para el somos “galicianos” (sic).

A rapazada toda que estaba facendo botellón fóra entrou de golpe para ver a Bad Gyal no escenario pequeno, que quedou un pouco pequeno de máis. O dancehall-trap de Bad Gyal fascinou desde os primeiros acordes de "Jacaranda", o tema máis coreado, pero o espectáculo de Bad Gyal é moi pantalleiro e ten un par de problemas. En primeiro lugar o show en si, con ela bailando e movéndose polo escenario con demasiado pregravado e cunhas coreografías bastante pobres. E por outro lado están as letras, resulta difícil que o seu discurso sexa crible sabendo que é unha rapaza de clase media (filla do coñecido actor catalán Eduard Farelo). E por último, sendo como é un referente para a rapazada, é bastante cuestionable a apoloxía do consumo de drogas que fai nas súas redes. Aquí bailando os sete bailares.

Ver esta publicación en Instagram

Gracias💖💖💖💖💖💖 @solundy hope u proud jjjj

Una publicación compartida de Alba Pussy K Mana (@akabadgyal) el

En Vetusta Morla aproveitamos para ir cear e prepararnos para o que viña, que era a hora de Iggy Pop. O patrón era a terceira vez que visitaba o Monte do Gozo e presentouse no escenario sen ningún tipo de artificio. Na era dos visuais e da parafernalia, Iggy apareceu nun escenario que só tiña un telón de fondo e como é habitual nel, co peito descuberto. Parecía querer dicir algo así como “aquí estou eu, non preciso nada máis”. Houbo moita xente que estaba esperando para David Guetta que non entendeu nada do que alí sucedía e incluso se podían escoitar comentarios sobre o vello que estaba ou o moito que coxeaba. 

Iggy Pop ofreceu no Son do Camiño un concerto de rock and roll cheo de dignidade. Con 72 anos abriu con "I wanna be your dog" e desde o primeiro momento sorprendeu o ben que soaba a banda e o ben que cantaba Iggy. A interpretación que fixo de "Gimme Danger" foi extraordinaria. E pouco a pouco foi soltando todos os seus hits, incluída "Jean Genie", en homenaxe a Bowie. "The Passenger" foi outro dos momentos do festival con todo o público coreando. Quedaron sen tocar "Real wild child" e "Candy", pero sorprendeu contra o final cunha fantástica  "Nightclubbing". Dá igual que coxee e que ande coa cadeira torcida, mentres Iggy Pop siga cantando así de ben e teña esa enerxía seguirá ofrecendo grandes concertos coma o do sábado. Un fan gravouno moi de cerca.

Cambios nos horarios fixeron que tivesemos que escoller entre ver a Ajax y Prok ou David Guetta. Visto que o que viña do escenario grande recordaba demasiado a algunha sesión de discoteca dos 90s decidimos ir ver aos xemelgos de Granada. Xa o avisaba Sokram de Dios Ke Te Crew na entrevista que lle fixemos hai pouco en VINTE, Ayax y Prok enchen onde van. Aquí competían con David Guetta e aínda así xuntaron moitísima xente no escenario pequeno. Hip-hop 90´s con mensaxe, ben executado e co público coreando as cancións. Estes rapaces do Albaycín soan auténticos.

Ayax y Prok enchendo o escenario pequeno mentres David Guetta poñía música no grande. © Matías Tarrío

E ata aquí a humilde crónica do que se escoitou. Pero non podemos deixar de facer un comentario extramusical. Disque a xeración actual máis nova é a primeira que vai ter unha conciencia medioambiental de verdade e que pode ser a que loite de maneira efectiva contra o cambio climático. Pois parece que non vai ser a que acudiu ao festival, o espectáculo á saída do recinto os tres días foi lamentable. A rapazada que facía botellón deixou montes interminables de lixo tendo a man ringleiras de contedores baleiros colocados para tal fin. Moi duro de ver.

Matías Tarrío

Matías Tarrío

Redactor de VINTE. Gústanme os discos e as filloas con rixóns.

Vinte no Monte do Gozo

  • Vinte imaxes do Son do Camiño

    Nun festival tan grande e variado como o Son do Camiño xúntase moita xente. Cada unha coa súa historia e coas súas circunstancias, e por suposto, cos seus gustos. Uns ían por David Guetta e outros por Iggy Pop, pero todos tiñan en común algo: as ganas de disfrutar. Fixemos esta galería co público e traballadores do festival. Dalgunha persoa sabemos o nome e as circunstancias. E doutras non, desculpádenos. Con todo aquí vai esta colección de imaxes do festival, 20 de VINTE, feitas por de Tamara de la Fuente.

    Música

Faite de vinte

A partir de 5€ mensuais podes suscribirte a VINTE e colaborar para que sigamos a producir contidos de calidade pagando dignamente as colaboracións de vídeo, fotografía, ilustración, xornalismo e creación de todo tipo.