Será este sábado 11 na sala Capitol de Santiago de Compostela cando Dios Ke Te Crew presenten O ciclo da serpe, o seu novo disco. Hai moita expectación con esta nova entrega dos de Ordes e en VINTE quixemos coñecer de primeira man a opinión da histórica banda.
Xa van aló 13 anos desde Xénese (2006), o primeiro LP de rap en galego da historia e debut discográfico de Dios Ke Te Crew. Unha obra na que se materializou todo o traballo que desde había anos viñan desenvolvendo Mou, Sokram, Dj Murdock, Jamas e García. Primeiro foron 5 Talegos, despois Ghamberros e finalmente DKTC. Un colectivo que desde unha vila pequena como Ordes propagou a cultura hip hop por toda Galicia e propiciou que moita rapazada que daquela escoitaba rap nas cidades vise que o galego tamén valía para iso. E non só como algo reivindicativo, senón como un vehículo natural para facer un excelente disco de rap como era aquel.
No 2011 chegou Humanose, e no 2013 o maxi Dez, e desde aquela gardaron silencio aínda que, como era previsible, non pararon quietos. “Estivemos sempre facendo cousas. Ata 2015 seguimos dando concertos. E despois Jamas e Murdock tiveron outros proxectos persoais á parte da música, e eu saquei un disco en solitario (Chuvia Ácida, 2015)”, relata Sokram. “E tamén estivemos facendo bricomanía, estivemos case 1 ano rematando o novo estudio”, conta Jamas. O estudio é Rapapoulo, onde sempre gravan DKTC e onde gravaron O ciclo da serpe. O primeiro adianto do disco foi “Silencio” e contaba cun videoclip feito a medias entre eles e A. L. Crego.
O ciclo da serpe é un disco moi Dios Ke Te Crew, con todos os sinais de identidade da banda. “No disco podes atopar de todo. Desde temas máis vacilóns como `Cachimba´ ou `Cacharela´, ata temas máis escuros. Outros son máis festivos e outros máis retranqueiros, é un disco moi ecléctico e coa pegada característica de DKTC”, describe Jamas. Neste disco hai pingas de reggae, dub, funky, ou electrónica, como ben sabe Mou: “hai un pouco de todo o que nos mola. Pero sempre con bases contundentes e pensando en levalo ao directo”. Para Sokram a cousa está clara e utilizando o humor describe o que buscan: “queremos que a xente teña maniotas no pescozo”.
O segundo adianto do disco foi "Melancolía" e tivo tamén outro impactante videoclip, neste caso dirixido por Xaime Miranda. “É unha revisión de Melancolía de Lars Von Trier, contrastando a película con xente de moitos cartos coa xente de a pé do videoclip”, conta Sokram. Un beat potentísimo con ecos de DJ Shadow e unha letra moi directa mesturada con frases da serie True Detective, completaban o single.
Dios Ke Te Crew seguen a conservar neste 2019 moita da esencia de cando empezaron. “Seguimos sendo os 4 `quinquis´ de sempre”, di Jamas. Os 4 de sempre xa que o quinto, García Mc, quedou no camiño. “Desde 2016 decidiu enfocarse no seu proxecto en solitario. Nós continuamos coa dinámica de sempre, de amigos que se xuntan para facer temas e letras”, conta Mou sen ningún reproche para o antigo integrante.
En xeral Dios Ke Te Crew están moi contentos co disco. ”Tiñamos unha expectación persoal de querer facelo o mellor posible, de que estivésemos a gusto os 4. Ao final quedamos moi satisfeitos, é o mais concienciudo e fiado dos que fixemos”, relata Jamas. E Marcos secúndao: “É o que máis redondo nos quedou”. Para envolver o traballo contaron no deseño da portada coa artista ordense Lidia Cao. E ollo, que ven con realidade aumentada grazas a A.L. Crego. Aquí unha mostra directamente do Instagram da banda:
Neste O ciclo da serpe DKTC víronse arroupados por un feixe de colaboracións de amigos e achegados ao colectivo. Na nómina están Alto Asalto (“Case compañeiros de pupitre, sempre facendo cousiñas con eles en directo. Son uns grandes do rap en galego e gravan en Rapapoulo. Son da casa”, di Sokram), Croma (facendo unha produción trance), parte dos Homes Sen Medo metendo ventos, Santonio ás guitarras (“sempre á beira dos rapeiros, veu moito en directo con nós e é un clásico de Ordes”, conta Mou), Javi Pardiñas de Bush Doctors, e Inés Miranda que puxo o piano de "Melancolía".
Pero se houbo unha colaboración especial para a banda esa foi a de Hermano L de La Puta Opepé en "Cachimba". “La Puta Opepé para nos é un referente do dancehall, do reggae e do rap en castelán. Sempre nos molou polo seu `rollo´ vacilón e o sentido do humor. Xa hai anos que nos vimos atopando con Hermano L. Fomos falando e acabamos colaborando neste disco. Ten moito merito porque fixo a letra e rapeouna en galego. A pesar de que os seus pais son galegos el criouse e viviu toda a vida en Mallorca, pero fixo esa forza para facela en galego”, relata Sokram. “Foi moi especial para todos. Hermano L é un dos mellores, todos aprendemos del”, apunta Mou.
No disco tamén aparece un personaxe, o Cabo Ameneiro, que xa aparecía en Xénese. Un Guardia Civil ben retranqueiro interpretado por Miguel De Lira. O que lle dá o contrapunto nas voces é o que máis sabe disto en DKTC, Dj Murdock, de nome real Felipe González, e que, entre outras cousas, tamén se dedica á actuación, de feito fixo dun dos policías importantes na serie Fariña. “Con Miguel foi moi divertido traballar, non pode ser de outra maneira. El é moi espontáneo, tes un guión e se te deixas levar con el acabas facendo unha serie”, describe o propio Felipe.
Para os que coñecen a comarca hai un tema moi especial no disco e ese é "15680", unha canción dedicada a Ordes, que expresa amor e odio por un lugar. “É case extrapolable a calquera vila de Galicia pero sen queique nin grelos. Un colega puxo no Facebook que era unha vila de merda pero que era a nosa vila de merda”, relata Sokram. Mou xa deixou clara a súa opinión no especial Vinte en Ordes que publicamos en VINTE, e a banda concorda en todo o que había antes a nivel cultural (bandas, festivais, locais) e non hai agora. Un dato: na Festa do Champiñón de Ordes sempre se facían concertos á parte e fóra da programación institucional nalgúns locais, este ano non houbo ningún.
'15680', unha canción dedicada a Ordes, expresa amor e odio por un lugar. “É case extrapolable a calquera vila de Galicia pero sen queique nin grelos. Un colega puxo no Facebook que era unha vila de merda pero que era a nosa vila de merda”
No medio da conversa con Dios Ke Te Crew xurde o tema da explosión comercial das novas músicas urbanas e o trap. Fala Sokram: “Musicas urbanas é unha etiqueta inexacta, pode haber xente no rural facendo hip hop. Mira Monqup desde o rural a música que fai. E eu non estou de acordo con que a rapazada escoite agora trap en vez de rap. Ayax Y Prok ou Foyone están petando salas por toda España facendo hiphop 90s. Creo que unha escena retroalimenta a outra, o rap e o trap son estilos que van da man”. Para Jamas internet é fundamental: “ten moito que ver coa inmediatez de internet e das redes sociais, a veces son modas efémeras”.
O día 17 de maio sairá á venda en soporte físico O ciclo da serpe. Quen o queira conseguir antes pode facelo comprando o pack de entrada e disco que se vende para o concerto deste sábado na Sala Capitol de Santiago de Compostela. Esta presentación será moi especial xa que só a farán esta vez. “Vai haber colaboracións, sorpresas e uns visuais espectaculares feitos por A. L. Crego. Vai ser un concerto irrepetible, só para ese día, un show único. Estamos desexando que chegue”, conta Mou. “Vamos facer suar as paredes da Capitol”, relata entre risas Sokram. Alí estaremos para comprobalo.