Para a maioría da xente Ordes é unha vila de paso a medio camiño entre Santiago e A Coruña. Para todo o mundo rural que hai arredor é a referencia urbana, a vila. E para toda unha xeración foi o lugar de festa nocturna que recordarán sempre. Pero, no ano 2018, que é Ordes?
Texto: Matías Tarrío
Imaxe: Sabela Iglesias
Ordes 2018
“Entre Carral, Ordes e Sigüeiro, non se sabe cal é máis feo”. Esta frase escoitada en Sigüeiro, ben pode resumir o que significa Ordes para moita xente: unha vila de paso sen ningún atractivo que ten que atravesar por que non lle queda outra. E é que Ordes está, en coche, a media hora da Coruña e a media hora de Santiago. Co encarecemento salvaxe da autoestrada AP9, moitos condutores optan por facer o traxecto pola estrada N-550 e esta atravesa Ordes de arriba a abaixo. Con 7.600 habitantes (o municipio enteiro ten 12.700 segundo fontes do Concello), Ordes ofrece todo o preciso para ser unha parada importante, pero ademais, a pouco que se preste atención, vemos que é un sitio singular. “Ordes é un sitio pintoresco”. Son palabras dun ordense, e seguramente teña razón. Falamos dun lugar que ten unha festa gastronómica dedicada ao champiñón, un produto que non é propio da zona, e que non exalta o grelo, produto do que si é unha potencia case mundial. Un lugar que ten unha sobremesa típica chamada queique, que ven do inglés “cake”, traída da Arxentina hai 90 anos. E un lugar que, a pesar da crise, do peche de importantes empresas que tiña no sector téxtil, e da pouca actividade do sector da construción, ten unha taxa de paro, segundo o Instituto Galego de Estatística practicamente igual á galega, 12,5%.
Algo acontece en Ordes. Aparentemente só é unha vila barata (unha manzanilla, un café, dúas augas, e dous anacos de biscoito caseiro, custan 4 euros nun bar), cómoda (hai zona ORA, pero é moi fácil aparcar gratis todo o día), tranquila, e moi próxima a todo. Pero algo máis debe haber. Os que mellor o deberían saber son os seus habitantes. Aquí vive xente de moi variado perfil, e semella que non están moi de acordo sobre o que é Ordes no 2018.
A vaca é de onde pace
“Ordes é perfecto para min, nunca marcharía de aquí”. O que di isto é Ezequiel, un mozo da República Dominicana que chegou a Ordes con 11 anos. Desde fóra custa entender tal afirmación. Como case todas as vilas galegas Ordes sufriu nos anos oitenta un deterioro urbanístico importante que a transformou nunha vila pouco agraciada esteticamente. A súa proximidade á Coruña e a Santiago fai que aquí nunca houbese centros comerciais ou sociedades culturais ao nivel doutras vilas históricas. O clima tampouco acompaña, aquí os invernos son máis húmidos e fríos do normal. Entón, que ten Ordes? “Teno todo”, responde seguro Ezequiel. Aos seus 29 anos, e despois de 18 en Ordes, síntese completamente integrado.
Ezequiel chegou a Ordes un día chuvioso de outono e o primeiro que viu foi a alameda cos plataneiros sen folla. No Caribe, onde se criara, nunca vira unha árbore sen folla e a estampa pareceulle tan triste que quería marchar. Á semana xa tiña varios amigos, que son os mesmos que segue tendo agora. Cando fala de Ordes, dos seus amigos e da súa familia, ilumínanselle os ollos. “En Ordes téñoo todo: traballo, amigos, e familia. E aquí todo é cómodo e está á man. Vívese moi ben”. Para Ezequiel outro aliciente importante é o deporte, xogou en case todos os equipos de fútbol afeccionado da volta e encántalle ir ver calquera encontro que haxa os sábados na vila (baloncesto, fútbol ou hóckey, que ten moita tradición en Ordes).
Cando Ezequiel chegou a Ordes, aló polo 2000, só recorda que houbese dúas familias estranxeiras en toda a vila. Realmente, e comparado co resto de Galicia, Ordes non é un lugar importante de recepción de cidadáns estranxeiros. Segundo o Instituto Galego de Estatística no ano 2017 chegaron a Ordes 96 migrantes, o 0,76% da poboación, un dato moi semellante ao galego (0,70%) pero que é pequeno se o comparamos con outros concellos de poboación similar, por exemplo Sarria, que recibiu 129, ou Noia con 219.
A súa proximidade á Coruña e a Santiago fai que aquí nunca houbese centros comerciais ou sociedades culturais ao nivel doutras vilas históricas. O clima tampouco acompaña. Entón, que ten Ordes? “Teno todo”, di Ezequiel.
Ezequiel é espontáneo e moi sincero. Di que non sabía o que era a palabra racismo ata que chegou aquí, tiveron que explicarlla; pero nunca sentiu na vila ningún tipo de discriminación pola cor da súa pel. A súa integración na sociedade ordense é total. Pódese apreciar directamente na maneira de falar. O seu galego, con trazos propios da comarca, delátao. Soubo no avión, cruzando o Atlántico, que o lugar para onde ía tiña outro idioma diferente ao castelán, pero cando chegou non tardou en aprendelo. “A miña nai e o galego déronmo todo”. Para Ezequiel, o galego abriulle portas desde o primeiro día, e serviulle para gañar a confianza da xente en todos os traballos que tivo (actualmente traballa nunha carpintería metálica). Ezequiel séntese moi galego, e xa sentencia con refráns: “A vaca non é de onde nace, é de onde pace”. Nada que engadir a un refrán ben botado, no momento correcto.
Cousas que facer en Ordes
Javier Mourón, “Mou”, e Alba, son parella. Andan polos 37 anos e acaban de ter un fillo, Xián. Mou é un vello coñecido da escena ordense. É membro do colectivo hip hop Dios Ke Te Crew, é deseñador gráfico, e dirixe os festivais de arte urbana de Carballo (Rexenera Fest), Ordes (Desordes Creativas), Santiago (Compostela Contemporánea) e Cambre (Cromático Mural Fest). Alba é unha bióloga con alma de educadora, e puxo en marcha Gaia, un centro educativo e psicopedagóxico, en Sigüeiro, a apenas 10 minutos en coche. A súa visión da realidade ordense é máis pesimista. Aínda que recoñecen que a maior parte da xente da súa idade acabou quedando na vila, ven moi complicado o futuro para a xente nova. Para eles hai dous factores fundamentais para vivir en Ordes: os prezos e ter a familia cerca. Alba: “Ao ser de aquí, e cun fillo, a axuda familiar é vital, e iso fai todo moi cómodo. O ter a familia cerca sempre nos axudou moito, incluso antes de ter fillos. E a nivel de prezos é unha vantaxe tamén. En Ordes os pisos son moi baratos. Nós temos un piso bo, grande, e con praza de garaxe, pola metade do que custaría en Santiago”.
A cultura e as posibilidades de ocio parecen ser as eivas de Ordes. A perspectiva dunha fin de semana con mal tempo semella ser algo problemático, especialmente ao ter fillos, como Alba e Mou. “No inverno é moi complicado, non tes nada que facer cun neno. Ou te metes nun bar, ou non tes que facer” (Alba). No apartado cultural Mou fala directamente de oportunidade perdida, por non ter conseguido que nada do que houbo hai pouco tempo en Ordes se conseguise manter: “En Ordes non hai moitos anos había tres festivais de música (Brincadeira, Meigas Fóra, e Revoltosa), unha sala de concertos programando con certa regularidade (Badulake), varios grupos e, sobre todo, moita mocidade querendo facer cousas. E todo partindo da xente, nunca do Concello. Para todo iso non houbo relevo xeracional". Na actualidade os poucos que seguen facendo algo culturalmente relevante en Ordes case veñen todos desa época, como Dios Ke Te Crew, que acaban de gravar novo disco no seu estudio para saír na primavera. Cando se lle pregunta a Mou que bota en falta en Ordes di “ser Carballo, que ten tres festivais de música, un de teatro, un de contidos dixitais e unha morea de actividades ao longo do ano, para maiores e tamén para os cativos”.
A construción da autoestrada AP9, concretamente o tramo da Coruña a Santiago, que se inaugurou no 1979, trouxo moitos traballadores que tomaron como base Ordes.
Os bares sen auga
Entre finais dos anos 70 e os primeiros anos da década dos 80 foi o momento de máximo esplendor de Ordes. Coincidiron no tempo varias cousas que lle deron pulo á vila. Por unha banda a construción da mina e posta en marcha da central de Meirama (1976-1980). A nivel institucional Cerceda recolleu moitos cartos de Meirama, pero no referido aos negocios privados e o pequeno comercio, quen saíu gañando foi Ordes, que está a só 11 quilómetros. A construción da autoestrada AP9, concretamente o tramo da Coruña a Santiago, que se inaugurou no 1979, trouxo moitos traballadores que tomaron como base Ordes. E por último, Viriato, a histórica marca téxtil, tivo nos primeiros 80 os seus anos de máxima expansión: traballar en ou para Viriato era algo moi común nas mulleres de Ordes e a súa contorna. A estas tres cuestións tan importantes hai que sumarlle a construción e instalación de todo tipo de infraestruturas que estaban por facer coa chegada da democracia e a apertura económica. Liñas de teléfono, modernización das instalacións eléctricas, modernización do ferrocarril, construción de todo tipo de estradas secundarias...todo estaba por facer na Galicia deses anos e Ordes sempre foi un cruzamento importante e un lugar de paso a medio camiño de todo, que era ideal para montar bases operativas deste tipo de infraestruturas.
O desenvolvemento de Ordes coñeceuno ben Calixto, que durante 30 anos tivo o Café Bar Doniña, un dos de máis sona de Ordes. “Cando abrín o bar no ano 78 era difícil atopar pisos en aluguer en Ordes, estaba todo completo, non había sitio para todos os que querían vir”. Calixto recorda perfectamente eses anos de esplendor. Aos seus 72 anos, xa xubilado, conserva a lucidez e a memoria para dar datos precisos ou contar historias daquela época con todos os detalles. No Doniña actual, que conserva o nome e a disposición do antigo, aínda loce unha fotografía na que se pode ver a xente que frecuentaba o bar antes, rodeando a un Calixto ben máis novo, pero que se vía feliz co seu negocio. “Abría o bar ás nove da mañá e ao pouco xa estaba cheo. Todo o mundo tiña cartos para gastar. Nunca conseguía pechar antes das tres ou catro da madrugada, incluso días de semana”. Eran tempos nos que se vivía o ocio de outra maneira: fumábase nos bares, consumíase moito alcol, había partidas de cartas apostando en todos os sitios, e as máquinas comecartos funcionaban como nunca. “A máquina tragaperras que tiñamos no bar daba para pagar a luz do mes e os soldos de dous empregados. Había cola para meterlle á máquina. E ademais a xente bebía moito, e non auga! Eu botei anos sen ter auga a vender no bar”.
Os trens perdidos
Álvaro ten 36 anos, está casado e non ten fillos. É operador de onduladora nunha fábrica de cartón en Cerceda. A súa visión contrasta coa dos anos prósperos que conta Calixto. “A miña xeración colleu a peor época. Xente moi ben formada con traballos de mil euros. Gañamos menos que os nosos pais”. A Álvaro gústalle vivir en Ordes, en xeral ten todo o que precisa, é barato, e o feito de estar cerca da Coruña e Santiago permítelle acceder facilmente á oferta comercial e de ocio das dúas cidades. Álvaro apunta algo tamén moi importante: “Vivir en Ordes permite que nunha parella un poida traballar na Coruña e outro en Santiago”. Probablemente este sexa o punto máis forte da vila e o que fai que, malia a crise de natalidade que atravesa o noso país, Ordes non perda poboación e sexa habitual ver moitos cativos pola rúa (o concello mantense máis ou menos estable nos 12.700 habitantes desde hai dez anos). Álvaro tira de retranca para explicar o da natalidade: “É como cando foi o Hortensia que despois naceron moitos nenos. Agora pasou igual coa crise e a xente parada na casa sen nada que facer”.
Con todo, para Álvaro, Ordes é “unha chea de trens perdidos”. Eses trens van desde o esplendor de finais dos 70, á fornada cultural de hai 10 anos que falaba Mou, e tamén, ao auxe da movida. Ordes chegou a ser contra finais dos 90 a capital da festa nocturna de toda a provincia da Coruña. Cada sábado máis de dez mil mozas e mozos acudían a Ordes desde diferentes lugares de Galicia. O reclamo principal era a macrodiscoteca LP45 (a máis grande e con mellor tecnoloxía de Galicia no seu momento), inaugurada no 1997, e que tiña autobuses propios que traían á mocidade desde lugares tan dispares como Betanzos, Curtis, A Coruña, Santiago ou Carballo. En LP45 chegou a actuar Richie Hawtin en fin de ano ou El Canto del Loco nunha festa de aniversario. Ademais, arredor da discoteca, no Campo da Feira, funcionaban unha chea de pubs, cada un coa súa temática e estilo, e todos cun nivel moi alto de tecnoloxía e deseño. Para aparcar o coche un sábado era necesario deixalo fóra da vila, e eran habituais atascos na entrada arredor das 12 da noite. A movida facía que todos tirasen proveito, desde os bares, os hostais, os restaurantes e ata o pequeno comercio os sábados pola tarde, cando Ordes era un ir e vir de xente. “Antes só era os domingos, porque a xente ía a aldea, pero agora tamén está todo deserto os sábados pola tarde. A movida traía xente desde primeira hora e poñía a Ordes no mapa. Todo o mundo sabía onde quedaba Ordes. Agora todo iso perdeuse”.
Ordes chegou a ser contra finais dos 90 a capital da festa nocturna de toda a provincia da Coruña. Cada sábado máis de dez mil mozas e mozos acudían desde diferentes lugares de Galicia. O reclamo principal era a macrodiscoteca LP45.
Vendido!
Toda a xente de Ordes alude, para vivir aquí, á comodidade, á tranquilidade e ao prezo das cousas, especialmente da vivenda. Os datos que ofrece Ricardo, da Inmobiliaria Caxide, confirman todo isto. “Ordes é un lugar barato para alugar. Por 350 euros tes un piso de tres habitacións con garaxe, trasteiro, amoblado, e de menos de 10 anos. Para mercar de primeira man está practicamente esgotado, non hai nada. E de segunda man o normal é 100.000 euros por un piso de tres habitacións, ascensor e menos de 10 anos. Se é sen ascensor, un segundo de tres habitacións, pode custar 40.000 euros”. Aínda que non o poida parecer o mercado inmobiliario móvese moito en Ordes. As razóns son as sabidas: Ordes está no medio de todo e aquí ven parar moita xente desprazada. Hai algunhas empresas moi potentes cerca. A central térmica de Meirama, e Sogama e a súa planta incineradora de lixo, a pesar de estar xa no concello de Cerceda, dan traballo a moitísima xente que vive en Ordes. Ademais, xa no propio concello, temos Internaco, unha gran empresa de distribución do sector forestal e de xardinería que desde hai 10 anos ten xa a súa propia marca, e Macoga, fabricante mundial de xuntas de expansión para o sector da enerxía. En Ordes tamén é habitual que moitos comerciais que veñen facer campañas pola provincia aluguen pisos por dous ou tres meses.
Un fenómeno que apuntaba Álvaro confírmao Ricardo coa súa experiencia inmobiliaria: tenlle alugado pisos a parellas que traballaban el en Oleiros e ela no Milladoiro e buscaban un sitio no medio. Cando se lle pregunta a Ricardo que outras razóns hai para vivir en Ordes, el xa advirte, con moito humor, que o seu traballo é vender Ordes. E en verdade que o fai. As súas razóns e como as explica parecen imbatibles: “En Ordes vívese moi ben por unha razón principal, desfrutas da experiencia de vivir tranquilo, cómodo e barato nunha vila (con zonas verdes e natureza á beira), pero con todos os servizos dunha cidade grande. Aquí tés xulgado, notarías, rexistro, piscinas climatizadas, ximnasios, Escola de Idiomas, institutos, xardíns de infancia….etc. E a isto, que poden ter moitas vilas galegas, hai que engadirlle que estás a media hora da Coruña e media hora de Santiago, que nos tempos que corren non é nada”.
Chourizos e rixóns
A carnicería Buyo leva aberta desde o ano 46. É un negocio moi coñecido en Ordes. Ademais da boa carne, teñen sona os chourizos curados con leña de carballo (e cun suave toque picante que os fan deliciosos) e os rixóns, que seguen facendo á man e ao estilo da comarca (nada que ver cos chamados “chicharrones” que son como un bloque, isto é outra cousa). Antonio Buyo é o terceiro Antonio Buyo que leva a carnicería, antes foron o seu avó e o seu pai. El ten agora 27 anos e é carniceiro de vocación. “Con 5 anos xa me poñía a picar e amañaba un caldeiro de 30 ou 40 quilos de rixóns”. Xa leva tempo traballando no negocio pero hai 3 anos, cando se xubilou seu pai, púxose el ao frente. El ve todo moi parado en Ordes. Algúns dos seus amigos xa marcharon, e é consciente de que non vai coller moitos dos anos bos que colleron seus pais. “Nalgúns supermercados venden os polos máis baratos do que me custan a min. Contra iso non poido facer nada. A miña baza é a calidade e a atención personalizada”. Con todo, Antonio ten esperanza e ganas para manter o negocio e conseguir, el tamén, chegar á xubilación coa carnicería. É curioso, que ante a pregunta de se bota algo en falta dunha cidade grande ao vivir en Ordes, el responde que o que bota en falta “é a aldea, non a cidade”.
Para Antonio, e para moita xente, Ordes é a referencia urbana. Non hai moitos anos era habitual a imaxe de rapaces novos no coche traendo ao patrón da casa “a cobrar”, que basicamente consistía en traer ao avó ou avoa a Ordes o día da feira para cobrar a pensión e facer algunhas compras. Normalmente era (ou é) xente que na casa tiña unha explotación gandeira e que é moi raro que vaian a Santiago ou á Coruña para ese tipo de recados. A ocupación na gandería, como en todo o territorio galego, decaeu moito nos últimos tempos: no concello de Ordes pasouse dun 27% da poboación dedicada á agricultura e gandería no 1991 ao 9% do 2011 (datos do Concello de Ordes). Con todo, a xente da contorna que vive no rural, aínda a día de hoxe, é habitual que veña a Ordes para facer todo o que se fai nunha cidade (compras, trámites, e consultas), e o radio de acción da vila é moi amplo.
O Facebook é para vellos e Ordes é aburrido
A xente máis nova de Ordes é probablemente a máis pesimista. Os tempos de máis empuxe económico non os viviron e tampouco oíron falar moito deles. E as perspectivas de futuro non pintan ben. Eva ten 22 anos, estudou Belas Artes e agora está facendo un mestrado a distancia. Para ela Ordes é aburrido. “É moi limitado. Hai poucos bares chulos, poucos restaurantes, unha oferta cultural nula….é como unha aldea, moi tranquilo, moi cómodo, na rúa todos somos coñecidos, pero é aburrido. Boto en falta algo que facer: concertos, exposicións, monólogos, poesía…”.
"Boto en falta saír á rúa e ver moita xente, o sábado pola tarde saes e está todo baleiro. A xente aproveita para ir a Marineda ou ás Cancelas, e pasar a tarde cos nenos".
O comercio de Ordes ten sona de ser moi bo. Hai negocios de toda a vida que traballan moi ben. De feito, sorprende o dato de que o 53% da poboación do concello se dedique ao sector servizos (cando no 1991 era o 33%). Eva resume moi ben o “problema” da proximidade á Coruña e a Santiago e como repercute e repercutirá no futuro no pequeno comercio ordense. “Boto en falta saír á rúa e ver moita xente, o sábado pola tarde saes e está todo baleiro. A xente aproveita para ir a Marineda ou ás Cancelas, e pasar a tarde cos nenos. Ordes ten moi bo comercio, pero a xente bótase ao barato e á comodidade, é normal”. A pesar disto Eva cre que Ordes ten futuro porque hai moita xente á que lle encanta vivir aquí, e que, esa mesma xente, ten a aspiración de atopar un traballo que lle permita quedar na vila (en Santiago ou arredores) e casar. “Non creo que Ordes vaia a máis, pero vaise manter como referencia da contorna”.
Outra que opina de maneira semellante a Eva é Aitana. Con 18 anos recentemente cumpridos, Aitana cre que en Ordes non pasan moitas cousas. Gustaríalle quedar aquí porque aquí está a súa xente pero pensa que vai ter que marchar. Polo de pronto vai deixar atrás o instituto e se todo vai ben empezará na universidade o ano que ven, probablemente en Santiago. Ten ganas dese cambio e de probar noutro lugar. Como moita xente en Ordes, o seu ocio aquí é reducido: “Gústame a movida de Ordes e saír pola noite cos meus amigos”. Aitana naceu no ano 2000 e é unha rapaza do seu tempo como calquera de calquera cidade grande. Gústalle C. Tangana, un pouco de Rosalía (pero non moito), e Bad Bunny, que foi o primeiro concerto ao que asistiu. Nas redes segue a youtubers como AuronPlay, Andrea Compton e Soy Una Pringada. E non, non ten Facebook. “O Facebook está en decadencia, a xente da miña idade non ten Facebook. Teno miña nai”. Aitana utiliza sobre todo Instagram, tal e como é moda agora. Onde si parece haber datos bastante optimistas é en relación ao idioma. Tanto Eva como Aitana din que en Ordes a xente nova fala maioritariamente galego. Aitana: “Na miña clase, de 24, falamos galego 23”.
O poder da xente
O alcalde de Ordes é José Luís Martínez Sanjurjo, do Partido Popular, e goberna en minoría. Os últimos anos da política local en Ordes foron bastante convulsos, con gobernos en minoría, tránsfugas, mocións de confianza e todo tipo de inestabilidades. As inminentes eleccións municipais dirán cara onde vai a vila: manter a tendencia conservadora que, con diferentes partidos, leva desde o ano 87 no poder, ou abrir unha nova etapa.
Sanjurjo coincide con moitos dos entrevistados nas fortalezas de Ordes (non perde poboación, ten unha taxa de paro contida, está a medio camiño de todo) pero tamén alerta das debilidades: ”Preocúpame especialmente o prezo da enerxía, pois é un factor fundamental para a competitividade das empresas e tamén para o benestar das familias. E temo que algunhas medidas anunciadas recentemente (peche de centrais térmicas, imposto ao diésel, por exemplo) non apuntan precisamente na dirección axeitada”. O peche da central térmica de Meirama foi anunciado recentemente polo goberno de España de maneira non oficial e, de levarse adiante, sería para o ano que vén. Calcúlase que o peche de Meirama podería afectar a case 500 postos de traballo directos. As razóns do peche non veñen dadas polo goberno de España, senón pola nova normativa europea que entrará en vigor en 2020 e que reduce considerablemente as emisións de gases contaminantes. Ademais, todos os expertos na materia alertan da ineficiencia deste tipo de centrais, da gran pegada ecolóxica que deixa a extracción e transporte do carbón, e na cantidade de CO2 que expulsan á atmosfera. O biólogo Xosé Veiras fala en Praza de que “pechar a central de Meirama é como reducir de repente á metade ás emisións do transporte en Galicia”. No ano 2017 o pleno do Concello de Ordes votou unha moción a favor da continuidade de Meirama. Saíu adiante cos votos do PP e UXO (Unión por Ordes) e a abstención do BNG e PSOE. O concelleiro do PSOE abstívose polo feito de que el mesmo traballaba en Meirama.
O peche da central de Meirama, necesario para cumprir a normativa europea de redución de gases contaminantes, podería afectar a case 500 postos de traballo directos. Moitas desas persoas viven en Ordes.
Unha das grandes demandas dos habitantes de Ordes é a cultura e posibilidades de ocio máis aló dos bares. O alcalde defende a súa xestión: “Con frecuencia organizamos presentacións de libros exposicións, charlas, teatro, recitais, mesmo algunha proxección cinematográfica para os máis pequenos da casa. E tanto no verán como no Nadal adoitamos programar actividades dirixidas á rapazada”. Esta última frase é exactamente do que se queixan algúns entrevistados. Alba afirma que precisamente só hai actividades para os máis cativos desde o concello no Nadal ou no verán, o resto do ano nada (e sempre aparece o temido sábado de inverno, sen nada que facer e coas rúas desertas). E aquí entramos na xente máis nova, nos cativos, e no futuro que lle espera a Ordes. O alcalde pon especial énfase na fixación da poboación que viría dada por proxectos como un novo polígono industrial á saída da AP-9. Martínez Sanjurjo salienta a importancia da proximidade de dous aeroportos e dous portos exteriores (Punta Langosteira e Caneliñas), que farían deste futuro complexo un lugar privilexiado en canto a comunicacións. Ademais deste proxecto, o alcalde ve o futuro con optimismo. Despois da crise o seu convencemento reside na propia cidadanía de Ordes: “A xente de Ordes ten unha especial capacidade para saír adiante e podo afirmar, con absoluto convencemento, que a recuperación avanza a bo ritmo”.
Contrastes Ordes
Ordes é unha terra de contrastes, algúns moi extremos. Aquí podemos pasear por bonitas zonas verdes pero erguer a vista e apreciar a fumeante cheminea da central de Meirama. Podemos camiñar polas súas rúas e ver a imaxe máis auténtica do feísmo galego, e á súa vez desfrutar nas paredes dos seus edificios de auténticas obras de arte de artistas internacionais. Ordes é un concello que se posiciona contra os eólicos no seu territorio, e á súa vez contra o peche dunha central contaminante como Meirama. E Ordes é un sitio no que un migrante quere quedar para sempre, e un criado na propia vila quere marchar canto antes. Ordes, ese lugar.
Ordes, ese lugar
Ordes para pasear:
- Parque Ramiro Recouso: paseo moi bonito, con animais.
- Antiga estación da Pontraga: bonito o entorno e curiosa a edificación.
- Ruta dos murais do Desordes Creativas: incrible, para ir con tempo e tirar boas fotos.
Ordes para mercar:
- Calzados Capitán: zapatos de excelente calidade, de toda a vida en Ordes.
- Carnicería Buyo: chourizos, rixóns, tenreira…o mellor.
- Feira de Ordes: todos os mércores, imprescindible comendo os churros.
Ordes para comer:
- Restaurante Asador: carnes á grella e mariscos para comer de domingo.
- O Mesón de Deus: atención inmellorable, comedor acolledor e calidade contrastada.
- Pulpería Verde Galicia: o mellor polbo de Galicia, disque mellor que no Carballiño e Ourense.
Ordes para beber:
- Pub Kronos: desde 1986 e segue exactamente igual, atención perfecta e música rock.
- Bar Doniña: tapas ricas e abundantes, para ir de cañas.
- Café Nogallás: café de toda a vida no medio da vila, para mercar tamén o tradicional queique.