É de Louro, é submarinista audiovisual e fai fotografías e vídeos incribles da flora e da fauna que habita as nosas costas. E ademais é un experto en motion graphics. Falamos con Xaime Beiro de nécoras, de Instagram e de tiburóns, cos que ten unha relación especial.
"O meu sitio favorito do mundo son uns illotes en fronte do Monte Louro, uns baixos que aquí chamamos o Neixón. Desde moi pequeno ía pescar aí co meu avó e traïamos peixes grandes e mariscos, sempre soñaba con iso, con ir ao Neixón, era como ir de aventura a un sitio moi lonxe". Xaime Beiro naceu e medrou en Louro e das súas palabras despréndese o amor que sente por esta parroquia de Muros e a súa costa.
A súa paixón pola pesca e o mar tamén lle vén desde cativo, tal e como conta el: "xa desde pequeniño andaba a meter as mans nas pozas para coller cangrexos. E aínda o sigo facendo". Este licenciado en Comunicación Audiovisual de 33 anos foi pouco a pouco meténdose no mundo da pesca submarina. Primeiro só coas gafas e as aletas e despois xa cun neopreno e un bo equipo. E de aí deu, dun xeito natural, o salto á fotografía e o vídeo submarino. "Son un caso raro porque sempre levo o material de pesca e a cámara, e ando metade cunha cousa e metade coa outra", relata Xaime.
Actualmente Beiro ten unha conta de Instagram onde o seguen 2 mil persoas e onde vai amosando moito do seu traballo. Son fotografías impresionantes que parecen tomadas no Caribe, pero a maior parte delas son na costa de Louro. "Arredor do Monte Louro teño practicamente todos os ecosistemas: augas tranquilas, mar aberto, area, pedras…e dependendo do día pode haber moita visibilidade", describe Xaime.
A priori para unha persoa que viu tanta fauna mariña debería resultar difícil escoller cal é o seu animal favorito, pero Xaime Beiro semella que o ten claro, cada cousa para o seu: "No prato encántanme os salmonetes, que teñen un sabor moi característico, e para tirarlle unha foto as fanecas e os abadexos, que son moi bonitiños; pero se hai un bicho polo que teño predilección en todos os sentidos esas son as nécoras".
Na súa canle de Vimeo ten moitos vídeos pero hai un deles que destaca sobre os outros. Trátase do seu encontro cun tiburón peregrino en 2015 que acumula máis de 13 mil visionados. Beiro describe así ese momento: "Foi unha casualidade, deuse todo á vez. Estabamos volvendo xa pola tardiña e traía a batería da cámara enteira. A auga estaba clara, en calma e había boa visibilidade. Cando o vin vir foi incrible. Tireime e estiven 3 cuartos de hora nadando con el. A emoción dese día nunca máis a volverei ter, foi un dos mellores días da miña vida".
"O noso mar é tan batido e tan aberto que rexenera moi rápido e limpa todo, fai que nos autoenganemos porque dá a sensación de que por moito que lle fagamos o mar sempre vai estar ben e non é así, deberiamos coidalo moito máis e desde as institucións sobre todo".
Xaime ademais desta experiencia puido nadar entre tiburóns nalgunhas das súas viaxes polo mundo e, sorprendentemente, prefíreos aos delfíns: "Cando nadas entre tiburóns tes unha sensación de tranquilidade absoluta. O 90% dos tiburóns nin se che acercan, andan ao seu aire e se ti non os molestas eles tampouco te molestan a ti. Móvense amodo, case como deslizándose. Os delfíns son máis nerviosos, nadan moi rápido, e son imprevisibles, fan que esteas moi alerta para evitar chocar con eles e dan menos confianza. Prefiro os tiburóns, sempre o digo, os tiburóns parecen boa xente".
Vendo as fotografías e os vídeos de Beiro xorde unha cuestión. El como submarinista audiovisual que é quen de retratar toda a beleza dos peixes, non ten ningún dilema moral ao dispararlle co seu fusil de pesca submarina? "É duro dicilo así, pero eu se vexo un peixe bonito teño que decidir en pouco tempo se o quero comer ou se o quero fotografar. Eu respecto moito o peixe e coido moito o mar, pero a pesca individual que fago eu é moi sostible, collo poucas pezas, sempre de tamaños moi grandes e moi por riba da talla mínima e todo canto pesco comémolo na casa. Non teño ningún problema con iso, é no que me criei", responde Beiro.
Outro tema moi importante que aparece na conversa é o da contaminación, especialmente, tal e como xa contamos aquí, todo o relativo ao dano que fan os plásticos. Xaime, pola súa experiencia viaxando, percibe que nas nosas costas a cousa está un pouco mellor: "Hai bastante merda nas costas galegas, pero non tanta acumulada. A sensación que dá é que o lixo chega sobre todo do mar, dos barcos e así. No fondo do mar vese lixo de vez en cando pero non se ve como noutros sitios. Estiven nas Maldivas e alí nalgunha das illas si que vías merda e plásticos, nalgunha había moitísima acumulación". Beiro ve na capacidade de rexeneración da costa galega un problema, no bo sentido: "O noso mar é tan batido e tan aberto que rexenera moi rápido e limpa todo, fai que nos autoenganemos porque dá a sensación de que por moito que lle fagamos o mar sempre vai estar ben e non é así, deberiamos coidalo moito máis e desde as institucións sobre todo".
O submarinismo audiovisual polo de agora é soamente unha afección para Xaime Beiro. A raíz do Instagram e da canle de Vimeo saíronlle encargos puntuais como a imaxe submarina do programa da TVG Buscadores de naufraxios, algún vídeo en concreto ou un par de fotos que vendeu, pero a súa intención é chegar a ter un fluxo de traballo que lle permita dedicarse a iso a tempo completo.
Mentres non aparecen máis proxectos debaixo da auga Beiro dedícase a facer motion graphics, que vén sendo deseño gráfico animado. Na súa web hai moitos exemplos das pezas que fai para clientes de toda España. "Traballei un tempo nunha axencia en Madrid e séguenme enviando encargos", relata Xaime. Todo o seu traballo desenvólveo desde a súa casa en Santiago de Compostela, lugar no que vive actualmente e que lle permite ir todas as fins de semana a Louro. "Se fai bo tempo incluso vou algunha tarde entre semana", conta Beiro.