Plásticos. O material que emporcalla os océanos do mundo, e tamén a túa praia

Os océanos do noso planeta están cheos de residuos plásticos, dá igual o lugar a onde se vaia, trátase dunha tendencia global. E a costa galega non é allea a este tipo de contaminación. Por moi limpa que pareza a nosa praia, só hai que buscar un pouco para atopar centos de obxectos deste material. Descubrímolo a través desta nova colaboración dos Museos Científicos Coruñeses con VINTE.

En 36 horas de traballo 3 persoas apañaron das nosas praias 3600 tapóns de botellas, 660 xoguetes, 370 palliñas, 178 bolígrafos, 77 maquiniñas de afeitar, 215 aplicadores de tampón, 7000 bastóns de algodón e 55 cepillos de dentes. A maiores, e xa como dato peculiar das nosas costas, apañaron nese tempo 1627 paus plásticos utilizados nas bateas do mexillón. Estes datos son da asociación Mar de fábula e mais do colectivo RetoqueRetro, que se dedican a ir ás crebas como se fixo toda a vida, pero con conciencia ecolóxica: limpan o litoral de maneira altruísta para despois reciclar o que recollen ou darlle un uso artístico. 

O que máis recollen estes colectivos é plástico e o problema deste material é especialmente dramático por unha razón: tarda centos de anos en descompoñerse e desaparecer. Ademais calculase que só o 9% de todo o plástico que xeramos os seres humanos desde a súa aparición ata o de agora acabou reciclándose; o 12% incinerouse e o 79%, a inmensa maioría, acabou no medio natural, e especialmente no mar. A ONU estima que hai esparexidas 9.000 millóns de toneladas por todo o planeta. 

A lexislación propiciou un paso adiante decisivo desde o 1 de xuño de 2018: ningún comercio poderá dar bolsas de plástico gratis, debe cobrar por elas. Se temos en conta que se calcula que cada persoa en Galicia consome 144 bolsas de plástico ao ano, e o 90% delas só teñen un uso, o avance parece importante. A partir do 1 de xaneiro de 2021 non poderán darse xa bolsas de plástico en ningún sitio, nin cobrándoas. 

Para sensibilizar á cidadanía o Aquarium Finisterrae, en colaboración con Mar de fábula e RetoqueRetro, fixo no 2018 a exposición Mar de plástico, na que se exhibían 85 obras artísticas realizadas con materiais plásticos recuperados das praias galegas. Foi unha iniciativa incluída no programa Obxectivo 14, que engloba as actividades súas que contribúen a cumprir os obxectivos da ONU no relativo á conservación dos océanos. Unha das cuestións máis interesantes do proxecto foi a participación de numerosas familias con cativos que participaron dunha auténtica experiencia creativa utilizando todo o lixo plástico recollido da beira do mar.  

Moitas destas pezas aínda se poden ver na exposición Sexo azul que actualmente está instalada no Aquarium Finisterrae. 

© MC2

He visto en Google Earth un sexto continente:

botellas, trastos y presentes 

flotan en un remolino, creo que es divino,

(…)

Ay, señores, ¿qué esperaban encontrar?

Vacaciones en los plásticos del mar.

Estes versos pertencen á canción “Vacaciones en el mar” de Sr. Chinarro. Nela o seu autor, Antonio Luque, fantasea coa posibilidade de ir nun barco á procura do paraíso e atopar realmente unha illa formada por plásticos, que define, coa súa ironía habitual, como o Edén. Esta canción está baseada nunha realidade, xa que no medio do Océano Pacífico hai unha illa formada por anacos pequenos de plástico. Ten unha extensión que equivale á superficie de Francia, España e Alemaña xuntas. Non é a única, no Índico, no Atlántico e incluso no Mar do Caribe, hai tamén illas enormes de plástico. Dende a Antártida ao Ártico, os plásticos están en todos os sitios e son un problema moi grave. Ademais dos exemplos máis visuais (tartarugas coa cuncha deforme por terse enleado en corres de plástico, por exemplo), sucede que moitos animais comen partículas pequenas, e os plásticos acaban pasando á cadea alimentaria.

Ante a magnitude do problema todo o que se lexisle en favor do medio natural é importante pero máis o é o que faga cada persoa individualmente. Tal e como promove o Aquarium Finisterrae, é vital fomentar a conservación dos océanos e espertar unha conciencia ecolóxica que nos leve a consumir menos plástico na vida cotiá. Usar todo o posible materiais biodegradables, non usar produtos plásticos que sexan de tirar, e reutilizar todo o posible, especialmente envases, son algunhas das medidas que se poden facer na casa.

Nesta peza audiovisual preparada polos Museos Científicos Coruñeses podemos ver como foi o proceso de recollida de plásticos e outros residuos na praia e a súa reciclaxe para as exposicións "Mar de Plástico" e "Sexo azul". 

Máis contidos en colaboración cos Museos Científicos Coruñeses

  • Micromascotas. Gustaríache adoptar unha bacteria?

    A Domus da Coruña vén de facer un obradoiro de micromascotas no que invitaron ao público a convertérense en científicos por unhas horas. Dentro da aposta do museo pola ciencia cidadá, amosáronlle á xente como son os microorganismos e como se comportan traballando con casos reais. Nova colaboración dos Museos Científicos Coruñeses con VINTE.

    Ciencia
  • Puro swing. Do péndulo ao botafumeiro na Casa das Ciencias

    O péndulo foi un elemento importantísimo na historia da ciencia xa que axudou a comprender fenómenos como a rotación da terra ou a medida do tempo. A exposición 'Puro Swing' da Casa das Ciencias da Coruña amósanos, entre outras cousas, que aquí tivemos desde sempre moi cerca de nós un enorme péndulo: o Botafumeiro.

    Ciencia
  • Focas. As habitantes máis queridas do Aquarium Finisterrae

    Son uns dos animais máis incribles do planeta e témolos moi cerca. No Aquarium Finisterrae da Coruña viven 13 focas en semiliberdade. Moitas veces poden verse desde o paseo marítimo, pero se lles facemos unha visita podemos coñecelas, admiralas e, apuntándonos con tempo, tamén darlles de comer.

    Ciencia
  • Cabaliño de mar. O nacemento dun animal fascinante

    Os cabaliños de mar reprodúcense dunha maneira moi curiosa xa que é o macho o que “pare”. No Aquarium Finisterrae da Coruña conseguiron que o fagan con normalidade e ademais conseguiron gravalo. Todo un éxito que serve para seguir divulgando a conservación dos océanos e de especies tan vulnerables coma esta.

    Ciencia

Faite de vinte

A partir de 5€ mensuais podes suscribirte a VINTE e colaborar para que sigamos a producir contidos de calidade pagando dignamente as colaboracións de vídeo, fotografía, ilustración, xornalismo e creación de todo tipo.