Son uns dos animais máis incribles do planeta e témolos moi cerca. No Aquarium Finisterrae da Coruña viven 13 focas en semiliberdade. Moitas veces poden verse desde o paseo marítimo, pero se lles facemos unha visita podemos coñecelas, admiralas e, apuntándonos con tempo, tamén darlles de comer.
Bine ten 34 anos e é a máis vella do grupo. Sabela, que é a máis nova, está a piques de cumprir 10. Ademais delas hai outras 11 focas no Aquarium Finisterrae da Coruña: Gregor, Hansi, Petra, Lara, Paula, Altair, Deneb, Vega, Antía, Lucía e Fermín. Son en total 9 femias e 4 machos. E como podedes supoñer son un dos grupos de animais máis queridos de todo o centro. En parte tamén porque 8 delas xa son coruñesas de nacemento: viñeron ao mundo no propio acuario. Deneb e Altair foron as primeiras focas nadas en catividade en Galicia no ano 2003.
A Phoca vitulina, que é a foca común, a especie á que pertencen as nosas protagonistas, é a que está máis presente en todo o mundo. Acostuman vivir en zonas mornas e frías dos océanos Atlántico e Pacífico Norte. Son animais que adoitan formar pequenos grupos para reproducirse, e gustan de moi variados tipos de habitats: costas rochosas, arrecifes, praias de area, zonas intermedias e mesmo plataformas de xeo flotantes. Cada grupo permanece no mesmo lugar durante un ano, aínda que poden moverse ata 500 km para alimentarse. Esta é a razón de que se poidan ver ás veces nas costas galegas.
No Aquarium Finisterrae non teñen que viaxar tanto. Están nunha situación de semiliberdade e reciben cada día un suculento menú composto de 2 ou 3 quilos de xarda, arenque e capelán. E non unha nin dúas, comen tres veces ao día, aínda que o público só pode velas alimentándose ás 12:00 e ás 17:00 horas. Con esta alimentación equilibrada están no seu peso xusto que é entre 70 e 100 quilos. Para completar todo isto, e que estean ben guapas e saudables, unha vez á semana límpanlles os oídos e os dentes e unha vez ao mes córtanlles as uñas.
A maiores da alimentación e a hixiene as focas reciben todos os días ás 9:00 e ás 12:00 un adestramento médico para que se afagan a posibles probas que sexan necesarias, como análises ou ecografías. E así de paso tamén están revisadas e controladas. E tamén moi importantes son as actividades para mantelas activas, coas que estimulan comportamentos de exploración e de xogo. Compre sinalar que no Aquarium Finisterrae non se realiza ningún tipo de espectáculo coas focas.
Para poder coñecelas só hai que ir ata o Aquarium e observalas nalgunha das dúas terrazas exteriores. Dicimos dúas porque están separadas para evitar que se reproduzan sen control: os machos nunha e as femias noutra. Pero ollo, hai que prestar atención porque poden mergullarse e aguantan case media hora sen saír á superficie.
O Aquarium Finisterrae ten unha actividade chamada "Aventura con focas". Esta é unha experiencia incrible xa que permite á rapazada de máis de 7 anos (acompañados dun adulto) participar nas tarefas de preparación da comida das focas e na súa alimentación. A actividade realízase sábados e domingos polas mañás e para este ano xa cubriron todas as prazas, 180 (10 participantes por día), para todas as sesións que terán lugar en abril, maio e xuño de 2019.
No vídeo que segue podemos saber un pouco máis das focas e da súa vida no acuario. Ademais esta peza contén imaxes do ano 2004 moi especiais e bonitas: o nacemento dunha foca en catividade no Aquarium Finisterrae.