Micromascotas. Gustaríache adoptar unha bacteria?

A Domus da Coruña vén de facer un obradoiro de micromascotas no que invitaron ao público a convertérense en científicos por unhas horas. Dentro da aposta do museo pola ciencia cidadá, amosáronlle á xente como son os microorganismos e como se comportan traballando con casos reais.

Soa un pouco raro pero as bacterias, os lévedos, os fungos e os ácaros, ademais de ser fundamentais para a existencia da vida na Terra, tamén se poden adoptar e coidar. E para iso o mellor é coñecelos ben tratándoos e observándoos, coma a calquera mascota. Isto foi o que propiciou a Domus coa súa iniciativa orientada ao público en xeral. 

Os participantes experimentaron con moitos microorganismos, algúns deles presentes na nosa contorna e incluso no noso propio corpo. Puideron coñecer a súa morfoloxía véndoos ao microscopio, controlar as condicións ambientais que os rodean, e sobre todo romper tabús sobre todo ese mundo e entender que a microbioloxía está moito máis presente na nosa vida diaria do que cremos. 

Unha das bacterias coa que traballaron foi a E.Coli, que só de oíla xa dá medo, porque está relacionada con moitas intoxicacións alimentarias. Pero a realidade é que a maior parte das E-Coli son inofensivas e só algúns tipos poden ser perigosas para os seres humanos. Por iso hai que salientar que todos os microorganismos cos que traballaron nestes obradoiros eran dos que teñen a categoría I de seguridade, é dicir, teñen un risco para a saúde humana moi baixo.

Este tipo de iniciativas están incluídas dentro da chamada ciencia cidadá e buscan fomentar que o públcio en xeral coñeza os diversos microorganismos que nos rodean e a relación que teñen cos seres humanos. Desde a Domus teñen especificamente para este cometido o Laboratorio Aberto, que, como definen na súa web, “é o espazo de experimentación da Domus onde o científico es ti”.

A ciencia non ten porque ser algo exclusivo dos científicos e desde o Laboratorio Aberto levan xa tempo facendo iniciativas orientadas neste camiño. A investigación de como funcionaría unha vacina para o VIH, a biotecnoloxía, o desenvolvemento dos fármacos, ou diseccións en directo son algúns dos temas que o Laboratorio Aberto ofrece a alumnos de secundaria e bacharelato.

En relación ao mundo dos microorganismos tamén na Domus promoven o biohacking ou bioloxía DIY ou de garaxe: un movemento internacional que trata de crear unha versión accesible da bioloxía, escapando da bioloxía institucional ou empresarial. Isto comprende a fabricación de compoñentes de laboratorio de baixo custe para poder estudar os microorganismos. No Laboratorio Aberto tamén lle aprenderon á xente a facer este tipo de materiais.

 

Neste vídeo feito polo laboratorio audiovisual dos Museos Científicos Coruñeses podemos ver de perto, nunca mellor dito, estas micromascotas e como se desenvolveu o obradoiro na Domus.

Esta peza é unha nova colaboración dos Museos Científicos Coruñeses con VINTE para a divulgación nas redes de temas científicos e ambientais de proximidade. 

Faite de vinte

A partir de 5€ mensuais podes suscribirte a VINTE e colaborar para que sigamos a producir contidos de calidade pagando dignamente as colaboracións de vídeo, fotografía, ilustración, xornalismo e creación de todo tipo.