A luz durante a noite achega seguridade, ninguén quere vivir nunha rúa ou nunha aldea que estea ás escuras. O progreso trouxo iluminación a todos os recunchos da nosa sociedade occidental, pero este nunca vén só, e agora estamos a pagar as consecuencias cun novo tipo de contaminación que habitualmente é subestimada.
A partir dos anos 70 e coa chegada do progreso houbo un cambio que mudou completamente o xeito de vivir en Galicia, especialmente fóra das cidades. Ese cambio foi a propagación da iluminación pública, que chegou ata a última aldea do noso país e fixo que o xeito de se relacionar os veciños, os horarios dos traballos e ata a tradición oral, empezasen a ser diferentes. Se a iluminación trouxo cambios nunha Galicia de 2,5 millóns de habitantes, que estaba sucedendo daquela nas grandes urbes do mundo que levaban décadas de adianto? Pois en Europa e EEUU, coa progresiva ampliación das grandes cidades e de todas as áreas periféricas, coas súas correspondentes redes de iluminación artificial, apareceu un problema. E os científicos detectárono pronto: a contaminación luminosa.
Inicialmente parecía que todo se reducía á imposibilidade de non ver o ceo durante a noite en contextos urbanos. A contaminación luminosa provoca que para ser quen de percibir as estrelas sexa preciso saír cara a unha zona menos poboada e consecuentemente menos iluminada. Cando se empezou a falar máis do tema, moita xente tomouno como un problema dos astrónomos, pero rapidamente a ciencia demostrou que había moito máis. De feito, o que ocorreu realmente, é que os principais observatorios astronómicos do mundo quedaron inservíbles en poucos anos, asolagados pola contaminación luminosa. É o caso -un de moitos- do Observatorio Griffith, nos Ánxeles, famoso por filmes como Rebelde sen causa ou La La Land.
Asociacións como Dark-Sky Association (EEUU), a española Cel Fosc, ou a galega Agrupación Ío, levan anos denunciando a contaminación luminosa. Os seres humanos temos un reloxo biolóxico que fai que o noso corpo estea programado para ter períodos de nocturnidade, e especificamente, de escuridade. A nosa saúde reséntese se non temos estas condicións e diversos estudios falan das enfermidades que pode propiciar a falta de escuridade, como cancro ou diabetes, entre outras. Desde A Coruña os Museos Científicos Coruñeses produciron o ano pasado unha peza para planetarios, La noche es necesaria, cunha completa guía didáctica. Este é o seu tráiler.
“Desde o punto de vista ecolóxico, a contaminación luminosa é o problema máis espallado e tamén o máis ignorado. Ten fortes consecuencias ambientais na ecoloxía do comportamento das poboacións; modifica os hábitos de alimentación, apareamento, migración, comunicación, competencia e predación”. Son palabras de Fabio Falchi, un dos maiores expertos sobre a contaminación luminosa, e coordinador do Atlas do Brillo do Ceo, nas que alerta tamén dos problemas que xera aos animais. Está comprobado que moitas aves migratorias desoriéntanse ao atravesar cidades iluminadas e non son quen de chegar aos lugares aos que ían antes. Os ciclos reprodutivos de moitos réptiles tamén se ven alterados. E incluso as plantas reaccionan de xeito diferente ao normal se están en parques iluminados constantemente. A Agrupación Ío resúmeo todo moi ben neste texto, que asinan varias organizacións.
A iluminación artificial é tamén altamente contaminante. A produción de enerxía eléctrica é unha das grandes demandas da nosa sociedade. Esa produción, sexa como sexa (incluso con renovables) implica un custe no relativo á contaminación ambiental. Canta máis luz artificial, máis contaminación para producila.
As vantaxes dunha redución da contaminación luminosa serían moitas para a saúde dos humanos, dos animais, e tamén para a flora. Pero nun sistema capitalista como é o noso moita xente require de datos económicos: tal e como conta Martin Pawley da Agrupación Ío, o estado español gastou o ano pasado case 1000 millóns de euros en iluminación. Conseguir unha redución significativa podería ser un aforro importante de diñeiro, que reorientado a outros aspectos podería reverter nun gran beneficio para toda a poboación.
A comunidade científica afirma que a solución, ou polo menos a contención do problema, pasa por intentar ter un equilibrio entre nocturnidade e iluminación artificial. Para conseguilo sería preciso deixar de iluminar zonas urbanas que non o requiren (como parques pechados ao publico durante a noite), utilizar sensores de movemento que iluminen as zonas que só son de paso e non son prioritarias, utilizar luces de menos intensidade (que permitan circular ou camiñar con seguridade), utilizar iluminación que vaia sempre de arriba cara abaixo e que ilumine só o que é preciso, e intentar diminuír todo o posible o uso de iluminación decorativa. Xusto todo o contrario do que vimos en Vigo no último Nadal, e que describiu para VINTE Fran P. Lorenzo no seu artigo A maldición da luz. De feito, Vigo está a ameazar a certificación de Destino Turístico Starlight que ten o Parque Natural das Illas Atlánticas. Esta certificación, que garante a calidade do ceo nocturno, só a teñen dous lugares en Galicia: Trevinca, no concello da Veiga, e o Parque Natural das Illas Atlánticas.