O péndulo foi un elemento importantísimo na historia da ciencia xa que axudou a comprender fenómenos como a rotación da terra ou a medida do tempo. A exposición 'Puro Swing' da Casa das Ciencias da Coruña amósanos, entre outras cousas, que aquí tivemos desde sempre moi cerca de nós un enorme péndulo: o Botafumeiro.
Máis de 1 metro e medio de altura, 62 quilogramos de peso (dos cales 2 kg son só do baño de prata), unha corda de 65 metros de longo e de 90 quilogramos de peso, pode chegar aos 68 km/h de velocidade, e colle unha altura máxima de 21 metros. Efectivamente falamos do Botafumeiro, que en esencia é un enorme péndulo que leva en funcionamento co mecanismo actual desde 1604.
Para comprender como funciona o Botafumeiro é necesario indagar no funcionamento dun péndulo. Como ocorre moitas veces as cousas máis incribles parten de mecanismos moi sinxelos, e o péndulo funciona dun xeito moi sinxelo. O primeiro que fixo unha descrición científica do seu funcionamento foi Galileo Galilei en 1590. El descubriu que o período de oscilación dependía da lonxitude da corda, pero non chegou a comprendelo totalmente, entre outras cousas porque daquela non había cronómetros e non era quen de medir o tempo de xeito exacto. Pero hai péndulos de moitos tipos, e o noso botafumeiro é un péndulo algo especial, como veremos máis adiante.
E de péndulos trata a exposición Puro Swing da Casa das Ciencias. Unha exposición que afonda nunha das razóns de ser do museo coruñés: que público de todas as idades experimente e explore libremente todo o relativo á ciencia a través de diferentes mecanismos dispoñibles in situ. Neste caso trátase dunha colección de 15 módulos interactivos que permiten xogar con diferentes dispositivos para aprender numerosos aspectos relacionados co movemento dos péndulos.
Os péndulos foron instrumentos que permitiron obter información moi importante ao longo da historia da ciencia. Grazas a eles obtivemos a primeira medida precisa do tempo (Galileo estaría encantado) e os reloxos pasaron dunha precisión de máis ou menos 30 minutos a tan só uns segundos. Cos péndulos os navegantes puideron coñecer a súa posición nos océanos. E tamén foi un péndulo o que lle permitiu a León Foucault demostrar que a Terra xiraba sobre o seu propio eixo.
En Puro Swing o público, como se dun parque infantil se tratara, pode subir a unha randeeira moi especial, ver como a gravidade fai debuxos xeométricos ou descubrir como funcionaban os primeiros reloxos da historia. E por suposto, entender como funciona o botafumeiro, que ten de especial o feito de que a altura da corda vai variando durante o movemento. Se non vos é posible acudir á Casa das Ciencias para coñecer o funcionamento, podedes ver esta animación da Universidade de Nantes onde se explica perfectamente, ou ler este artigo do físico Juan R. Sanmartín Losada para ser xa uns expertos no tema.
Aínda que é sabido, cómpre lembrar que na Casa das Ciencias está un dos péndulos de Foucault máis antigos de España. Conta con case 5 plantas de altura e, soamente isto, xa é un motivo máis que suficiente para visitar o museo.
Neste vídeo feito polo laboratorio audiovisual dos Museos Científicos Coruñeses podemos ver a Galileo, o Botafumeiro e moitos dos dispositivos da exposición.