Cabaliño de mar. O nacemento dun animal fascinante

Os cabaliños de mar reprodúcense dunha maneira moi curiosa xa que é o macho o que pare. No Aquarium Finisterrae da Coruña conseguiron que o fagan con normalidade e ademais conseguiron gravalo. Todo un éxito que serve para seguir divulgando a conservación dos océanos e de especies tan vulnerables coma esta.

No mundo existen máis de 30 especies de cabaliños de mar e en xeral trátase de animais que están en situación de vulnerabilidade. Isto débese en parte á degradación do seu hábitat natural, e en parte tamén ás capturas: en Asia son moi prezados polas supostas calidades que teñen para facer tratamentos medicinais e tradicionais. 

Os cabaliños de mar teñen algunhas particularidades físicas que os fan realmente únicos. Son peixes, pero non teñen escamas, e o seu corpo fórmano placas óseas articuladas. Tampouco teñen aleta caudal e no seu lugar teñen unha cola prénsil coa que poden agarrarse ás algas ou aos corais. O seus ollos son independentes, o que lles permite mover cada un por si mesmo e ter unha visión case completa do que hai arredor. E unha das características máis curiosas é a súa boca, que está composta por dúas mandíbulas fusionadas en forma de tubo que utilizan para aspirar con rapidez as súas presas, que acostuman ser pequenos crustáceos e moluscos.

No relativo ao comportamento e ao movemento son tamén animais pouco comúns. Cando nadan fano de maneira erecta, algo que non se ve nos peixes. Teñen moita capacidade para mimetizarse co ambiente e conseguir pasar inadvertidos no medio das algas para evitar así os seus depredadores. E ademais son moi territoriais, as femias poden chegar a ter 100 metros cadrados de espazo territorial, mentres que os machos teñen máis ou menos 1 metro cadrado. O seu lugar favorito para vivir son os prados mariños dun vexetal que se chama zostera, que é unha planta, non unha alga.

A especie máis común de cabaliño de mar nas costas galegas é Hippocampus guttulatus, pero o exemplar que é protagonista no noso vídeo é Hippocampus abdominalis, unha especie foránea. A maneira que teñen de se reproducir consiste en que a femia deixa os ovos no abdome do macho e este fecúndaos. Alí quedan ata que o macho acabe parindo tras 3 ou 4 semanas. As crías nacen totalmente formadas e xa saen nadando cara a superficie, sendo completamente independentes desde ese momento. 

Os cabaliños de mar do Aquarium Finisterrae proceden do Instituto de Investigacións Mariñas-CSIC de Vigo. En concreto, o que aparece no vídeo chegou á Coruña cando tiña poucos meses de vida. A cría en catividade dos cabaliños de mar non é especialmente complexa, en xeral no Aquarium Finisterrae reprodúcense moitas especies debido ás boas condicións nas que están.

En total o cabaliño de mar do vídeo pariu 191 crías. Despois de naceren o que se fixo foi estabilizalas nunha zona á parte para vixiar que teñan boa saúde e boa alimentación. A alimentación téñena que ir variando a medida que van medrando as crías para adaptarse a comida ao tamaño da súa boca.

As imaxes que podemos ver do parto graváronas no propio Aquarium Finisterrae e as imaxes dos cabaliños no mar son de Jorge Candán.

Esta peza é unha nova colaboración dos Museos Científicos Coruñeses con VINTE para a divulgación nas redes de temas científicos e ambientais de proximidade. 

Máis pezas en colaboración cos Museos Científicos Coruñeses

  • Plásticos. O material que emporcalla os océanos do mundo, e tamén a túa praia

    Os océanos do noso planeta están cheos de residuos plásticos, dá igual o lugar a onde se vaia, trátase dunha tendencia global. E a costa galega non é allea a este tipo de contaminación. Por moi limpa que pareza a nosa praia, só hai que buscar un pouco para atopar centos de obxectos deste material. Descubrímolo a través desta nova colaboración dos Museos Científicos Coruñeses con VINTE.

    Ciencia
  • Micromascotas. Gustaríache adoptar unha bacteria?

    A Domus da Coruña vén de facer un obradoiro de micromascotas no que invitaron ao público a convertérense en científicos por unhas horas. Dentro da aposta do museo pola ciencia cidadá, amosáronlle á xente como son os microorganismos e como se comportan traballando con casos reais. Nova colaboración dos Museos Científicos Coruñeses con VINTE.

    Ciencia
  • Puro swing. Do péndulo ao botafumeiro na Casa das Ciencias

    O péndulo foi un elemento importantísimo na historia da ciencia xa que axudou a comprender fenómenos como a rotación da terra ou a medida do tempo. A exposición 'Puro Swing' da Casa das Ciencias da Coruña amósanos, entre outras cousas, que aquí tivemos desde sempre moi cerca de nós un enorme péndulo: o Botafumeiro.

    Ciencia
  • Focas. As habitantes máis queridas do Aquarium Finisterrae

    Son uns dos animais máis incribles do planeta e témolos moi cerca. No Aquarium Finisterrae da Coruña viven 13 focas en semiliberdade. Moitas veces poden verse desde o paseo marítimo, pero se lles facemos unha visita podemos coñecelas, admiralas e, apuntándonos con tempo, tamén darlles de comer.

    Ciencia

Faite de vinte

A partir de 5€ mensuais podes suscribirte a VINTE e colaborar para que sigamos a producir contidos de calidade pagando dignamente as colaboracións de vídeo, fotografía, ilustración, xornalismo e creación de todo tipo.