Chega o Samaín, o día de Defuntos, Todos os Santos e mais Halloween. Todo iso celébrase entre o 31 de outubro e 1 de novembro desde antigo. As culturas indoeuropeas precristiás xa conmemoraban o inicio dun novo ciclo agrícola, dun novo ano e da fin do verán a esta altura. Ademais, nestes días, disque andan os espíritos dos mortos entre os vivos e, neste milenio no que vivimos, as ánimas tamén aparecen nas redes sociais, por suposto, mais cada unha con cadansúa linguaxe e recursos expresivos propios.
Coa celebración das primeiras festas xa a finais da semana pasada e durante a fin de semana aos poucos a rede comezouse a ateigar de cabazas aterradoras, sangue, arañas, pantasmas ou caveiras. Ademais, sempre xorden contidos didácticos online para explicar as orixes do noso Samaín e as súas tradicións.
Velaquí unha pequena escolma da pegada do Samaín no outro mundo, o online.
TikTok: a quen non lle gusta un filtro sanguento?
A rede social máis usada para amosar vídeos e a preferida da mocidade está ateigada de propostas terroríficas feitas para a ocasión e que os creadores de contido están a subir nas últimas horas, nas que abondan teas de araña, bruxas, cabazas aterrecedoras e outros monstros:
Ademais, moitos usuarios optan pola opción de converterse nun auténtico zombi grazas aos filtros terroríficos, como o da aplicación CupCut, que está por todas partes dando medo, tal e como amosa esta proposta dunha internauta:
Aprende con Instagram e Facebook
Quizais son as redes onde se pode atopar máis contido sobre o Samaín e para todos os públicos. Tanto Instagram como Facebook están ben servidos estes días de solucións didácticas para axudar a docentes e pais a superar con éxito os requisitos creativos destas datas.
Os colexios soben as súas exposicións de cabazas ao se perfil de Instagram ou Facebook, amosan os resultados dos obradoiros de todo tipo –incluídos de cociña- e hai tamén propostas de contido creadas para a rede como a desta mestra que nos agasalla cun conto máxico de Samaín:
Incluso en lugares improbables como o Club de billarda Armadiña de Poio editan os seus vídeos ao estilo Samaín para a ocasión:
X: no Twitter cabe case todo
A rede social que cambiou de nome pero que todos seguimos a chamar Twitter é o taboleiro máis empregado por entidades como concellos, bibliotecas ou librarías para dar conta da súa programación diaria de obradoiros, concertos, magostos ou calquera actividade propia da época. Porén, tamén hai quen se traballa un contido específico para nos ilustrar online sobre o Samaín, como foi o caso da Rede de Bibliotecas Municipais do Concello da Coruña:
O Portal das Palabras da Real Academia Galega detalla estes días termos e lendas relacionados cos defuntos e os seres máis sanguentos da tradición galega. Unha das lendas máis famosas e que sempre vén ben recordar é a do lobishome e Romasanta:
WhatsApp: a viralidade tamén pode ser útil
Non sabemos o éxito que terían contidos de mérito como esta proposta elaborada desde un centro educativo de Marín (CPR La Inmaculada) antes das redes sociais, mais grazas aos profesores estaren en grupos comúns de WhatsApp este material para realizar obradoiros de escritura creativa cos rapaces espallouse a lume de carozo e úsase en case que todos os centros de Secundaria de Galicia.

Youtube
Rematamos o repaso da pegada do Samaín e os Defuntos polo mundo online con dúas propostas musicais ben diferentes:
“No Samaín” de Paco Nogueiras adaptada á lingua de signos:
E o trap “Santa Compaña 2.0” de Brais das Hortas: