‘Unicorn Wars’. O produto cultural galego máis viral de todos os tempos

Co patrocinio de

Crean historias paralelas, secuelas, precuelas, bonecos en 3D, fan quedadas e cancións, soben milleiros de escenas comentadas ou dan vida a novos personaxes. Os fans de Unicorn Wars son lexión e converteron a película do coruñés Alberto Vázquez nun fenómeno espontáneo en Tik Tok con cotas de audiencia nunca acadadas antes polo cinema español.

Un grupo de adorables osiños amorosos loita contra os míticos unicornios para recuperar a súa hexemonía no bosque encantado. Os osos de peluche son moi riquiños pero tamén son asasinos despiadados educados desde a súa infancia para odiar e acabar cos unicornios cando sexa preciso. Esta é a historia de Unicorn Wars, a película que se converteu no produto cultural galego máis popular en redes de todos os tempos, desde a súa estrea en cines en outubro de 2022 e que acadou a viralidade da man de Tik Tok a comezos de ano.

A día de hoxe as cifras de visualizacións dos vídeos relacionados coa película son inabarcables porque é un fenómeno transmedia e vivo pero hai algunhas certezas que poden dar conta da magnitude do éxito: os vídeos de Tik Tok coa etiqueta #UnicornWars acumulan 438 millóns de visualizacións só no último mes

Hai miles de escenas da película subidas a Tik Tok e cada un destes fragmentos xera un ruído na rede que é unha auténtica fantasía para calquera community manager, con 5.000 comentarios, máis dun millón de likes e miles e miles de veces gardados.  

Esta mestura de Bambi, Apocalipse Now e a Biblia, tal e como o seu director a cualifica, espertou o interese e a creatividade de millóns de persoas por todo o mundo, pero sobre todo en Latinoamérica, onde o fenómeno prendeu en países como México, cunha potente cultura cinematográfica.

Un fenómeno espontáneo da comunidade

Antonio Rosa Lobo, responsable de comunicación da película, destaca que é un éxito xurdido de forma espontánea. «É unha viralidade feita pola comunidade e non falamos de miles senón de millóns de visualización dos vídeos», indica. 

O ascenso foi progresivo desde a súa estrea porque moitos cines programaron mal a película e iso deu que falar. Segundo explica Rosa Lobo, a distribución en España apenas chegou a 30 cines e moitos deles pasaron o filme en horario infantil. «Isto espertou moitas críticas porque non é unha película para nenos e comezou a falarse diso en Twitter», relata. 

Logo, en febreiro, chegou a estrea en Movistar e o Goya á mellor película de animación. E con iso tamén a filtración da peli pola rede e estalou o boom

@katho_katho ok hola 🙋‍♀️ creditos a @agtartzz en twitter, lo subo por queria tenerlo guardado en algun lugar el video xd #unicornwars #padrexsargento #unicornwarsfandom #unicornwarspadre #animation #animacion #fandom #spak ♬ sonido original - 💞

A arte dos fans

Mozos e mozas entre 12 e 25 anos integran principalmente a lexión de fans de Unicorn Wars. Crean historias paralelas, secuelas, precuelas, muñecos en 3D, fan quedadas e convencións, cancións, dan vida a novos personaxes, soben milleiros de escenas que logo comentan ou mesmo inventan escenas pornográficas cos osiños .

«É algo pioneiro en España. Sería algo máis propio dunha película de Disney ou dos estudos Ghibli», asegura o responsable das redes sociais da película

Cada día hai centos de vídeos novos sobre a película. «É algo pioneiro en España. Sería algo máis propio dunha película de Disney ou dos estudos Ghibli», asegura o responsable das redes sociais da película.«Isto non o consegue nin unha peli de Santiago Segura, con toda a campaña de promoción», subliña o responsable de comunicación.

A rapazada sobe fragmentos da película a Tik Tok e comentan as súas impresións e estes pequenos vídeos acadan millóns de visionados e miles de comentarios.

Tamén en Youtube, por suposto, está presente a febre de Unicorn Wars e os vídeos comentados cóntanse por milleiros. Resumos, explicacións do signicado da película, escenas dos distintos personaxes, interpretacións do final, comentarios de todo tipo apoiados en imaxes dos osiños sucédense nun mundo de iniciativas espontáneas e algunhas realmente moi creativas que acadan cotas de audiencia millonarias. 

Hai rapaces que celebran o seu aniversario con tortas coroadas cos personaxes ou hai quen se chega a tatuar o malo da peli, Azulín, sen dúbida o máis popular. «Lanzamos unha tenda online con todo o material de Unicorn Wars e rapidamente xurdiron outras tendas paralelas que tamén venden cousas relacionadas coa película», destaca o responsable de comunicación.

Existen grupos de fans en Facebook que integran miles de persoas. Incluso na aplicación Discord ou mesmo en Telegram crearon canles para falar da película. En en Twitter cada hora hai ducias de novas imaxes baseadas nos personaxes da película.

«Eu pensaba que unha guerra entre osos e unicornios tería tirón, pero nunca imaxinei algo así. Con tantas series e películas que hai é difícil destacar», comenta para VINTE o director, Alberto Vázquez. 

Alberto Vázquez: «A peli xa non me pertence a min»

«Eu non teño Tik Tok e non sabía moi ben de que ía, pensaba que era para bailes e retos. Pero a xente subiu a peli por partes e viuse moito, algo que como creador non deixa de ser interesante», explica o director, ao tempo que destaca todo o ‘fan art’ xurdido arredor do seu produto. «A peli xa non me pertence a min», indica.

Vázquez está gratamente sorprendido e moi agradecido pola acollida da súa segunda longametraxe.«Teño moitas invitacións para ir a sitios e centos de mensaxes en redes, pero tamén teño que seguir traballando e incluso descansar polo que é imposible responder a todo», asegura.

Que facer con toda esta notoriedade?

O éxito da película está fóra de toda dúbida, unha vez que levou o premio Goya e a súa difusión en redes estalou como nunca o fixera un produto cultural galego. Hoxe en día o fenómeno segue vivo e a peli segue a dar que falar por todo o mundo pero, como se pode rendibilizar todo isto?

«Disto pode aprender e sacar proveito toda a animación española», subliña a produtora Chelo Loureiro.

«O éxito é exponencial e a nós agora intéresanos manter todo isto de cara a nova película, ‘Decorado’ que podería ser outro bombazo», explica Chelo Loureiro, coprodutora da película

Loureiro asegura que sería moi interesante que se fixese un estudo de mercado potente sobre este fenómeno para que outras producións se beneficiasen das conclusións e poder monetizar dalgún xeito a notoriedade. «Disto pode aprender e sacar proveito toda a animación española», subliña.

'Unicorn Wars' é unha coprodución galega, vasca e francesa. © Unicorn Wars

A orixe da historia

A historia de Unicorn Wars, segundo explica o propio director, vén dunha especie de cómic curto de 2008 no que dous osiños ían cazar unicornios porque o seu sangue permitíalles estar máis fermosos.

No 2013 Alberto Vázquez asina Sangue de unicornio, «unha curta moi punki feita a lapis e acuarela con Photoshop», segundo explicaba o propio director no podcast Café Derby 21. Este proxecto, sen orzamento e de cor rosa onde xa saen un par de unicornios, sería o xermolo  da nova película, a segunda longametraxe do director. «Decicín expandir esta historia dos dous irmáns que cazan unicornios e mesturala un pouco co xénero bélico e unha historia épica, mitolóxica e relixiosa. É unha mestura entre Apocalipse Now, Bambi e a Biblia», detalla. “Parecíame interesante facer sufrir a estas personaxes”, engade. 

Parte do éxito da película pode ser tamén a súa globalidade. Os osiños e os unicornios son iconos infantís universais. «Ti ves esta peli e non sabes se é xaponesa, francesa ou española e xoga cos inicios da animación e da banda deseñada», explica. 

O filme de Alberto Vázquez acadou o Goya á mellor película de animación en 2022. © Unicorn Wars

Unicorn Wars -que é unha coprodución galega, vasca e francesa- é a día de hoxe a peli máis popular do director galego, pero Vázquez, que sempre foi ilustrador, xa acadara o recoñemento da academia española coa curtametraxe Birdboy -Goya mellor curta en 2010 e a longametraxe baseada nesa historia, Psiconautas: os nenos esquecidos, Goya á mellor película de animación en 2017. Nese mesmo ano tamén gañou o Goya pola curta Decorado

O proxecto no que se atopa agora inmerso o director está baseado na curta Decorado e suporá a súa terceira película longa

Precisamente o proxecto no que se atopa agora inmerso está baseado nesa curta e suporá a súa terceira película. «Trátase dunha fábula existencialista sobre o sentido da vida e do amor con ratos e coellos como protagonistas. Unha mestura entre Mickey Mouse e o Show de Truman», relata Alberto Vázquez, quen encadra o seu público nos young adults a partir de trece anos. 

Para poder ver esta fábula aínda quedan uns dous anos. Ata entón, estamos convidados a asistir ou mesmo participar na evolución do fenómeno fan desencadeado pola exitosa idea de poñer en guerra osiños de peluche e unicornios.  

Vanesa Vázquez

Vanesa Vázquez

Viguesa do Calvario. Comecei e aprendín en Atlántico Diario, Radio Vigo e Expansión. Cada día conta e agora contámolo en VINTE e Praza.gal. 

Tamén che interesa

Faite de vinte

A partir de 5€ mensuais podes suscribirte a VINTE e colaborar para que sigamos a producir contidos de calidade pagando dignamente as colaboracións de vídeo, fotografía, ilustración, xornalismo e creación de todo tipo.