18F na Xeración Z. A mocidade matina no seu voto

Como está a vivir a xente moza as eleccións galegas? En VINTE saímos na procura de membros da Xeración Z para preguntarlles por isto das eleccións, porque a mocidade tamén vota. Sen ánimo demoscópico, mais si moito interese nas súas opinións, achegámonos ao Campus Universitario de Vigo para falar co alumnado sobre as súas sensacións nesta campaña electoral cara á cita do 18 de febreiro. 

No día en que unha nova enquisa do CIS revelaba case un 28% de persoas indecisas co sentido do seu voto, na nosa mini sondaxe particular do CUVI atopamos que de seis posibles votantes catro aínda estar a pensar a quen votar e outro ten practicamente decidido que non o fará. Só unha rapaza asegura ter decidido a que partido outorgarlle a papeleta. 

En xeral, a mocidade critica falta de propostas concretas e diversas máis alá de «dúas ou tres ideas principais». Lamentan que non saben onde atopar información para poder tomar a súa decisión e votar con todo o coñecemento e reclaman aos representantes políticos que falen de «problemas reais». 

Gabriela Iglesias estuda segundo curso de Dereito e ADE. © VINTE

É media mañá dun luns de campaña electoral e os corredores da Facultade de Filoloxía e Tradución están ateigados de ‘Erasmus’. Escoitamos falar inglés ou italiano por todas partes. Mais os ‘Erasmus’ non votan nas eleccións galegas e cómpre seguir na procura de mozas e mozos decisivos para o 18 de febreiro. 

Na cafetaría da facultade de Filoloxía e Tradución o ambiente está tranquilo. Alí atopamos a Noelia Domínguez, que comparte mesa con Carlota Cibeira, Carla Lamas, Noelia Domínguez e Rubén Álvarez. Todos estudan Linguas Estranxeiras.

Noelia Domínguez ten 18 anos e é de Vigo. Neste ano electoral estreouse como votante mais para os comicios galegos aínda non ten moi claro a quen vai elixir. «É un dereito pero tamén é algo importante e temos que estar informados antes de votar», explica a estudante. Domínguez confesa que non ten «nin idea» do que vai facer porque tampouco coñece as propostas concretas. «Non vexo onde me podo informar da diversidade que ten o partido máis alá das tres ideas máis importantes», di. «Creo que hai moita indecisión entre a xuventude», acrecenta.

Estudantes de Linguas Estranxeiras na cafetaría da súa facultade, no campus de Vigo. © VINTE

Carlota Cibeira (Cea, 18 anos) fai un seguimento da campaña sobre todo a través dos informativos que ve por televisión mentres almorza e salienta que, ao contrario que noutras citas electorias, «parece que esta vez pode haber cambio». Nestes primeiros días de campaña electoral Cibeira, estudante na Facultada de Filoloxía e Tradución, ponse deberes a si mesma para poder saír dese numeroso grupo de persoas indecisas. «Quero informarme máis sobre o programa para tomar unha decisión», di e en concreto, gustaríalle ter o detalle das medidas económicas que propoñen os distintos partidos para promover o crecemento de Galicia.

«Sei que a política é importante pero non me interesa moito. Parece como que todos queren ensinar algo que non son e din cousas que ao final non fan», lamenta Carla Lamas

Aos seus 18 anos, Carla Lamas (Vigo, 18 anos) votará por segunda vez na súa vida na cita do 18 de febreiro. Recoñece que non está a seguir moito a campaña electoral. «Sei que a política é importante pero non me interesa moito. Parece como que todos queren ensinar algo que non son e din cousas que ao final non fan», lamenta.  Lamas, estudante de Linguas Estranxeiras, pídelle á clase política honestidade, «que non enganen a socieadade». Aínda que non ten unha idea clara de a quen votar, promete que non faltará á cita coas urnas.

Finalmente, Rubén Álvarez, procedente do concello ourensán de Barbadás, asegura que forma parte do grupo dos indecisos. Álvarez, de 18 anos, destaca que está a seguir a campaña pero aínda non sabe a quen votar o 18 de febreiro. «No meu concello a mocidade do PP fai cousas como renovar as pistas de skate, que está moi ben», explica o estudante.

Eduardo Cruz estuda primeiro curso de Administración en Dirección de Empresas no CUVI. © VINTE

Neste luns solleiro de inverno moitas e moitos estudantes toman aire no exterior do CUVI antes de volver á clase. É o caso de Eduardo Cruz, que estuda o grao de Administración e Dirección de Empresas.  Este mozo de 24 anos asegura que o que coñece das eleccións é pola propaganda que lle chega á caixa do correo e pola rede social X, que todo o mundo segue a chamar Twitter, onde «a xente o que fai é discutir», di. «Non sei se vou votar porque non me interesa moito a política e antes de facelo ao chou prefiro non ir», indica Cruz. O estudante vigués explica que non está «aliñado» con ningunha forza política concreta e por iso tampouco está motivado para exercer o voto. «Eu pediría que falen do que teñen que falar, de problemas reais, e que nos medios se recollan as propostas e non se un ou outro cambiou de opinión ou dixo calquera cousa sen importancia».  

«Eu pediría que falen do que teñen que falar, de problemas reais, e que nos medios se recollan as propostas e non se un ou outro cambiou de opinión ou dixo calquera cousa sen importancia», defende Eduardo Cruz

Gabriela Iglesias, pola súa banda, si que ten claro a quen vai dar a súa confianza nas vindeiras eleccións galegas. Iglesias, estudante de segundo curso de Dereito e ADE, está a seguir a campaña a través das redes sociais e tamén pola televisión, nos informativos. Viguesa de 19 anos, asegura, antes de volver para a clase, que polo que ten visto tanto da precampaña como nos días de campaña electoral, «para a mocidade non chega nada». 

Estudantes esperan o autobús no campus universitario de Vigo. © VINTE
Vanesa Vázquez

Vanesa Vázquez

Viguesa do Calvario. Comecei e aprendín en Atlántico Diario, Radio Vigo e Expansión. Cada día conta e agora contámolo en VINTE e Praza.gal. 

Máis Vinte

  • E-leccións galegas. Como os partidos afrontan a campaña máis dixital

    Ben sexa porque hai unha pandemia que impide que se poidan celebrar actos con moita xente ou ben porque estamos no 2020 e as redes son cada vez máis determinantes na transmisión da información, desta vez as formacións que se presentan ao 12-X tomaron bastante en serio a súa comunicación dixital. Imos ver como andan de seguidores, de presenza e de creatividade en internet.

     

    VINTE na rede

    Co patrocinio de

  • 26-M. Escolma dos vídeos electorais máis rechamantes

    Achégase o superdomingo electoral, ese día no que temos dereito a elixir os nosos representantes locais e europeos. Europa é importante, pero o noso concello aínda máis, e os partidos sábeno, así que botaron man de todo canto tiñan para convencernos, especialmente dos vídeos, con maior ou menor enxeño ou orzamento. Escollemos algúns dos que, por distintos motivos, nos encheron máis o ollo.

    Pantallas

Faite de vinte

A partir de 5€ mensuais podes suscribirte a VINTE e colaborar para que sigamos a producir contidos de calidade pagando dignamente as colaboracións de vídeo, fotografía, ilustración, xornalismo e creación de todo tipo.