Achégase o superdomingo electoral, ese día no que temos dereito a elixir os nosos representantes locais e europeos. Europa é importante, pero o noso concello aínda máis, e os partidos sábeno, así que botaron man de todo canto tiñan para convencernos, especialmente dos vídeos, con maior ou menor enxeño ou orzamento. Escollemos algúns dos que, por distintos motivos, nos encheron máis o ollo.
Facebook, Youtube, Twitter ou Instagram. Os partidos políticos utilizan durante a campaña electoral todos os medios posibles para intentar convencer os votantes. E os vídeos electorais, vaian polo medio que vaian, son fundamentais. Normalmente son moi personalistas, e aquí a histórica frase pode ter a explicación: “nas municipais votas a persoa, non o partido”.
Para os candidatos, especialmente para os dos partidos máis grandes, semella tamén que un bo vídeo electoral debe ser épico e espectacular, e para iso fan falta imaxes de dron a esgalla e música que invite ao optimismo e á mobilización. Ou se non, ter ideas diferentes que se poidan facer facilmente e sexan efectivas.
Facendo un repaso polas redes podemos apreciar que hai de todo. Vídeos conseguidos, esteticamente impecables, algúns pouco acertados e outros que queren ser pero non dan. Con todo o que atopamos fixemos unha recompilación dalgúns dos máis salientables. E lembrade, non imos falar agora de política, imos falar de vídeos, así que os que consideramos “normais” ou non teñen moito que comentar non os ides atopar aquí. Pode haber outras, pero esta é a de VINTE. Velaquí a nosa escolma.
Democracia Ourensana: Ourense sitio distinto
Sen dúbida Gonzalo Pérez Jácome é o político galego que mellor proveito lle tira, á súa particular maneira, ao medio audiovisual. E para mostra, este vídeo que publicou a poucos días da campaña: sinxelo, directo e eficaz á hora de enviar unha mensaxe: vese capaz de guindar a saga Baltar da Deputación.
Ao final do vídeo escoitamos a sintonía da campaña, fusilada aos Village People, e o lema populista-localista que xa lle escoitaramos a xente como Paco Vázquez, no seu caso adaptado á Coruña: ni de izquierdas ni de derechas: de Ourense.
A produción audiovisual do partido de Jácome, dono da canle local Auria TV, é vizosa: Para a presentación da candidatura fixeron un no que aparecen nun bar tomando uns viños e comendo castañas no que o propio candidato exerce de reporteiro. Tamén incorporaron un robot á campaña, reclamando un parque acuático para a cidade. Con todo, un dos máis curiosos foi este western protagonizado por Jácome e Baltar en precampaña.
PP de Lugo, amodiño
O Partido Popular de Lugo sorprendeu con este vídeo, unha versión da canción “Lo siento” de Beret. Non quedou totalmente conseguido pero ten sentido do humor e é arriscado.
Marea Atlántica da Coruña, iso
Na cidade herculina a Marea Atlántica sacou este vídeo bastante interesante. Imaxe coidada, bos actores e ideas que intentan transmitirse con sutileza. E cunha mensaxe final co nome do alcalde.
Bea Mato, sorry not sorry
A candidata do PP a María Pita é a que máis diñeiro gasta na campaña, iso está claro a pouco que vexamos empapeladas as rúas da Coruña, e non só ten unha potente axencia publicitaria detrás, senón que ela mesma se presta a poñer a voz, a cara e o corpo onde faga falta. Vén de sacar unha serie de vídeos curtos en Instagram que nos que di cousas como "por qué me metí en esto" ou "pido perdón por no ver Juego de Tronos", mentres fai running polo paseo marítimo. Que se de algo presume Beatriz Mato, ademais de da "Coruña molona", é da vida fitness que leva. Como boa influencer do #instabody que xa pretendía ser antes da campaña.
Equo Teo, gris
Equo en Teo propón un vídeo con estradas, coches, un día chuvioso e o ceo gris. Mensaxe nos dous idiomas e todo gravado dentro dun coche. Non semella moi afortunado vindo dunha forza que promove as enerxías renovables.
BNG de San Sadurniño, coa mocidade
O BNG de San Sadurniño ofrece este vídeo ben feito, con moita forza, e moi orientado ao público máis novo.
Compostela Aberta, redux
A candidatura de Martiño Noriega recupera o hit que fora hai catro anos a adaptación dunha cantiga tradicional da zona, "Monte Viso", e mételle tralla dance cun bo resultado e unha idea moi chula. Chama a atención ver un vídeo sobre Santiago no que non aparece case nada o casco histórico: "a Compostela que eu quero máis" parece ser a dos barrios, as zonas verdes, os equipamentos públicos, os parques infantís, pero vaia, a catedral segue estando no seu sitio, non?
Compromiso por Galicia: Santiago, Pontevedra e Lalín
Compromiso por Galicia semella que quixo facer algo diferente, polo menos en tres vídeos que traemos aquí por diferentes motivos.
En Santiago fixeron este vídeo con animación no que Xoán Bascuas vai dando a coñecer a xente que forma a candidatura. A peza ten música de Los Reyes del KO e intención innovadora, aínda que semella demasiado estática e case non vemos a cara do candidato.
En Pontevedra si vemos ao candidato, Andrés Núñez Rajoy, que protagoniza un vídeo moi curioso. Dun xeito moi sinxelo expón as súas propostas dándolles unha presentación diferente. E cun lazo ben bonito.
En Lalín o vídeo da candidatura de Rafa Cuíña ten todos os elementos dun bo vídeo electoral. É positivo, visualmente coidado e con música emotiva. Un dos grandes vídeos desta campaña.
Vigo, onde o mundo se chama Caballero
Tentar facerlle fronte en Vigo ao furacán electoral Caballero semella bastante complicado. No PP estano intentando e para iso fixeron varios vídeos para Facebook, todos polo mesmo patrón. Música, grafismos e mensaxes directas en texto.
Bastante máis e con mellor gusto traballou a Marea de Vigo no seu spot electoral, que percorre con paneos e planos aéreos as rúas da cidade, os barrios obreiros e o Vigo industrial para mentres escoitamos a fermosa voz da poeta Oriana Méndez, número 2 da lista, animando a que o pobo sexa quen máis ordene.
Namentres, Abel segue ao seu. Aínda non ten spot electoral nin parece precisalo. Nas súas redes (ollo, en Instagram ten 14 mil seguidores) pon vídeos curtos dándose baños de multitudes como alcalde. Nos últimos meses puidemos velo facendo de todo: xogando ao pádel, tocando o bombo cunha banda de gaitas ou facendo o baile de moda. Como lle puxo unha persoa no seu Facebook “Pa Abel va nuestro boto sin duda nunca un alcalde como el tan divertido y cercano al pueblo único siempre intentando divertir a padres y a niños y poniendo Vigo increíble pa que vengan a visitarnos la gente de fuera y se quede enamorada de Vigo que más se puede pedir yo creo que nada”(sic). Nada máis que dicir.
PP de Ordes: Blaxploitation
Dron, música trepidante, planos espectaculares, acción…neste vídeo do PP de Ordes só falta algunha explosión e coches deportivos, polo resto puro cine de acción levado ás municipais galegas.
BNG: Miranda e a roupa
Non é das municipais, pero si é desta campaña electoral dobre que estamos vivindo. Traémolo aquí porque é o exemplo perfecto dun vídeo sinxelo, moi simbólico e moi efectivo. Unha muller, Ana Miranda, tendendo a roupa en pouco máis dun minuto e sacando ao clareo a súa colección de camisetas do activismo galego e internacional.
E xa para rematar e dentro de todo este mundo dos vídeos electorais das municipais queremos destacar un par de casos de canles satíricas. Por un lado a páxina de Facebook Sigüeiro Waltrapa, que se dedica a facer memes e vídeos variados sobre a política local de Oroso, e polo outro a canle de Youtube Pachangueiro, que sobre todo fai dobraxes dos candidatos de Vilalba e Viveiro.