17 de maio. Así se vive en Youtube o Día das Letras Galegas

© Ola Xon Mario

Vídeos institucionais, manifestos sobre (ou contra) as palabras máis bonitas do galego, cancións, bailes, animacións e todo tipo de homenaxes escolares a Antonio Fraguas. Cada ano por estas datas o Youtube galego énchese de boas palabras e de imaxes para celebrar as nosas letras. Aquí facemos unha escolma do mellor e tamén de algún aaargh que debería poñernos en alerta sobre que entenden por “galego” as novas xeracións. 

 

O spot institucional

Imos despachar este xa de primeiro. Atrás quedou a ladaíña aquela de que o Día das Letras tiña que ser todos os días do ano. O vídeo da Xunta enfatiza a idea de que o día de ler, escoitar e gozar do galego é hoxe. Literalmente a mensaxe é “O día 17 é o día de sentir o futuro da nosa lingua”. O outros 364, de temer por el. 

 

A mensaxe á diáspora

Dous vídeos xuntos enténdese mellor. O secretario xeral de Emigración da Xunta, Antonio Rodríguez Miranda, ponse diante do Museo do Pobo Galego para convidar a Galicia exterior a celebrar o día das Letras desde a canle en Youtube desta secretaría (onde vemos que lle gusta bastante isto de poñerse a dar discursos diante da cámara). Despois dalle unha pasada co móbil á sala de exposicións onde quen vaia con máis tempo pode coñecer mellor a figura de Antonio Fraguas. Un vídeo do máis dinámico e innovador que inexplicablemente só ten 20 visionados en Youtube. 

Pola súa banda a REGA-UK (Rede Galega no Reino Unido), con moitos menos recursos que a Xunta pero cunha ansia real por chegar á xente, leva días recompilando na súa canle mensaxes de diversas persoas da cultura popular galega (músicos como Bieito Romero, Susana Seivane, Xabier Díaz, Jasper de Nao ou Guadi Galego e rostros da televisión como X.A. Touriñán, Tati Moyano, Xosé Ramón Gayoso, Lorena Pose, Mariana Carballal, Pablo Pose ou Xúlio Abonjo) que saúdan, falan do Día das Letras Galegas e recomendan produtos culturais na nosa lingua. Onte publicaron unha escolma destas mensaxes:

 

Os traballos escolares

Non debe quedar centro educativo no país que non teña xa a súa canle de Youtube para poñer á vista os vídeos que fai nas aulas o alumnado. Non debe ser doado para os docentes combinar certa privacidade que deberían ter as rapazas e rapaces nas escolas co atractivo que lles supón facer cousas para a canle na que consumen máis contido, Youtube. O caso é que polas Letras Galegas aparecen unha chea de vídeos de festivais de colexios, recitais de poesía, playbacks, concursos de vídeo, telexornais feitos pola cativada…  Algúns chaman a atención por distintos motivos así que ímolos destacar.

“Preséntome, son Antón Fraguas”. Hai moitos vídeos nos que os nenos contan a vida de Fraguas, e este, feito por un rapaz de Ourense de dez anos, faino con plastilina en primeira persoa:

 

A xente da Semente Compostela preparou este vídeo no que alumnas da Escola de Regueifa explican algunhas cousas sobre este xénero da poesía oral e tamén sobre Antonio Fraguas. Unhas xenias da improvisación. 

 

Os alumnos do Seminario de Ourense fixeron esta peza de ficción para denunciar a prohibición de ensinar ciencias en galego que existen desde que en 2019 o Partido Popular aprobase o Decreto de Plurilingüísmo. “O galego é a fórmula” é o título deste vídeo e tamén dunha campaña impulsada no último ano pola Mesa pola Normalización Lingüística e a Asociación Socio-Pedagóxica Galega para reivindicar algo que é obvio: que o galego é unha lingua válida para todos os ámbitos. 

 

Ás crianzas do CPI Plurilingüe de Navia de Suarna preguntáronlles cal era a súa palabra favorita do galego e elas non dixeron ningún dos tópicos habituais: nin morriña nin lusco-fusco nin bolboreta nin aloumiño. Son nenos e nenas galego falantes e elixiron con naturalidade as palabras propias da súa zona que escoitan no día a día: xato, bourear, eiquí, talameiro, afalar… mención especial á nena que no minuto 1:38 di que a súa palabra favorita é MACARROIS. 

 

Mundo Youtuber

Comecemos por dúas das estrelas do Youtube galego millennial, que sempre van dous pasos por diante á hora de reivindicar en alto o que moitas pensamos. Miguel Silva Conde, aquel-e en Youtube, leva xa tempo mandando parar con isto da “palabra máis bonita do galego”, porque o galego non ten que ser fermoso senón útil. Este ano propón unha superpalabra que sexa o avecrem do galego bonito, concentrando todas as características sonoras das verbas que a xente normalmente elixe: BABEIGOXOUSIÑA. 

 

Lembremos que aquel-e xa nos fixera o ano pasado un agasallo con este xogo de beber o Día das Letras Galegas que segue plenamente vixente: 

 

Outro youtubeiro do que somos fans, Ola Xon Mario, elabora o seu particular manifesto sobre o galego fermoso: 

 

Por irmos aos xéneros de Youtube máis puros, destacamos este vídeo que fixo a adolescente ourensá Eira Losada o ano pasado recomendando 5 libros en galego. 

 

Ou este vídeo explicativo da canle Eres curioso, que normalmente é en castelán mais hoxe fala en galego do do Día das Letras dun xeito divertido e cunha animación moi ben feita. 

 

Botades de menos algún youtuber que se atreva a facer un videoclip cantando co ukelele unha composición dedicada a Antón Fraguas?  Pois aquí o tedes. 

 

Algunhas tendencias preocupantes

Vaiamos ao “mundo real”, ao mainstream, ao das canles con milleiros de seguidores, ás que ve en realidade a nosa rapazada. O do Youtube en castelán, vaia. Alí non atopamos nada que non vexamos no día a día, mais non deixa de ser unha losqueada de realidade. 

Hai uns anos o youtuber coruñés Diego Novelle (tworumbel) facía este vídeo preguntándolle a universitarios pola rúa se sabían o significado de algunhas palabras en galego, e moitos deles non tiñan nin idea. A reflexión final de tworumbel é bastante crítica coa situación, aínda que a faga en castelán. 

 

O que non vai mal de vocabulario, parece, é o coruñés Wismichu, un dos youtubers en español máis populares con 8,5 millóns de seguidores. Na canle Código Nuevo poñíano a dar unha clase “de gallego” explicando o significado de certas palabras que a xente usa habitualmente en Galicia e en concreto na Coruña aínda que fale castelán. 

 

O problema é que falar en castelán dicindo “colo”, “malo será” ou “esmagar” non é falar galego. E aquí atopamos un fenómeno novo: vemos que cada vez máis xente pensa que si. Que o galego é un dialecto do castelán, cun acento particular e algunhas palabras propias das que están moi orgullosos, claro. Como pode ser o andaluz. Como mostra, estoutro vídeo.

 

Houston, temos un problema aínda peor do que pensabamos. Se o contacto co galego da xente nova é tan escaso que se pensa que é unha forma peculiar de falar castelán con catro palabras propias, se cadra a estratexia de reivindicar o vocabulario o 17 de maio non é a máis axeitada. O galego non é un conxunto de palabras soltas enón sistema máis complexo, como calquera outra lingua. Poderiamos chamarlle 'efecto Fariña': un castelán con acento e vocabulario galego que é o máximo galego que se permiten tolerar en Madrid, e por extensión na maioría do consumo cultural que facemos tamén desde Galicia. Coma sempre, ten que vir un de Londres a entender isto mellor que moita xente de aquí. 

 

 

María Yáñez

María Yáñez

Xornalista. Levo vinte anos traballando na rede e no audiovisual. Adoro as revistas en todos os seus formatos. Agora dirixo VINTE da man de Praza.gal.

Faite de vinte

A partir de 5€ mensuais podes suscribirte a VINTE e colaborar para que sigamos a producir contidos de calidade pagando dignamente as colaboracións de vídeo, fotografía, ilustración, xornalismo e creación de todo tipo.