Fran Bermúdez é Sarxento 1º da Armada Española e está destinado nos Países Baixos. Desde alí leva adiante o propósito de publicar un vídeo en galego ao día durante un ano. Está a piques de conseguilo, o vindeiro 9 de febreiro remata o prazo.
Fran Bermúdez falaba castelán de maneira habitual pero un día a principios do ano pasado todo cambiou. Sempre que se toma unha decisión tan importante como é cambiar o idioma no que un se comunica todos os días algo ten que suceder para dar o último e definitivo empurrón, cando xa non hai volta atrás. Fran vive nos Países Baixos coa súa muller, e aquel día volvían para o seu lugar de residencia despois de pasar o Nadal en Galicia. Ela, que tamén era castelanfalante, faloulle en galego para a sorpresa del, e ante a pregunta de por que o facía a resposta foi definitiva: “négome a non volver a escoitar falar galego ata o verán”. Ese foi para Fran o detonante para comprometerse persoalmente co galego e para acabar utilizándoo en todas as súas redes sociais.
Así o explica el: “Sempre fun moito de varrer para a casa cada vez que falabamos de Galicia no traballo, pero a raíz desa frase da miña muller, e quizais por morriña ou se cadra, un pouco, por rebeldía cara a moita xente que aquí me rodea, que enchen a boca cos tópicos habituais sobre Galicia e os galegos, e incluso algúns dicindo que o galego é un dialecto (pffff...) decidín comezar este videoblog na rede social Instagram”.
O nome de todas as redes de Fran é A Lobeira Today, e ven do lugar de A Lobeira, na parroquia de Santa Mariña do Monte, no concello de San Sadurniño, o que Fran chama a Casa con maiúsculas, o fogar. En youtube A Lobeira Today ten 130 seguidores, pero en Instagram xa supera os 1000, e é aí onde Fran se propuxo publicar un vídeo en galego ao día durante un ano. E vai camiño de conseguilo. Empezou co reto o 9 de febreiro, ao pouquiño de cumprir 40 anos. Inspirouse na película Avatar e no seu protagonista, que é obrigado pola enxeñeira xefe do seu proxecto a gravar diariamente un vídeo falando do que sinte ou do que lle ocorre. Algo parecido fixo Fran pero coas súas tres particularidades vitais: el é membro do Exército Español, está destinado nos Países Baixos e faino en galego sendo un neofalante convencido desde hai pouco. Os inicios foron, como todos os retos, un pouco complicados. Pero Fran ten moita forza de vontade: "non sabia no que me estaba a meter, son moi cabezón e cunha forza de vontade fóra do normal para o que se me mete entre orella e orella e me reta. E comecei un dia sacando o móbil e gravando a miña cadela Lina nun pequeno parque nevado a carón da casa”. Este foi o primeiro dos vídeos.
Fran é suboficial da Armada Española, especialista en SONAR (busca de submarinos mediante acústica), e está destinado na oficina de coordinación económica do Cuartel Xeral de Mando da Forza Conxunta da OTAN en Brunssum (Joint Force Command Headquarters Brunssum). Esta vila ten 22000 habitantes e está moi cerca de Maastrich. Para esta reportaxe Fran, inicialmente, non estaba moi seguro de que incluísemos a información de que é militar, para evitar prexuízos e comentarios de moita xente que ía opinar sobre a súa labor de instagramer sen ver os seus vídeos e sen saber o que fai nas redes. Pero o caso é que Fran ten moito mérito, el era un militar máis, castelanfalante, ao que destinaron aos Países Baixos durante tres anos, e nese contexto tan hostil para o noso idioma conseguiu tomar consciencia lingüística e sacar adiante o seu reto persoal de publicar un vídeo ao día en galego.
O difícil que foi resúmeo el nun comentario de Instagram: “A pesar das hostias que lle meto ao dicionario (non me odiedes por iso que non é a caso feito) tento, sempre que me lembro, dicir a palabra na súa forma correcta e usar os menos estranxeirismos posibles. Para risas dos ghaleghofalantes que escachan cada vez que digo grazas, Nadal ou parabéns. Iso por non falar das miñas apertas, que me teñen a orella rota co cachondeo que se monta. Lembrade que eu falo galego dende o pasado outubro”. Ademais, grazas aos seus vídeos os “lobeiristas”, como nos chama el, puidemos desfrutar de momentos da súa vida ben interesantes. Moitos foron con Lina, como este moi simpático xogando ás agachadas con ela.
Aquí facendo un unboxing dunha ración de combate do exército francés.
Descubrindo como fan por onde el vive para meter dous coches nunha soa praza de garaxe.
Declarándose abertamente feminista.
Ou cando gañou un queixo no Galicia Por Diante da Radio Galega.
Neste vídeo de Youtube podemos ver a gran parte da comunidade que o segue mandando apertas desde moitos lugares do mundo.
O 9 de febreiro veremos se Fran consegue o seu reto, mais polo de agora xa deixou case un ano de vida reflectida nos seus vídeos. Así que seguiremos A Lobeira Today, para saber todo canto lle acontece.