162.000 seguidores. Alcances de case 4 millóns de perfís de Facebook. Líder de engagement en Galicia durante a vaga de lumes do ano pasado, superando a todos os medios tradicionais. Impacto internacional en países como Arxentina, Portugal ou Brasil. Todo isto conseguírono dúas persoas anónimas e non profesionais. Continúan na sombra, pero en VINTE demos con elas e conseguimos que nos expliquen un pouco mellor cal é o segredo do seu éxito.
O nome da páxina xa case o di todo pero a verdade é que desde o principio buscaba iso. Como din os administradores do perfil “buscabamos facer sentir o orgullo de sermos galegas e galegos a través da idea de destacar as nosas potencialidades e denunciar as inxustizas ás que estamos sometidos”. Un dos administradores, que non sabemos quen son e que tampouco queren darse a coñecer, di que “preferimos seguir sendo anónimos polo momento, aínda que non sabemos moi ben até cando poderemos manter esa condición. A procedencia é A Coruña e Pontevedra. Norte e sur representados!”.
Estas dúas persoas dedican case unha hora ao día a manter a páxina, aínda que hai momentos nos que pode ser moito máis tempo. Cando foi a vaga de lumes chegaron a publicar entre 15 e 20 contidos ao día, converténdose para moita xente na única maneira de estar informados do que estaba pasando realmente. E aquí, como outras moitas veces, foi moi importante a labor dos seguidores: “Unha parte importante dos contidos que se comparten chégannos por mensaxe privada. É a propia comunidade a que nolos envía. Son xeniais e nós estamos moi agradecidos”.
Desde o ano 2016 Orgullo Galego leva sorprendendo pola cantidade de feedback que recibe da xente e pola cantidade de publicacións compartidas e likes. Para eles o segredo está no nome da páxina (“quen non está orgulloso ou orgullosa de ser galega?”), en compartir contidos en positivo que destaquen o que somos e en xerar debate, sobre algún dos temas importantes do país. Ademais Orgullo Galego nunca escondeu o seu carácter reivindicativo e son habituais publicacións sobre “o precario estado da nosa lingua, sobre a situación política e social, sobre temas que afectan a moitos galegos (como a AP9 ou o prezo da enerxía sendo nós produtores excedentarios) ou sobre a emigración e o avellentamento da poboación”.
Un factor determinante tamén foi que a idea inicial se fose ampliando ao incorporar contidos musicais, gastronómicos, paisaxísticos, históricos, ou arquitectónicos. Iso si, sempre en galego, e destacando “a potencia que somos como pobo, os recursos que temos, que non vivimos de esmolas e que moitas das nosas carencias veñen dadas por cuestións alleas a nós”.
As publicacións que maior éxito teñen en Orgullo Galego son os vídeos. O vídeo con máis reproducións é a Muiñeira de Chantada (Carlos Núñez & The Chieftains) que tivo 2,6 millóns de reproducións e un alcance de case 4 millóns de perfís de Facebook. Hai varios vídeos máis que superan o millón de reproducións.
Para Orgullo Galego hai un liña vermella que non queren atravesar nunca. Trátase do capital privado ou que algunha empresa intentase condicionar o contido: “Podería vir Abanca pagarnos que non publicaríamos publicidade de Abanca. Podería vir Inditex, que o mesmo”. E todo isto tendo en conta que non gañan nada con todo o traballo que fan na páxina: “Isto hai xente que non o cree. Pensa que cando subimos a foto duns pinchos cunha caña de Estrella, ou cun viño, esas empresas págannos… pois polo momento nada”.
De cara ao futuro Orgullo Galego ten varias ideas, pero séntense principiantes en todo isto e queren ir pouco a pouco. A idea da web segue aí, e tamén a de aproveitar a potencialidade dos vídeos en directo no Facebook. Namentres, seguiremos gozando da páxina e de todo ese contido que soben cada día.
Engadido decembro 2019:
Ademais das dúas distintas redes, onde xa colleita 230.000 seguidores, Orgullo Galego agora ten un sitio web propio non que se recollen distintos contidos sobre música, gastronomía, historia e patrimonio, humor... un xeito de reforzar este posicionamento como a maior comunidade en redes sociais sobre Galicia.