E-leccións galegas. Como os partidos afrontan a campaña máis dixital

Co patrocinio de

Ben sexa porque hai unha pandemia que impide que se poidan celebrar actos con moita xente ou ben porque estamos no 2020 e as redes son cada vez máis determinantes na transmisión da información, desta vez as formacións que se presentan ao 12-X tomaron bastante en serio a súa comunicación dixital. Imos ver como andan de seguidores, de presenza e de creatividade en internet.

 

Partido Popular de Galicia

As redes. Malia que a marca do Partido Popular nestas eleccións está bastante desaparecida e aposta todo á figura de Alberto Núñez Feijóo, a presenza desta formación nas redes está consolidada en todas elas. Con todo, o candidato é quen acumula máis seguidores, por ser tamén presidente da Xunta desde hai once anos. O PPdeG ten 14.800 seguidores en Twitter e Feijóo ten 47.400, é a rede onde é máis activo. En Facebook o PPdeG ten algo máis de 9.000 seguidores, cando Feijóo ten case 40.000. E en Instagram a conta oficial do partido non chega aos 1.000, mentres Feijóo suma 23.000 seguidores e é con moito o candidato con máis influencia nesta rede, só superado na política galega polo alcalde de Vigo, que supera os trinta mil. A canle de Youtube do partido suma 560 subscritores, mais non está moi ben actualizada.

A web. A web oficial da candidatura, Feijoo.gal, ofrece de maneira moi ben estruturada as principais propostas do programa electoral, ao tempo que fai balance positivo dos resultados do Goberno e recolle en "pensamentos" algunhas frases do candidato, Núñez Feijóo. Como curiosidade tamén ofrece un perfil humano do candidato a través dos obxectos que garda no móbil, no recibidor, no despacho ou nos andeis da casa, onde destacan a súa faceta como pai e como afeccionado aos coches de xoguete.

Os vídeos. Máis alá de compartir os spots oficiais, a estratexia audiovisual da candidatura nas redes pasa por ofrecer pequenas pílulas agrupadas en distintos tipos de mensaxe: en #ditofeito explica en menos de medio minuto resultados concretos da súa xestión. Noutros vídeos apela ao "voto seguro" atacando os "experimentos" o a falta de entendemento entre un posible goberno de esquerdas formado por varios partidos. Pero onde máis destaca é na cantidade de vídeos focalizados en cidades concretas, ben sexa para facer balance da xestión ou ben para mostrar resumos de 2 minutos dos actos de campaña. Para facernos unha idea do seu alcance en Facebook estes vídeos sitúanse entre as mil e as dez mil visualizacións.

 

Bloque Nacionalista Galego

As redes. A seguinte formación en número total de seguidores é o BNG, que tamén fixo unha aposta forte pola campaña nas redes, tratando de tirarlle partido á súa fortaleza entre o electorado máis novo. Aínda que nestas eleccións o Bloque tamén aposta todo á marca da súa candidata, Ana Pontón, a matriz principal das mensaxes e quen capitaliza o maior número de seguidores segue a ser a formación política. En Twitter a conta oficial do Bloque ten 47.000 seguidores, mentres que Pontón ten 22.000, e en Facebook o BNG move máis de 29.000 usuarios mentres a páxina da candidata apenas supera os mil seguidores. No Instagram falamos de 15.000 seguidores do partido fronte aos 7.750 de Pontón.

No caso da formación nacionalista tamén cómpre destacar os 3.300 seguidores da súa canle de Youtube, a máis completa e organizada de todas, e tamén que é a primeira e por agora única candidatura galega que creou unha conta de TikTok, onde ten 123 seguidores.

A web. O BNG creou a web de campaña Unha nova Galiza, na que tamén trata de explicar da maneira máis sinxela posible (nunca é doado cando falamos de programas electorais) as propostas básicas que lle fan á cidadanía. Como complemento esta semana presentaron outra web titulada As chaquetas de Feijóo na que de modo paródico, coma se se tratase dun catálogo de roupa, tratan de mostrar as contradicións ou incumprimentos do actual presidente da Xunta.

Os vídeos. Para estas eleccións o BNG tamén está a facer un gran esforzo por comunicar audiovisualmente na rede, ofrecendo gran variedade de contidos alén dos spots electorais. Desde unha serie de cuestionarios tipo Proust á candidata e mais aos 4 cabezas de lista provinciais, ata unha peza documental de 15' titulada Unha nova vida, con testemuños de xente afectada pola crise da covid ou unha serie de conversas entre Ana Pontón e Alexandra Fernández, a nova incorporación ás listas do BNG, procedente de Anova e ex deputada no Congreso por En Marea. Ademais pequenas pílulas gráficas condensan as principais propostas, se ben os vídeos máis vistos son os do debate televisivo do pasado luns e o do arranque de campaña con Pontón visitando a casa de seus pais en Chorente, Sarria. Logo tamén tratan de adaptarse a cada plataforma, aproveitando os directos do Instagram para facer almorzos coas candidatas máis novas, como Olalla Rodil ou Noa Presas, ou o ton máis desenfadado de TikTok para sumarse a xogos e memes desta plataforma.

@obloque

NOA ten moi claro o ##CambioGalego E ti, queres mudar as cousas?

♬ sonido original - obloque

 

PSdeG-PSOE

As redes. Para ser unha formación política asentada, veterana e que ocupa boa parte do poder local no país, sorprende que a nivel galego o PSdeG non teña moita forza nas redes, comparado cos seus dous principais competidores agora mesmo. En Twitter o partido ten 10.220 seguidores e o candidato, Gonzalo Caballero, 6.600. En Facebook gaña Caballero, con 7,800 seguidores, fronte aos 5.100 da conta oficial do PSdeG, e en Instagram a cousa baixa ata 1.280 seguidores o partido e 2.425 o candidato. En Youtube, 335 subscritores e pouco material.

A web. Dentro da web do PSdeG atopamos a sección A hora do cambio, onde se presenta o programa electoral en varios PDFs xunto con outros documentos sobre a situación sanitaria galega, e tamén unha sección de noticias onde se vai compartindo a axenda e as notas de prensa da campaña. Non se presentan o resto das candidaturas provinciais, o programa non se resume ou se explica dun xeito máis amable para o usuario e en xeral os socialistas galegos non fixeron un gran esforzo por explicar as súas propostas para quen as queira consultar na web.

Os vídeos. A estratexia audiovisual dos socialistas nas redes é máis da vella escola e baséase en publicar resumos dos actos e visitas de campaña do candidato, ademais dos spots electorais, intervencións en medios e algúns vídeos atacando as políticas de Feijóo. Tamén usa ben a fotografía e as stories no Instagram, aínda que se bota algo de menos unha comunicación máis persoal nesta rede.

 

Galicia en común / Anova Mareas

As redes. Aquí é onde vemos como o capital das distintas formacións que compuxeron o espazo rupturista galego desde 2012 foron disgregando o seu capital de seguidores nas redes en función das distintas unións, desunións e candidaturas de cada cita electoral. Así e todo a marca Galicia en común logrou xuntar en Twitter 6.275 seguidores e o seu candidato principal, Antón Gómez-Reino, acumula 15.732 seguidores, tamén por ser coñecido como deputado no Congreso desde 2015. No Instagram é bastante activo e supera con 3.421 seguidores a comunidade da súa formación, que ten 1.425. En Facebook os seguidores que xuntou para as eleccións galegas a coalición de Galicia en Común / Anova Mareas anda polos 4.500 seguidores, e Gómez-Reino polos 1.880. Mais Anova achega 7.500 seguidores da súa páxina oficial, que se mantén moi activa estes días, e Martiño Noriega 5.000 amigos desde a súa conta persoal. 

Teñen 140 suscricións na súa canle de Youtube.

A web. GECAM fixo un bo esforzo en presentar na web a súa candidatura, comandada por Gomez-Reino mais con presenza importante de Eva Solla (Esquerda Unida) e Martiño Noriega (Anova Mareas). E tamén se esforzou, quizais demasiado, en simplificar as ideas do seu programa, que podemos ver ou ben en catro parágrafos ou ben descargando un pdf de 87 páxinas.

Os vídeos. Aínda que a cantidade de contido audiovisual despregada polo momento nesta campaña non é tan numerosa coma a doutras formacións nin tan coidada na producción, si que se apreza un esforzo dos candidatos e candidatas por falarlle aos seus seguidores de forma directa, mirando á cámara, a pé de rúa ou desde a casa durante o confinamento, como fixo durante moitas semanas Antón Gómez-Reino. No seu Instagram vemos que o candidato á Xunta comparte bastantes momentos persoais, algunha foto estilo Obama e tamén a súa afección por bañarse no mar da Coruña ou no río Tambre. Martiño Noriega achega pola súa parte ao Facebook crónicas audiovisuais da súa campaña "on the road" e tamén unha conversa con Xosé Manuel Beiras que se publica por capítulos.

 

Marea Galeguista

As redes. Na formación que encabeza Pancho Casal é onde máis se apreza esa disonancia entre a pouca comunidade que puido crear unha marca tan recente e o capital social herdado da súa marca anterior, En Marea. Así atopamos que en Twitter a Marea Galeguista ten só 400 seguidores, fronte aos 24.750 de En Marea (que axuda rechiando as mensaxes principais). Compromiso por Galicia achega 1.031 seguidores nesta rede e o Partido Galeguista só 265, mentres que Pancho Casal leva xuntados 3.658 seguidores. En Facebook a Marea Galeguista acada 1.300 seguidores, fronte aos 18.000 de En Marea, e Casal ten 1.100 na súa páxina oficial. A presenza en Instagram é máis anecdótica que outra cousa, se ben manteñen activos os perfís da candidatura (132 seguidores) e do candidato (598 seguidores, sen actualizar desde marzo).

A web. A Marea Galeguista non ten dominio propio pero si que aloxa no de En Marea unha web de campaña na que se presentan de maneira correcta e sinxela as candidaturas e os 20 puntos principais do programa, enumerados sen máis detalle, para logo enlazar a un pdf tamén de 87 páxinas.

Os vídeos. Nunha tónica similar á de Galicia en común / Anova Mareas, vemos vídeos sinxelos de resumo dos principais actos de campaña, apelacións directas do candidato ao electorado mirando a cámara e nun tono moi explicativo, e tamén os spots electorais. Cómpre dicir que xa na anterior lexislatura, na época de Luis Villares, Pancho Casal foi o deputado de En Marea que máis se esforzou en usar o vídeo para dirixirse directamente á cidadanía explicando propostas ou denunciando políticas da xunta, especialmente en materia ecolóxica e industrial.

 

C's Galicia

As redes. Para a súa escasa presenza institucional en Galicia hai que dicir que Ciudadanos vai tendo unha comunidada nutrida nas redes. En Twitter vemos como a conta oficial de C's Galicia ten 5.500 seguidores, mentres que a súa candidata a presidir a Xunta, Beatriz Pino, acumula xa 10.860, tamén pola súa traxectoria no mundo da comunicación. En Facebook a comnuidade e máis modesta, con 3.800 seguidores na páxina oficial e pouco máis de mil na da candidata, e en Instagram vai superando os 1.000 a conta do partido a nivel galego, mentres que Pino vai camiño dos 4.000 seguidores.

A web. A presenza da candidatura de Beatriz Pino na web limítase a un subdominio na web de C's a nivel estatal que aloxa un blog que só ofrece as novas do segu gabinete de prensa na campaña. Polo de agora non atopamos a maneira de ver o programa electoral na rede.

Os vídeos. Hai moi pouco contido audiovisual creado a propósito para a campaña, agás un pequeno spot protagonizado por bicicletas que marcaba o arranque da campaña. Hai que dicir que a candidata está unida ao mundo das carreiras ciclistas por tradición familiar: é sobriña de Álvaro Pino. Onde destaca máis a súa presenza e imaxe é no Instagram: véselle cómoda tirando proveito dunha conta que xa usaba de maneira persoal antes de ser candidata, como o pasado 1 de xuño cando celebrou o seu aniversario recibindo felicitacións nas stories.

 

VOX

As redes. Igual que o partido que preside Santiago Abascal non ten unha candidatura á presidencia da Xunta, senón catro provinciais, tampouco conta con perfís nas redes a nivel galego: as súas contas están máis vencelladas ás cidades, onde suma, por exemplo en Facebook, máis de 20.000 seguidores, e máis de 7.000 en Instagram. En Twitter tamén hai algunhas contas locais que quedan opacadas pola presenza das dos seus líderes a nivel estatal. As dos cabezas de lista provinciais apenas teñen relevancia.

A web. A presentación do programa despáchana desde a web estatal do partido cun post de blog que recolle as 10 medidas que propoñen para Galicia.

Os vídeos. A audiovisual é unha linguaxe que os de VOX dominan ben e nesta campaña destacaron con 3 vídeos, o que presenta os candidatos, o que presenta as 10 medida, e o que presenta a Abascal coa súa 'abueliña' galega. A maiores tamén están a distribuír algúns vídeos coa presenza dos seus líderes madrileños en cidades galegas e os seus clásico ataques ás formacións "progres" ou ao "nacionalismo" de Feijoo.

 

 

Máis análises sobre a campaña nas redes

As usuarias e usuarios máis activos na internet galega tamén están a crear contido comentando como ven a campaña na rede. Aquí dous exemplos interesantes a xeito de bóla extra:

Na súa canle de Youtube Olaxonmario fixo un vídeo de reacción aos primeiros spots electorais da campaña:

E en Twitter hoxe o xornalista Miguel Rodríguez (un dos responsables do podcast Té con gotas) publicou un fío cunha pequena análise visual de datos sobre as comunidades que se crearon arredor dos partidos e como interactuaron durante o debate do pasado día 26:

Nas últimas eleccións municipais

  • 26-M. Escolma dos vídeos electorais máis rechamantes

    Achégase o superdomingo electoral, ese día no que temos dereito a elixir os nosos representantes locais e europeos. Europa é importante, pero o noso concello aínda máis, e os partidos sábeno, así que botaron man de todo canto tiñan para convencernos, especialmente dos vídeos, con maior ou menor enxeño ou orzamento. Escollemos algúns dos que, por distintos motivos, nos encheron máis o ollo.

    Pantallas

Faite de vinte

A partir de 5€ mensuais podes suscribirte a VINTE e colaborar para que sigamos a producir contidos de calidade pagando dignamente as colaboracións de vídeo, fotografía, ilustración, xornalismo e creación de todo tipo.