As Tanxus, Bad Bunny e o ‘valor’ da identidade

Montaxe con Tanxugueiras, Bad Bunny e o entroido ourensán en Balaídos. CC-BY-SA Rocío Cibes/RTVE/Celta

Di a música e antropóloga galega María Xosé Silvar, SÉS, con todo o sentido do mundo, que “mainstream disidente” é un sintagma paradoxal en si mesmo. Na música poucas cousas hai na actualidade máis mainstream que o reguetón e precisamente por iso resultou tan rechamante a mensaxe deixada por Benito Antonio Ocasio Martínez, Bad Bunny, no seu show do intermedio da última Super Bowl. A cultura, como a lingua, é unha arma, unha ferramenta de batalla das ideas que tamén utilizan as forzas políticas para “facer comunidade” e as artistas hai tempo que non poden esquivar posicionamentos ideolóxicos.

Sucedeu hai unhas poucas semanas, o 8 de febreiro. No descanso da final da liga de fútbol americano actúa o músico de Porto Rico. Canta o seu reguetón, todo no seu idioma materno; hai mesmo un desfile de bandeiras de todos os países que conforman América mentres recita con rabia cada nome e acaba dicindo “seguimos aquí” ao tempo que fai un touch down cun balón gravado co lema “xuntos somos América”. Nos case 14 minutos o show é unha auténtica exhibición de orgullo do mundo latino, no momento en que o presidente de EUA quere facer a maior deportación masiva da historia. Foi unha defensa da súa identidade. A Trump pareceulle un espectáculo “terrible”.

“A cultura como a lingua é unha arma. O de Bad Bunny foi reivindicar un xeito de ser porque moita xente diferenciamos que aínda que nos guste ou non o reguetón, gustounos o que fixo e como aproveitou esa sensación de poder, poder mediático neste caso, para chamar a atención sobre un problema. El tiña esa posición de poder que che dan os millóns de escoitas e de seguidorese e aproveitouno para lanzar unha mensaxe”, explica o director do programa Ábrete de Orellas, Pepe Cunha. “Como fixeran as Tanxugueiras na TVG dicindo ‘Altri non’. Elas estaban nun momento que saben que a TVG as necesita máis a elas que ao revés e, entón, aproveitaron esa situación de poder cultural e mediático para alertar dun problema, como o de Altri. A música, como parte da cultura que é, ten poder e neste caso Bad Bunny é un artista que pode gustarche ou non, pero aproveitou a situación de poder para dar un golpe na mesa”, engade Cunha. 

A ninguén se lle escapa que o asunto de Bad Bunny é unha acción de marketing ben medida que rexistrou audiencias de récord, con máis de 4.000 millóns de visualizacións en 24 horas. Unha performance da que todo o mundo falaba nos días seguintes e xerou mesmo editoriais en diarios estatais. 

Un momento da actuación de Bad Bunny na Super Bowl 2026 CC-BY-SA Captura vídeo oficial NFL

Para  Nadie González asistimos a un cambio de paradigma. “Creo que as artistas xa somos máis conscientes de que queiramos ou non estamos posicionadas e se non o fas ti, vano facer o resto. Creo que temos o foco aí entón se ti non te manifestas e te mantés neutral, a xente vai elixir polo que te estás posicionando. Calar fronte a algunhas cousas implica tamén algún tipo de posicionamento”, explica a rapeira viguesa.

“Creo que tamén hai un abuso de querer endeusar as figuras dos artistas en xeral, desde Rosalía vestida de santa falando de ser un ser elevado ata Bad Bunny, que de repente parece que é o Che Guevara e tampouco é iso”, indica González. Para ela son dúas caras da mesma moeda: cando non te posicionas a xente vai sinalar e exixir que digas algo e de feito pasou, segundo lembra, con Rosalía. “Mantívose moito tempo elevada nunha neutralidade como mística e ao final chegoulle tanto hate, que fixo unha aparición pública nun evento por Palestina, porque houbo unha gran presión social e os custos económicos de quedarse calada estaban sendo máis altos que os posicionarse. Entón fíxoo un pouco obrigada. E Bad Banny entendeuno antes de que lle pasara - que non xulgo os seus motivos- pero decidiu facer un statement disto porque efectivamente se non o fai xa o farían por el”, argumenta. 

O xornalista musical Rodri Míguez, pola súa banda, defende que aínda que efectivamente esteamos ante accións performativas ou marketinianas, estas sempre deixan un pouso na sociedade do que se poden extraer cousas positivas e poñer a pensar á xente.  “Por moito que unha persoa na súa casa poida pensar que é unha estratexia de marketing, ao final iso tamén calla na sociedade. Se ti chegas a posiblemente un dos focos mediáticos máis grandes do mundo e chegas para dicir: ‘Mira, perdón, estou orgulloso de ser do sitio de onde son, da miña cultura e das miñas raíces e lanzo a proclama de que América non só son os EUA senón que é tamén América Latina e todos os países que a conforman’. Ao final, por moito que poida ser unha estratexia, é unha mensaxe que ten calado”, detalla o xornalista, gañador na última edición dos Premios Youtubeiras +.

Para el a empatía que espertou ten que ver coa extrapolación que podemos facer da súa mensaxe. “Toda mensaxe é extrapolable se tes intención. Cando se fala de procesos nacionais, de identificación e orgullo por un pobo, cunha cultura tamén se pode establecer ese paralelismo. Un artista mega internacional está a defender o seu pobo e en contra da colonización que pode representar Estados Unidos e se te paras a pensar podes sacar unha semellanza coa situación de España e Galicia”, indica.

A artista coruñesa  Sés , pola contra, rexeita poñer en valor o xesto do artista portorriqueño. “Desde o meu punto de vista non hai nada que lle agradecer a Bad Banny, porque non hai nada que suceda dentro do corazón da besta que a besta non aprobara previamente. Entendo que estamos no punto de aplaudir migallas, entón. Mainstream disidente é un sintagma paradoxal en si mesmo”, indica a cantante e compositora Sés.

A cantora explica que xente adoita aplaudir dúas cousas, o que apele ao primario e sobre todo sobre todo o que non moleste. Que non faga remexer ningún tipo de cimento. “Nada que non te poña nun compromiso leva consigo cambios substanciais ou interesantes. Nunha análise madura, hai que ser responsables con darlle a Bad Bunny unha transcendencia ética. El non fixo absolutamente nada máis que mencionar os países de América, que xa os mencionaba eu en sétimo de EXB”, detalla.

Sés enfatiza que a ligazón entre música e identidade é unha realidade, algo que “non é opinable”. “A cultura é política, é instrumentalizable, claro que é politizable e todos os fenómenos televisivos son mercadotecnia. A miña perspectiva non é de música, é de Antropoloxía. Entón para min é curioso que a xente celebre tanto estas cousas”, asegura. 

Unha ferramenta de construción e orgullo 

Nos últimos dez anos a aposta pola música como unha ferramenta de comunicación política foi especialmente visible no caso do BNG. E o principal responsable desta estratexia é Xavier Campos, responsable de comunicación da forza nacionalista desde 2016. Di Campos que a música e a cultura en xeral son unha ferramenta de batalla das ideas. “É un elemento moi importante porque ten moito valor simbólico e porque entendemos que nun país como o noso axuda a reforzar a comunidade e a crear autoestima, a trasladar unha idea de orgullo. Entón nós empregamos ferramentas como videoclips na nosa estratexia comunicativa. Pero máis alá diso creo que a cultura en xeral, pero máis a música, é unha ferramenta moi poderosa pola capacidade de chegada masiva e de introdución na mocidade; é unha ferramenta moi poderosa de disputa de valores, de creación de identidade, de idea de comunidade”, explica Campos.

Actuación das Tanxugueiras na semifinal do Benidorm Fest (2022). © RTVE

No caso de Bad Bunny, indica, o máis importante non era o musical, senón que tipo de utilización ía facer dese evento tan masivo e como iso ía conectar cun contexto social que está vivindo a comunidade latinoamericana nos Estados Unidos. “Pero isto creo que é histórico. Nina Simone ou San Cook e outras grandes figuras da música negra eran a banda sonora dese movemento en concreto. A música é unha ferramenta que non é que reflicta unicamente un momento social, senón que é tamén unha ferramenta de construción e orgullo”, defende.

Desde o punto de vista do Bloque teñen moi clara a importancia de traballar o imaxinario e a percepción social. Pero tamén outras entidades como o Celta están a facelo, entendendo que a través da música e outras elementos culturais tamén se pode cambiar a visión que temos de nós mesmos como galegas e galegos, facendo un traballo de identificación cunha cultura con raíces, con identidade propia. “O Celta pon en valor o noso de maneira práctica: utilizan a súa plataforma e visibilidade para darlle recoñecemento os proxectos que se están a facer ben. Dicir que estás orgulloso está moi ben, pero traer eses proxecto ao espazo e darlles a oportunidade de exhibilos é moito mellor”, subliña Rodri Míguez.

Abraham Cupeiro toca o Karnyx en Balaídos. CC-BY-SA RC Celta

Para Xavier Campos o fenómeno das Tanxugueiras puxo de manifesto que hai unha identidade latente forte na sociedade. “Hai unha fame tamén de comunidade, de pertenza, de ter raíces e iso creo que é algo que está a pasar en todo o mundo e o importante é cara que lado se canaliza. Se se canaliza para un lado progresista, integrador, solidario ou non. Creo que esa necesidade de volver a sentir que formamos parte de algo está detrás de moita explosión musical incluso, no mainstream e no ámbito do pop, por exemplo, que busca raíces”, asegura. Bad Banny sería un exemplo, pero Los Planetas, desde a música indie, na súa última época tamén foron pioneiros nisto, segundo indica. 

“O fenómeno das Tanxugueiras conectou cunha identifcación e emoción do país, que está latente e que se manifesta cando, por exemplo unha xuíza fala de “la Galicia profunda”. A pena é que só nos activemos como resposta a unha aldraxe ou algo así. O ideal sería que non fose necesario iso”, subliña Campos . 

Para Nadie González o caso das Tanxus tivo uns efectos que aínda estamos a vivir agora, tamén na música urbana. “Hai unha morea de artistas que antonte estaban querendo ir a Madrid ou Barcelona, falando con códigos doutro tipo, e agora, a raíz de ver tamén outros artistas grandes defender a súa cultura abrazan eses imaxinarios, metendo gaitas e cunchas nas nosas instrumentais”, explica. González destaca o caso de artistas que son galegos e que cantaban en castelán, pero que agora están comezando a sacar os seus temiñas en galego, véxase Sensenra ou Guzmen. “Hai moita xente que triunfaba fóra cantando en castelán  e que de repente están sacando temas en galego porque de repente ten un valor económico fóra de aquí, porque valor cultural sempre tivemos, outra cousa é que se vise reflectido en euros”, di a artista.

Pero non hai que esquecer que a música ademais de arte tamén ten unha industria. Para Sés resulta sorprendente que “no peor momento da lingua galega” se fale do bo momento da industria musical en galego e alerta de que é a industria a que manda. A artista lembra que xa houbo unha primeira onda de éxito da música tradicional, cando saíu Cristina Pato, Susana Seivane, Carlos Núñez ou Hevia. “Nesa primeira onda, que foi instrumental, Luar na Lubre gravaba con Mark Knopfler e había 100 aulas de gaita onde hoxe hai unha. Ese momento marchou como marchan todas as ondas, porque a industria necesita iso, a obsolescencia programada, sexa a tecnolóxica, a téxtil ou cultural, porque o núcleo é industria e cultural ou musical só é un modificador. Aquilo desinstalouse e foi reprogramado”, explica. 

Desde hai uns anos asistimos a unha segunda onda, con máis peso no vocal, nas voces, que estalou en toda España e no mundo. “Están as Tanxugueiras, Rodrigo Cuevas, Marala... hai un millón como había un millón hai 20 anos. Isto é bo? É marabilloso. Pero cal é o impacto real de movementos que se reducen puramente ao económico? Porque todo isto xa pasou hai 20 anos e a lingua e a cultura galega foron a moítisimo peor”, lamenta Sés.

Vanesa Vázquez

Vanesa Vázquez

Viguesa do Calvario. Comecei e aprendín en Atlántico Diario, Radio Vigo e Expansión. Cada día conta e agora contámolo en VINTE e Praza.gal. 

Tamén che interesa

  • A outra vitoria do Celta: “O uso do galego reforza o noso crecemento”

    Máis visualizacións, máis interaccións en redes, máis aboados, máis vendas de camisetas e o equipo vai xogar en Europa a vindeira temporada. En Balaídos soa a épica co Karnyx de Abraham Cupeiro, cantan as Fillas de Cassandra, tocan as Pandeireteiras de Toutón e os xogadores mesmo recitan Rosalía no 23 de febreiro. Algo está a pasar co Celta. Algo que comezou co inesperado himno do centenario, creado con tanto xeito por C. Tangana, un fito que espertou o celtismo latente e inspirou un cambio de estratexia a nivel comunicativo co protagonismo da lingua galega. Sen dúbida, outra vitoria, e ben importante, do Celta de Vigo.

    Deporte
  • Entrevista | Nadie González: «No escenario hai que ser unha xefa, ou polo menos que a xente o pense»

    «Eu veño da escrita e son unha persoa bastante introvertida nalgúns aspectos…No escenario hai que transformarse». Carla AKA Nadie González (Candeán –Vigo, 1993) escribía de sempre e lía a Xela Arias, Alfonsina Storni ou Rosalía. O rap chegou para darlle voz a todo iso que sente e escribe e agora xa non hai quen a pare. Tras publicar o seu brillante Noctiluca Scintillans en 2024, está preparando novos temas coa colaboración de Peter Petrowski para demostrar que na nova música galega tamén hai sitio para o rap e para ela. 

    Música

Faite de vinte

A partir de 5€ mensuais podes suscribirte a VINTE e colaborar para que sigamos a producir contidos de calidade pagando dignamente as colaboracións de vídeo, fotografía, ilustración, xornalismo e creación de todo tipo.