Collage con imaxes das canles finalistas ao Premio Revelación de Youtubeiras+: @o_bunker-debuxos, @miradenovo,@mareandoxogo e @langrans_ CC-BY-SA VINTE
Seguro que xa tes ouvido falar delas e, se non, deberías. Estas canles veñen de ser seleccionadas como finalistas do Premios Youtubeiras+ na categoría de Revelación con todo o merecemento. Falamos coas creadoras e creadores de Miradenovo, O búnker, Mareando xogo e Langráns, catro contas de Instagram que están a funcionar moi ben con contidos en galego de temáticas diferentes que van desde a divulgación sobre arquitectura ou deseño, o fútbol feminino da Costa da Morte ou o humor a través de cómics multiformato.
Nos últimos meses sabemos moito máis do que sucede nas ligas de fútbol feminino da Costa da Morte; discutimos sobre estilos decorativos e mercamos gangas vintage de Wallapop para a nosa casa; botamos unhas boas risas no salón de dous personaxes que viven a apocalipse; e outras tantas coas desventuras de dous langráns que só queren vivir do conto. Todas estas propostas están en Instagram e son as finalistas na categoría de Revelación para o xurado dos Premios Youtubeiras + 2025.
@o_ búnker_debuxos
Anxo e Fina viven nun búnker ben feitiño, preto da ría. Fóra, un inverno nuclear que lle ronca o carallo. Así presentaba o guionista e debuxante Abel Alves o primeiro episodio da serie web de animación O búnker.
“A miña principal ocupación é de guionista pero sempre estiven interesado no tema da animación e pouco a pouco fun comezando. Todo isto que ía creando había que metelo nalgún sitio e así naceu o proxecto do búnker”, explica o creador.
Na conta de @o_bunker_debuxos Alves comezou por compartir as historias apocalípticas de humor de Anxo e Fina, pero pouco “O búnker” tamén se enriquecía con clips de ilustracións súas animadas e audios recoñecibles, sobre todo provenientes de testemuñas curiosas publicadas en programadas da TVG.
Entre as publicacións atopamos vídeos con audios reais dun suposto chamán acusado de narcotraficante, un atraco que parecía unha broma, un accidente por ter “as rodas lambidas”… “Non teño un contido fixo, vou facendo o que me apetece”, asegura o autor ferrolán.
Entre as publicacións de "O búnquer" atopamos vídeos con audios reais dun suposto chamán acusado de narcotraficante ou un accidente por ter “as rodas lambidas”… “Non teño un contido fixo, vou facendo o que me apetece”, asegura Abel Alves
A súa conta aínda no chega ás 50 publicacións, pero xa ten o apoio de 14.100 seguidores, que aplauden, comentan e valoran cada vídeo, o que anima o autor a seguir co proxecto.
O vídeo das rodas lambidas, por exemplo, acadou case 13.000 gústame e 420 comentarios. Neste proxecto Abel Alves escribe o guión, grava as voces, fai as ilustracións e as animacións. “Lévame tempo, pero quero seguir”, asegura
Sobre a súa selección como finalista para o Premio Revelación do certame Youtubeiras+ 2025, indica que cando presentou a candidatura pensaba que igual tiña algunha oportunidade no Premio do Público pero resultou moi sorprendido de que o xurado o valorase. “Foi moi inesperado. Hai xente aí que o ten moi currado”, di Alves.
Debuxante afeccionado, no seu día a día Alves dedícase sobre todo a escribir, con guións feitos no audiovisual para a serie Serramoura e varias publicacións de banda deseñada como A tumba de Breogán e a súa continuación O segredo da serpe (Demo editorial). “Para as historias de banda deseñada sempre colabora con artistas con máis experiencia”, detalla, e subliña que en Galicia hai moito potencial para o crecemento na banda deseñada en galego, porque hai moito talento nos debuxantes.
No seu caso, lanzouse a debuxar co búnquer, aínda que xa fora humorista gráfico para prensa (no diario Galicia Hoxe, e en Uruguai na revista Lento). “Penso que o meu estilo debuxando vai ben para o humor”, concede.
@miradenovo
Nas bases dos premios Youtubeiras+ para a categoría Revelación figura que se valorará a capacidade de xerar novas temáticas, ideas, formatos e contidos, amais da introdución da lingua galega nun campo no que sexa pouco usada.
Este é o caso da conta @miradenovo, da arquitecta Ana Blanco, onde atopamos vídeos divulgativos sobre urbanismo, estilos de deseño, ademais de propostas para mercar mobles antigos ou pezas incónicas en Wallapop.
Esta canle botou a andar logo de que a súa responsable se mudara a un piso baleiro que amoblou sobre todo con cousas de Wallapop e destas buscas moi ben afinadas obtivo unha sorte de arquivo de gangas vintage que quixo compartir coa comunidade. “Ao comezo compartía enlaces para axudar, logo tamén fun creando vídeos sobre estilos de deseño e pezas icónicas ata que me lancei a facer pezas de divulgación e vídeos de urbanismo”, detalla Ana Blanco, que tamén ten unha cooperativa nas Rías Baixas chamada @desniveis.
Blanco asegura que lle gusta facelo e que non esperaba a boa aceptación do público para uns contidos “tan de nicho”, nin ser finalista dos premios Youtubeiras+, xunto con “outras contas tan boas”, que xa seguía nalgúns casos.
Ana Blanco asegura que non esperaba a boa aceptación do público para uns contidos “tan de nicho”, nin ser finalista dos premios Youtubeiras+
Arquitectura, deseño ou decoración son as temáticas principais de @miradenovo que ten no seu haber vídeos nos que conta o proxecto histórico da megacidade das rías entre A Coruña Ferrol, os méritos do arquitecto Antonio Palacios, algunhas arquitectas pionerias galegas ou as claves para atopar mobles Mid Century en Wallapop.
Aínda que a primeira publicación de @miradenovo é de setembro de 2024 non foi ata un ano despois cando Ana Blanco se lanzou a se poñer diante da cámara e desde entón os vídeos son así, coas súas explicacións intercaladas con imaxes dos contido en contreto. Algo menos de minuto e medio que dá para moito, tamén porque a arquitecta de Bueu ten a habilidade de falar rápido e que se lle entenda.
@mareandoxogo
Laura Rodríguez é unha moza de Cerqueda, en Malpica de Bergantiños, que creou a conta @mareandoxogo como traballo fin de carreira de Xornalismo. O TFG obtivo sobresaliente e ela, xogadora de fútbol no Ponteceso, decidiu continuar coa canle, na que informa sobre a actualidade do fútbol feminino da Costa da Morte, a súa zona.
Se a arquitecta de @miradenovo dicía que os seus contidos eran de nicho, estes teñen un público potencial aínda máis concreto, pero con moitas ganas de recibilos. “Falo da Terceira Federación, onde está o Bergantiños, a primeira, segunda e terceira Galicia e tamén do fútbol 7”, explica Laura Rodríguez.
A xornalista e futbolista sobe actualmente tres vídeos á semana nos que dá as clasificacións e comenta as xornadas, pero comezou con máis contidos en seccións como Fóra de xogo (xogadoras lesionadas), Pasa a pelota (preguntas de respostas breves) ou Un día nas botas de... (a xornada dunha xogadora na súa vida real), que espera retomar.
“Tanto as xogadoras, como os adestradores e a xente agradecen poder acceder a estes contidos”, indica Laura Rodríguez
Laura Rodríguez lamenta que “as xogadoras non teñen espazos na rede” e indica que no caso do masculino os medios xeneralistas si que adoitan recoller informacións sobre a súa actualidade, pero para o femenino non hai sitio. Rodríguez estivo colaborando ata a tempada pasada con Radio Nordés cunha sección sobre fútbol feminino, pero este ano xa non hai esa posiblidade. “Tanto as xogadoras, como os adestradores e a xente agradecen poder acceder a estes contidos”, indica Laura Rodríguez.
Sobre o feito de estar nomeada entre as finalistas dos Youtubeiras+ subliña que foi unha sorpresa. “Foi un pouco para probar e faime moita ilusión estar aí entre as finalistas. Para min ese xa é o premio”, asegura.
@langrans_
Pola súa banda @langrans_ naceu coa idea de facer un web comic coas aventuras de dous personaxes, en xuño de 2025. “Facemos unha serie de humor sobre costumismo de Galicia e esa clase de cousas como bromas sobre o traballo”, asegura Marcos de Ourense, o creador do proxecto.
“Os langráns non son vagos, buscan vivir do conto, vivir sen dobrar o lombo”, explica Marcos de Ourense
Nesta conta atopamos as vivencias de Xoán e Xurxo, do Ermedo (concello ficticio) e que sofren “os típicos problemas de calquera persoa que ten vinte e poucos anos e busca o seu primeiro traballo, que realmente non saben onde se meten”, detalla o guionista. “Os langráns non son vagos, buscan vivir do conto, vivir sen dobrar o lombo”, acrecenta.
Ao comezo os contidos eran as viñetas dos Langráns, que logo comezaron a alternarse con bromas sobre os langráns e hai tamén algunha OVA, colaboracións con outras persoas autoras ou artistas para episodios especiais. “Gustaríame ter un proxecto serio e consolidado dos Langráns e expandilo máis”, asegura Marcos de Ourense.
Actualmente a serie cómic rematou a temporada 0 e están a traballar na temporada 1, con novos episodios en proceso. “Cada episodio custa moitos recursos de tempo, pero eu estou contento coa resposta, porque vexo que á xente lle gusta, fanlle graza as bromas”, indica.
Aínda que nun primeiro momento estivo sobre a mesa tamén a posiblidade de facer episodios animados, axiña marchou a idea porque, asegura, era un traballo que aínda non estaban preparados para afrontar.
Cando presentaron a candidatura para os Premios Youtubeiras+ desde o proxecto de @langrans_ buscaban unha avaliación de persoas profesionais sobre unha idea que aínda estaba comezando. “Foi algo inesperado e estou moi agradecido de que nos seleccionasen”, asegura o creador de Langráns.
Poderemos coñecer as propostas gañadoras para os Premios Revelación e das demais categorías na gala que se celebrará o venres, 7 de febreiro no Teatro Jofre de Ferrol.