Tres finalistas, tres mulleres. A posta en valor do atributos propios dunha vila como A Guarda, o veganismo e o cinema feito por mulleres protagonizan as mellores campañas galegas dos Novos Talentos para o xurado dos Premios Paraugas. Conversamos con Xulia Vicente, Andrea Mariño e Rocío Diz sobre as súas propostas creativas e a forza dun sector da comunicación e publicitario que convida a ficar en Galicia para desenvolver a súa carreira.
«Dalila é quen de quitarlle o poder a un home sen facerlle dano; ademais a película foi montada por unha muller». Rocío Diz expón os motivos que argumentan o nome da marca Delila para a súa proposta de Festival internacional de cinema feito por mulleres, cunha pequena variante do orixinal (na versión en inglés é Delilah). Un proxecto que busca remar no camiño da igualdade nun sector, que segundo lamenta, está moi masculinizado. Esta achega, finalista dos IX Premios Paraugas entregados hai uns días en Ferrol, parte da discriminación positiva no mundo dos festivais para visibilizar así o traballo das creadoras, desde directoras ata produtoras, guionistas, fotógrafas ou documentalistas.
Rocío Diz, mexicana de nacemento e coruñesa de adopción, levou a cabo este proxecto como Traballo Fin de Máster da Uvigo, do mesmo xeito que a viguesa Andrea Mariño, tamén finalista coa súa proposta de rebranding (redefinición dunha marca) para a feira Vegana.gal . «Quería que a divulgación informativa estivese no centro, porque hai moitos estereotipos e prexuízos», detalla Mariño, que contou coa marca en todo momento para levar a cabo a súa proposta de marketing, feita como TFM da facultade catalá de deseño Elisana.
Andrea Mariño detalla que desde o comezo buscou a conexión coas persoas, tanto as vexetarianas ou veganas como as que non o son ideou unha serie de mascotas para «crear un espazo máis divertido e seguro e poder chegar ás familias e ao público infantil»
Andrea Mariño explica que desde o comezo buscou a conexión coas persoas, tanto as vexetarianas ou veganas como as que non o son. E optou por abrir a gama de cores para non restrinxirse ao verde, que é o estereotipo cromático do veganismo, cando nas froitas e verduras hai moitas cores diversas. Ademais, ideou unha serie de mascotas para «crear un espazo máis divertido e seguro e poder chegar ás familias e ao público infantil», indica Mariño. Así naceu Burgui, quen explica o menor impacto ambiental que ten producir unha hamburguesa vexetal, fronte a unha de tenreira, por exemplo.
Completa a terna de finalistas na categoría de Novos Talentos dos Premios Paraugas Xulia Vicente, estudante do cuarto curso do Grao de Publicidade e Relacións Públicas en Pontevedra, quen finalmente obtivo o galardón. Vicente, natural da Guarda, é unha namorada da publicidade e durante o verán pasado, entre terceiro e cuarto, non tiña nada obrigatorio que facer para a carreira, mais sentía unha necesidade creativa que a levou a idear unha campaña para a promoción e posta en valor do seu lugar de nacemento: A Guarda. «Sinto unha vinculación moi forte co meu lugar de orixe e reparei en que sempre se di que aquí non hai nada, polo que pensei en facer unha campaña para pór en valor as cousas que temos», explica Xulia Vicente.
«Sinto unha vinculación moi forte co meu lugar de orixe e reparei en que sempre se di que aquí non hai nada, polo que pensei en facer unha campaña para pór en valor as cousas que temos», explica Xulia Vicente
A campaña O que nada ten, nada lle falta, aínda que en principio era ficticia porque non había un cliente real ou un orzamento, levou consigo un despregamento de carteis por lugares ateigados da vila con mensaxes como «Non temos hoteis de cinco estrelas, mais nas nosas praias déixanse ver todos os días», que axiña callaron entre a poboación local. Coa súa campaña, Mariño pon de relevo o patrimonio cultural e histórico da Guarda ou a contorna natural. «Moitas veces non recoñecemos o que temos na casa», subliña a gardesa, que tamén obtivo o Premio do Público pola súa achega.
Carteis da campaña gañadora en Novos Talentos e Premio do Público
Vicente, Mariño e Diz asistiron hai unha semana no Teatro Jofre de Ferrol á gala dos IX Premios Paraugas, organizados polo Clúster da Comunicación de Galicia, onde foron presentados e premiados os mellores proxectos de comunicación do ano.
Un billete de ida e volta
Xulia Vicente recoñece que sente moita incerteza con respecto ao seu futuro. «Penso que me gustaría marchar e logo volver. Sería un billete de ida e volta», asegura, ao tempo que destaca que o sector está a medrar moito en Galicia e «aquí tamén debe haber futuro».
«Vexo un sector moi competente e o feito de que as tres finalistas dos Novos Talentos fósemos mulleres foi incrible. Resulta reconfortante», subliña Rocío Diz
Para Andrea Mariño tanto o sector publicitario como de deseño gráfico cada vez é máis potente, tal e como se viu nos Premios Paraugas. «Para min o que máis importa é que os proxectos teñan valores e vexo que en Galicia os hai. Gustaríame moito poder ficar aquí», asegura.
Rocío Diz, pola súa banda, tamén ve posibilidade para o desenvolvemento profesional en Galicia e explica que se está a crear unha comunidade moi forte entre o propio estudantado que contribúe á emersión do sector da comunicación audiovisual. «Vexo un sector moi competente e o feito de que as tres finalistas dos Novos Talentos fósemos mulleres foi incrible. Resulta reconfortante», apostila.