Sabela Eiriz. A mirada no lugar compartido

«Lembrar é un acto de amor, de presenza, de salvación» [Eu non quero ser triste]

De cativa Sabela Eiriz (Lugo, 1991) sempre quixo ser escritora, e mesmo actriz, mais foi atrapada pola maxia da fotografía, que se converteu na súa profesión. «Son fotógrafa e artista multidisciplinar». Antes, explica, dicía que era artista visual pero se sente máis cómoda coa expresión «multidisplinar» porque no seu traballo adoita combinar a imaxe con textos e vídeos. 

A memoria, o baleiro ou os vínculos son as temáticas que traslocen nunha expresión artística sempre sincera e libre de artificios. Nuclear.

 

Sabela Eiriz era unha desas nenas de mundo interior, «de soñar moito, de crear castelos», cunha sensibilidade artística sempre apoiada desde a casa, onde aínda que non había referentes de artistas profesionais, si que podía ver a súa nai debuxar e o seu pai tocar o piano. Sempre tivo un interese global pola expresión artística, ao principio máis cara á escritura e o debuxo e despois xa na adolescencia cara ao teatro. «Eu sempre tiven moi claro todo o que quería facer ata que tiven moi clara outra cousa. Cando rematei a escola descubrín que se podía estudar para ser actriz e traballar diso e pasei toda a Secundaria dicindo que ía facer arte dramática ata que fago Bacharelato artístico e decido facer Belas Artes. E cando remato o Bacharelato decido que vou facer Comunicación Audiovisual. Pero todo sempre con moita seguridade», chancea a artista.

Neste 2024 Sabela Eiriz encadea exposicións, como a do Sarao Studio, en Ferrol, ou a Galería Néboa de Lugo, que conxuga co seu traballo na docencia da expresión plástica na Universidade da Coruña. O seu nome asina a foto fixa de múltiples proxectos audiovisuais galegos como o filme “Cando Toco un animal” , de Ángel Filgueira; a foto de escena para compañías como Chévere ou Producións Excéntricas, e moitos actores e actrices confían no seu criterio para os seus retratos. O seu nome está tamén detrás da creación de videoclips para artistas tan diferentes como Budiño ou Lamatumbá.

'Un lugar desprazado coma o meu corpo', na Galería Néboa (Lugo) CC-BY-SA Sabela Eiriz

«Este ano coicidiron varias cousas, pero sempre teño ese receo de cara a onde vai», explica a artista. «Son necesarios momentos de calma e de tomar aire. Eu aproveitei todo o que puiden estes meses de exposicións e posibilidades e agora estou desexando tomar este tempo que teño en verán para min para poder encamiñar un pouco cara a onde quero dirixirme», detalla en referencia a un novo traballo fotográfico que está a preparar, para o que necesita pensar e escribir. 

«Coa escritura sempre tiven un asento que non tiven coa cámara, coa que ás veces teño máis dúbidas, ou doulle máis voltas, e coa escritura fun como formando unha maneira de expresarme e creei un lugar onde me sinto cómoda e moi reflectida», di Eiriz

Escribir como forma de complementar ou completar a súa expresión artística visual. «Coa escritura sempre tiven un asento que non tiven coa cámara, coa que ás veces teño máis dúbidas, ou doulle máis voltas, e coa escritura fun como formando unha maneira de expresarme e creei un lugar onde me sinto cómoda e moi reflectida», di Eiriz. A escritura axúdaa no proceso, mesmo a comprender mellor o que está a facer. «Ás veces traballo coa fotografía dun xeito máis intuitivo e non parto dunha idea para representar, senón que estou traballando dunha maneira que non estou controlando todo», indica. E a palabra, explica, axuda a concretar e entender. Aínda que moitas veces esa palabra é poética. Sitúase nun mesmo plano ca a imaxe, non vai dar unha explicación explícita. «Pero a min axúdame a poñerlle nome ás cousas e a entender». 

A memoria, o baleiro, ou os vínculos son as temáticas que traslocen nunha expresión artística sempre sincera e libre de artificios. Nuclear.

«Eu non quero ser triste pero preciso tamén un pouco de melancolía…», podemos ler e escoitar nun vídeopoema da artista lucense

Hai tamén na súa expresión artística un exercicio de concreción: a arte íspese e vístese de verdade. Algo que busca desde hai tempo. Ir ás cousas de verdade, non estar dando voltas, pero sempre desde unha expresión poética, literaria ou visual. Un lugar que non necesita ser real senón que «pode suxerir e axudar a atopar sen dicir. Busco a apertura suficiente como para que o outro tamén se atope», asegura Eiriz. 

Hai tamén na súa expresión artística un exercicio de concreción: a arte íspese e vístese de verdade. Algo que busca desde hai tempo. Ir ás cousas de verdade, non estar dando voltas, pero sempre desde unha expresión poética, literaria ou visual.

Este exercicio de honestidade, argumenta, non é algo incómodo. «No momento que eu sinto que é de verdade hai algo natural aí de estar compartindo algo. Tamén porque hai certos lugares comúns de encontro.  Hai moito do que falo que é ou xeracional ou directamente vivencias comúns a todas e para min o interese tamén está nese encontro», argumenta. «É algo que me gusta moito a nivel artístico, a hora da recepción, na exposición, como a persoa recibe as imaxes», engade. 

Retrato da actriz Melania Cruz. CC-BY-SA Sabela Eiriz

En realidade, a educación da mirada, a alfabetización visual forma parte do seu traballo como docente na área de Didáctica da Expresión Plástica, que imparte para futuros mestres e mestras na Facultade de Educación. «Interésame moito afondar na educación da mirada porque dá ferramentas, axuda a crear certa autonomía á hora de traballar logo coas imaxes». Eiriz refexiona sobre a saturación de imaxes coa que temos que vivir actualmente -«un momento inabarcable», di- que se viu acrecentada coa irrupción da intelixencia artificial a crear máis imaxes por segundo. «Xa non é tanto que imaxes se fan –a habilidade-, senón que facemos con ela, como se le, que entendemos aí. Agora xa as conversas, a nivel persoal, son fotos», indica.

«Interésame moito afondar na educación da mirada porque dá ferramentas, axuda a crear certa autonomía á hora de traballar logo coas imaxes»

A docencia axuda a dotar de estabilidade unha vida movida pola creación artística, que a levou a asumir a inestiblidade como parte da escolla profesional aínda que tamén é un complemento para comprender mellor o seu propio traballo, segundo argumenta. «No meu día a día digamos que hai tres Sabelas: a parte da artista multidisciplinar, a parte da docencia e a parte da profesión como autónoma, como fotógrafa, que ás veces fago algo de vídeo e demais. Quizais esa é a que máis me gusta», explica.

Foto fixa na curtametraxe 'Curmán' (2024, pendente de estrea), dirixida por Alejandro Jato. CC-BY-SA Sabela Eiriz

Sabela Eiriz confesa ser unha apaixonada do cinema, algo no que xa lle vén da carreira e no que profunda sempre que ten oportunidade. O cine ten algo que engancha, asegura, en referencia á propia expresión artística mais tamén polo traballo colectivo que ten o audiovisual. A súas adoitan ser colaboracións para a foto fixa de proxectos audivisuais como é o caso da curtametraxe Curmán (pendente de estrea) dirixida por Alejandro Jato. «Hai algo moi solitario no traballo artístico persoal, de darlle voltas e estar metida nesa burbulla. Entón ese contacto con outras creadoras é moi nutritivo tamén». 

Sabela Eiriz. Autorretrato CC-BY-SA Sabela Eiriz

«Digo lugar e estou mentindo, porque este sitio non existe. Este limbo ubícase nunha nota ao marxe que pasa desapercibida na lectura. Non existe nos mapas porque se reflicte nos corpos: é a terceira beira dun regato artificial, no medio do medio. Tampouco hai ubicación temporal: quedamos suspendidas nun retorno eterno, na busca perenne dun oco na vida. Unha ollada ou un reflexo dilátanse na imaxe, coma se estiveran agardando pacientemente a que alguén veña e as mire, a que alguén as vexa» [Un lugar desprazado coma o meu corpo, 2024]

«Hai algo moi solitario no traballo artístico persoal, de darlle voltas e estar metida nesa burbulla»

Sabela Eiriz segue a buscar eses lugares de encontro para poder suxerilos desde o seu obxectivo fotográfico. Xa habitou outros espazos reais afastados de Galicia e tras varios anos de formación, experiencia e soidade en Barcelona, cre ter (re) encontrado por estas terras motivos para quedar. «Isto dito coa seguridade coa que falo, que sempre pode cambiar mañá», bromea.

Exposición "Memorabilia" en Sarao Studio (Ferrol). CC-BY-SA Sabela Eiriz
Vanesa Vázquez

Vanesa Vázquez

Viguesa do Calvario. Comecei e aprendín en Atlántico Diario, Radio Vigo e Expansión. Cada día conta e agora contámolo en VINTE e Praza.gal. 

Tamén che interesa

  • Breogán Xague: «Gústame que haxa algo que non se acaba de solucionar»

    Breogán Xague, artista multidisciplinar, músico e poeta, vén de publicar Todos os lonxes (Chan da Pólvora), un poemario que se dá continuamente contra algún tipo de límite. Di o vigués que «calquera comeza escribir para poder poñer nome e achegarse a algo cun mínimo de fundamento». Neste caso fala desde o coñecemento dun cambio inminente na súa vida, unha mudanza a un país descoñecido, Suecia, no que se atopará máis preto da súa raíz galega

    Artes
  • Lidia Veiga, a bulebule de Arzúa: «sempre fun moi dramática»

    Lidia Veiga ía para avogada, mais a día de hoxe é un dos talentos da interpretación que máis está a despuntar en Galicia, aínda que ela, máis que actriz, considérase unha traballadora cultural. Defensora da creación colectiva, Veiga protagoniza o filme “Cando toco un animal”, un proxecto valente que amosa realidades emocionais e sexuais explícitas e, ao tempo, afastadas da pornografía. «Fíxose porque tiña que existir», defende a actriz galega. En plena xira por teatros coa irreverente e divertida “Iribarne”, Veiga está a descubrir o seu propio talento para a dobraxe e aínda terá tempo para presentar, o vindeiro 23 de marzo, a gala dos Premios Mestre Mateo.

    Cinema
  • Vinte no patio Café Derby 21. Temporada 4

    Café Derby 21. A TRISTEZA, con David Fidalgo

    Para esta entrega o Café Derby 21 foi ao Intersección, o festival de cine internacional da Coruña, para falar co cineasta, animador e artista visual David Fidalgo, que está tendo unha feliz temporada de festivais e premios con 'Sandwich Cat'.

    Fidalgo é unha das iconas actuais en Galicia sobre o humor absurdo e existencial que toca nos límites coas bágoas, por iso foi o momento perfecto para falar sobre a tristeza. Pero ao contrario do que pode parecer, nada ou case nada neste programa é motivo de choros.

    Pero antes de falar con el, contamos cunha sección Intersección, unha conversa curta con dous dos talentos galegos que formaron parte do festival: Breogán Xague e Sabela Eiriz.

    Podcast

    Co patrocinio de

Faite de vinte

A partir de 5€ mensuais podes suscribirte a VINTE e colaborar para que sigamos a producir contidos de calidade pagando dignamente as colaboracións de vídeo, fotografía, ilustración, xornalismo e creación de todo tipo.