Escribo
para poder falar da dor que teño,
non do que me doe.
Breogán Xague, artista multidisciplinar, músico e poeta, vén de publicar Todos os lonxes (Chan da Pólvora), un poemario que se dá continuamente contra algún tipo de límite. Di o vigués que «calquera comeza escribir para poder poñer nome e achegarse a algo cun mínimo de fundamento». Neste caso fala desde o coñecemento dun cambio inminente na súa vida, unha mudanza a un país descoñecido, Suecia, no que se atopará máis preto da súa raíz galega.
Todo o poemario está guiado pola sensación de «querer marchar». Saír de Vigo, da casa familiar, do cuarto adolescente. Unha saída tan común e á vez tan complexa, que neste caso leva o autor ata Estocolmo. Un migrante máis na súa familia, aínda que non da mesma maneira: «Os meus avós marcharon noutro contexto, por unha situación de necesidade, eu marchei pola sensación de non estar a gusto aquí, pero tamén co privilexio de ter unha estrutura que me permitise saír do sitio no que non estaba a gusto; tiña claro que quería buscar alternativas laborais dentro do mundo da cultura, así que tamén hai unha busca laboral, porque coñecía certas infraestruturas que teñen en Suecia, das que aquí carecemos, que sabía que me poderían axudar a conseguilo».
Breogán Xague (Vigo, 1999) estudou o mestrado en Arte Libre do Royal Institute of Arts de Estocolmo e por ese motivo agora pode pedir bolsas de axudas para seguir creando obra alí, onde volverá o vindeiro curso. Toda a súa obra atopa vinculacións coas diferentes formas de entender a paisaxe. O seu primeiro libro, que presentou no Festival da Lectura SELIC de Compostela, dialoga coa música que vén autoeditando nos álbums Xague 1 e Xague 2. Gañou o premio a Novos Talentos Luso-Galaicos da Fundación Eixo Atlántico, o Xaime Illa Couto de poesía e o terceiro premio do Auditorio de Galicia para artistas noveis 2023, entre outros recoñecementos. Participou no Festival Internacional Intersección da Coruña e este ano foi seleccionado para as estancias artísticas CICA-Gallery da Universidade da Coruña.
Nos poemas de Todos os lonxes volve a vista sobre Galicia e as paisaxes nas que medrou, pero moitas cousas mudaron nun breve espazo temporal, comezando pola propia lingua que emprega, pois neste proceso Xague decidiu pasar a falar galego como primeiro idioma. Con todo, considera que quen verdadeiramente cambia é el mesmo: «Xa volvo falando galego e iso é algo que me tería costado moitos máis anos ter feito aquí, pero con esa distancia foi moito máis fácil. Cambia a miña relación coa miña familia porque emprego outra lingua, que dalgún modo se sente máis natural, aínda que eu nunca a falase con eles. Cambia tamén a vontade por comprender eses espazos que deixo, que xa a tiña pero agora síntome máis capacitado de nomear as cousas e intervir nelas. De feito, a obra plástica que fixen en Suecia está protagonizada por paisaxes galegas».
«Comecei a traballar sobre que acontece cando se rompe a transmisión lingüística e como iso afecta ás expresións culturais»
En Suecia foi onde por primeira vez puido desenvolver un corpo de obra sólido. «Sabía o que quería facer e tiven a liberdade e os recursos materiais para poder facelo. Alí rematei a carreira de Belas Artes e fixen un mestrado, tiven todas as ferramentas ao meu alcance como bolseiro e un estudo propio para traballar. Aínda que poida haber só unha hora de luz ao día, eu quería –e quero– traballar», explica. E da man destes avances como artista chegou a vontade de empregar o galego como vía de expresión: «Comecei traballar sobre ciclos da paisaxe e sobre alternativas para visualizar o entorno que fose menos agresivas, lecturas máis abertas da paisaxe, e din cun profesor, Asier Mendizábal, que é un escultor vasco alucinante, co que comecei a falar moito da lingua. El foi vendo que parte do que a min me interesaba da paisaxe era precisamente a súa relación coa lingua. Tomei conciencia sobre isto e comecei a traballar sobre que acontece cando se rompe a transmisión lingüística e como iso afecta ás expresións culturais».
«Paréceme moito máis interesante amosar relacións que resolvelas»
Hai xestos que trasladan lugares, di un dos versos de Todos os lonxes. A relación dun corpo co espazo que o rodea, as influencias e intuicións que chegan no momento da escrita están moi presentes nos poemas de Breogán Xague. «Sempre escribira, pero é a primeira vez que sae algo diso. Fun escribindo e ao chegar a Suecia houbo un pouco de shock, incluso a nivel social, porque estaba presente a COVID, a dificultade da lingua sueca e que a min, realmente, apetecíame estar só. Na pandemia paseino moi mal estando pechado na casa, e a situación nese momento desde Estocolmo pedíame escribir para entendelo todo mellor», lembra.
O poemario ten unha estrutura similar a un diario, no que se vai apuntando a época do ano no que eses poemas foron escritos e no que o máis destacado é desde onde se escribe, tanto física como mentalmente. «Gústame que haxa algo que non se acaba de solucionar», salienta o poeta, que quere actuar como descritor, ou mesmo narrador, de circunstancias. «Paréceme moito máis interesante amosar relacións que resolvelas», di Xague, que ten escrito outro poemario –aínda non publicado– centrado nun paseo na zona do Salgueirón.
«Falo moito da distancia, dun buraco que pode haber entre o galego que eu falo e o galego que tería falado se o falase como lingua de berce, aínda que sexan exactamente as mesmas palabras; hai algo que non está medido e existe como distancia –debulla–. O mar ten iso, ten uns procesos medibles que afectan á súa contorna pero hai unha parte del á que non podes chegar fisicamente, que non é accesible para o teu corpo. Iso interésame como ferramenta para contar ese espazo, que pode ser o espazo entre falante e neofalante ou entre experiencia e representación, ese espazo no que pasan cousas que non podes descodificar. E, ao mesmo tempo, un espazo que me serve para facer reflexións políticas –como as presentes no derradeiro poema do libro–».
«Falo moito da distancia, dun buraco que pode haber entre o galego que eu falo e o galego que tería falado se o falase como lingua de berce»
Nunha continua observación –e comparación– o poeta centra a súa ollada tamén no material da paisaxe, aínda que o poema se centre a maioría das veces nunha parte máis contemplativa. Breogán Xague incide en que os espazos desde onde escribe en Suecia son moi silenciosos «e que o silencio non deixa de ser un privilexio». Sobre todo en comparación co barrio do Calvario de Vigo, di, «pois non é casualidade que eses barrios sexan máis silenciosos, non digo que sexa mellor ou peor, pero é sintomático dunha calma na vida. Son espazos máis baleiros e ordenados, nos que a natureza ten unha presenza intencionada e coidada. Nótase que alí a paisaxe non é un medio de vida, como é (ou foi) aquí en Galicia. Pero non xulgo, describo o cambio nas condicións materiais». Sen explicitar os por ques, a mirada de Xague vén determinada pola súa orixe e, de aí, as cousas que é quen de apreciar e as que o perturban. Á fin, Todos os lonxes é un proceso de observación ao que convida ás persoas lectoras e que se complementa co resto da súa obra plástica e musical.