20.000 minutos de contidos en galego. Exército Mekemeke, IagoRAW ou O Faiado Podcast, finalistas dos Premios Youtubeiras+

En apenas 15 días coñeceranse os proxectos gañadores nas sete categorías que compoñen esta oitava edición dos Premios Youtubeiras+, cuxa gala de entrega vai ter lugar o 1 de febreiro no Pazo da Cultura de Narón. Este xoves descubrimos os vinte finalistas, entre os que se atopan o Exército Mekemeke, IagoRAW e O Faiado Podcast na categoría de canle de Youtube ou Pradorúa, Konachadas e Sara Seco en TikTok. En total, presentáronse 89 canles que inclúen case 20.000 minutos de contidos en galego na rede.

 

Máis canles, máis contidos e maior espazo para celebrar a gala. Os Premios Youtubeiras+ anunciaron este xoves no Concello de Narón a relación das canles e persoas finalistas, vinte en total, que aspiran a ser as gañadoras nalgunha das sete modalidades desta oitava edición. As finalistas na categoría de canle de YouTube son Exército Mekemeke, IagoRAW e O Faiado Podcast, mentres que no apartado de canle de TikTok son Pradorua, Konachadas e Sara Seco.

Nesta edición a gala será presentada por Javi Sánchez, coñecido co nome artístico de Meiga-i. «Esta é unha gala de mudanzas: mudamos de casa, imos a unha máis grande e acolledora. Porque somos máis», sinalou Sánchez, coñecido co nome artístico de Meiga-i. O presentador lembrou que a gala da edición anterior, conducida por Nuria Vil e Gabri Fuentes, xa se ambientara nun salón para facer patente a casa común que quere significar Youtubeiras. “Continuamos con esa idea de fogar, de acollemento, pero mudámonos a unha casa máis grande porque somos máis. E así vimos a este gran Pazo da Cultura de Narón”, celebrou Meiga-i.

«Youtubeiras xa ten oito anos, xa ten unha historia e percorreremos a historia de Internet ao longo de toda a gala a través de homenaxes aos formatos nativos da Rede», explicou Javi Sánchez, coñecido como Meiga-i

 O artista, ademais, adiantou que a gala «non será un musical, pero terá moita música», como a actuación de De Ninghures e que tampouco será un cabaré, pero «teremos moito de cabaré». Finalmente, Meiga-i desvelou que durante a gala tamén terá moito protagonismo a historia da rede. «Youtubeiras xa ten oito anos, xa ten unha historia e percorreremos a historia de Internet ao longo de toda a gala a través de homenaxes aos formatos nativos da Rede», concluíu o presentador.

Cartel da gala dos Premios Youtubeiras+ `Fachenda ao cadrado' CC-BY-SA Youtubeiras+

Esta oitava edición, que leva por lema Fachenda ao cadrado, rexistrou a inscrición de 89 canles, 49 de YouTube e 40 de TikTok e supera a cifra da edición anterior, na que contaron coa concorrencia de 68 canles. «Os vídeos que se inclúen nestas canles supoñen un total de 19.720 minutos de contidos dixitais en galego”, subliñou a deputada de Igualdade, Lingua e Dereitos Civís da Deputación da Coruña, Soledad Agra.

Os Premios Youtubeiras+ repartirán nesta nova edición 7.500 euros, que se distribuirán entre as súas sete categorías. As persoas gañadoras nos apartados de canle de YouTube e canle de TikTok recibirán 1.250 euros cada unha, mentres que quen consigan os galardóns de creación de contidos, revelación, calidade lingüística e rede, ademais do Premio do Público, levarán 1000 euros. Para este último galardón,o Premio do Público, votaron 5056 persoas a través da web de Youtubeiras, www.youtubeiras.gal.

Esta oitava edición, que leva por lema Fachenda ao cadrado, rexistrou a inscrición de 89 canles, 49 de YouTube e 40 de TikTok 

Estes galardóns enmárcanse no proxecto Youtubeiras, organizado polos servizos de normalización lingüística de dez concellos (Ames, Carballo, Ferrol, Moaña, Narón, Oleiros, Pontevedra, Rois, Santiago de Compostela e Teo), das tres universidades e da Deputación da Coruña co obxectivo de fomentar a creación de contidos dixitais en galego con temáticas e formatos diversos, así como promover e visibilizar os diferentes perfís de persoas xeradoras de contidos na Rede.

Este ano os Premios Youtubeiras+ viven unha edición de transformación ao ampliar o seu campo de acción, xa que se abriu a participación aos contidos xerados en TikTok. Segundo informou a alcaldesa de Narón, Marían Ferreiro, a asistencia á gala é gratuíta para o público xeral. As entradas pódense conseguir no propio Pazo da Cultura, chamando ao teléfono 981 102 897, de luns a sábado, de 9.30 a 14 00 horas e de 17.30 a 20.30 horas, ou a través do correo electrónico taquilla.pazo@naron.gal

Finalistas

Vinte canles e persoas en conxunto son finalistas nas sete categorías nas que se dividen os Premios Youtubeiras+. María Prado, de pradorua, é a única finalista en dúas categorías (Tik Tok e Creación de Contidos). 

O xurado desta oitava edición está conformado por Andrea Villa, xornalista; Carlos Callón, profesor e escritor; Mónica Valencia, técnica de Normalización Lingüística do Concello de Ourense; Sara Varela, guionista, e Iago Gordillo, realizador audiovisual e gañador do Premio Youtubeira 2023.

Detallamos a seguir os finalistas cos seus concellos de procedencia:

CANLE DE YOUTUBE

●      Exécito Mekemeke (Ames)

●      IagoRAW (Lugo)

●      O Faiado Podcast (Santiago de Compostela)

CANLE DE TIKTOK

●      Sara Seco Rial (Valga)

●      pradorua (Ourense)

●      Konachadas (Ames)

CREACIÓN DE CONTIDOS

●      Rodri Míguez (Bueu)

●      Prado Rua (Ourense)

●      Anxo Sánchez (Lugo)

REVELACIÓN

●      Arquivo Anab (Xinzo de Limia)

●      Carlota Casal Ramos (Melide)

●      Galiactiva (Ourense)

CALIDADE LINGÜÍSTICA

●      A Debate no Eirado (Santiago de Compostela)

●      Galego para Peques (Monterroso) 

●      Luís do Río (Santiago de Compostela)

REDE

●      OU ké! (Ourense)

●      Pablo Rodríguez Vila (Lugo)

●      Rebelico (Vigo)

PREMIO DO PÚBLICO

●      A revolución galega de 1846, de Orgullo Galego (Vigo)

●      Non máis bágoas, de Xurxo Varela (Chantada)

●     Queimas controladas, de Savia Nova (Pontevedra)

Tamén che interesa

  • Recuncho Gamer. «O videoxogo é o produto cultural máis completo»

    Guión, música, ilustración, deseño. Todo isto está nos videoxogos, onde, ademais, hai unha compoñente interactiva que permite cambiar a historia segundo a destreza de quen xogue. No Recuncho Gamer que vén de facer catro anos e recibir distincións como o premio Youtubeiras e o Mil Primaveras da CTNL, falan de videoxogos desde Galicia e en galego, claro. «Hai videoxogos que poden ter uns valores máis ricos e outros que poden ser máis de consumo fácil, pero iso pasa tamén no cine e na literatura, pasa en todo», explica o fundador do Recuncho Gamer.

    Iago Gordillo pon en valor o traballo que están a facer os estudios indies, con historias máis diversas e representativas en xénero ou raza. Se esperan detalles do Call of Duty ou o Fifa, este non é o lugar.

    Videoxogos
  • Prado Rúa: «Pois si, son unha influencer»

    María Rúa Rodríguez, Prado Rúa, comezou a subir vídeos ás redes sociais en 2020, cando a pandemia obrigaba a quedar na casa. En novembro dese ano en VINTE diciamos que era a «youtubeira do ano» e, catro anos despois, con 20.000 seguidores en Instagram, 23 primaveras, e presenza na meirande parte dos eventos culturais do país, Prado Rúa confesa que xa se sente unha influencer, aínda que sempre renegou dese termo. A ourensá está nomeada como mellor creadora dixital galega no festival Carballo Interplay que axiña comeza.

    VINTE na rede
  • Exército Mekemeke. O videopodcast para a xeración que medrou con Shin-Chan

    Á hora da merenda botaban Shin-Chan na TVG e era case un ritual. Dá igual a idade que teñas, se te recoñeces diante do televisor vendo a Shin-Chan mentres el, á vez, vía a Ultraheroe na pantalla, xa sabes do que estamos a falar. O Exército Mekemeke simbolizaba aos malos contra os que loitar nesa ficción dentro da ficción, pero agora tamén é un videopodcast conducido por Carlos Vieito acompañado de Lidia Veiga e Miguel Abad que sae desde Ames para o mundo todos os martes.

    VINTE na rede

    Co patrocinio de

  • Sara Seco. A dos 'vlogs' e os consellos para a vida en galego

    Sara Seco é a do vlog. Sube un vídeo resumo do seu día a TikTok desde setembro de 2021, cando quixo demostrar que á xente lle interesan este tipo de contidos en galego. Superados os 7.600 seguidores nesta rede social, segue facendo os vídeos porque lle gusta, pero xa contactaron con ela para algunha colaboración pagada.

    VINTE na rede

    Co patrocinio de

Faite de vinte

A partir de 5€ mensuais podes suscribirte a VINTE e colaborar para que sigamos a producir contidos de calidade pagando dignamente as colaboracións de vídeo, fotografía, ilustración, xornalismo e creación de todo tipo.