Sara Seco é a do vlog. Sube un vídeo resumo do seu día a TikTok desde setembro de 2021, cando quixo demostrar que á xente lle interesan este tipo de contidos en galego. Superados os 7.600 seguidores nesta rede social, segue facendo os vídeos porque lle gusta, pero xa contactaron con ela para algunha colaboración pagada.
«Non llo dixen a ninguén, un día comecei gravar pero non o subín. Daquela tiña tres seguidores en TikTok, dúas amigas e a miña prima de 14 anos. Ao día seguinte, fixen o mesmo pero decidín subilo. Cando espertei tiña mil reproducións, que para min era moitísimo. Medrei moi rápido e o terceiro vídeo que subín xa tiña 7.000 reproducións. Foi todo moi natural e sen pretensión ningunha».
Sara Seco Rial xa pasa dos 7.600 seguidores en TikTok e xa vai camiño dos 8.000. Ela é a dos vlogs (videoblog), así se define na súa bio. Cada día –máis ou menos– sube un vídeo a esta rede social no que conta o que fixo nese día. Di que non lle leva nada de tempo e que xa o fai de maneira rutineira, co que non contaba era con que a parasen pola rúa en Santiago e que a recoñecesen cando vai polo país adiante.
«Non fago un guión para os vídeos, vou gravando segundo comezo o día. Se hai algo –obviamente– que non quero gravar, pois non o gravo. A xente pode pensar que está toda a miña vida aí, pero se me poño a discutir con alguén –por exemplo– non o gravo. Eu tamén ensino o que quero ensinar. Se hai algo que non quero que saia, non sae. Ou se estou facendo un vídeo patrocinado e me din que teñen que saír unha serie de cousas, métoas. Pero non é que grave todo da miña vida, aínda que é real. O que sae é o que hai, non hai impostura», explica Sara Seco.
«O que sae é o que hai, non hai impostura»
Con todo, procura que non aparezan nos vídeos cousas demasiado recoñecibles do seu día a día, como o portal do edificio onde vive. «Aínda que se es da zona é fácil que recoñezas onde vivo, de feito, xa tiven un día a uns rapaces agardando por min no portal. E xa lles dixen que iso non estaba ben. E páranme moitísimo pola rúa en Santiago. Ata unha vez que estaba tomando algo nunha terraza en Fisterra achegáronse unhas rapazas que me recoñeceron. Vaia onde vaia sempre hai alguén que me para», di.
A curiosidade move as redes sociais, non é ningunha sorpresa. E xa hai moita xente acostumada a ter un vlog diario de Sara Seco, tanto que se un día non pode subilo practicamente ten que dar explicacións. «Entendo o interese, cotilleo ou como lle queiras chamar, pero pedinlle á xente que non me insista se un día non subo vídeo porque é porque non puiden facelo. Eu fago isto porque quero, non me podes esixir que se un día estou mal do estómago suba un vídeo. Creo que a xente –a maioría– faino todo con boa intención, pero pode ser moi invasiva. Non quero pensar o que pode sufrir alguén coñecido de verdade», salienta, e é que a súa parella tamén sofre as consecuencias da súa popularidade: Un día estaba no supermercado e, como ás veces ten saído, nalgún vídeo dos meus, recoñecérono e perseguírono polo super. Menos mal que, en xeral, a xente é moi cariñosa».
Sempre co cancelo #tiktokengalego, os vídeos que comparte Sara Seco son pequenas píldoras do que é un día a día facilmente recoñecible (e máis se vives en Compostela). «Se saco algo de roupa pódelo ir mercar a Zara, non tes que ir a Chanel!», subliña. Queda claro que non planifica os vídeos, improvisa co que fai desde que se ergue pola mañá ata que volve para casa pola noite, pasando polo seu traballo n′A Mesa, o ximnasio, a biblioteca ou calquera tenda á que vaia facer un recado. Iso si, tamén anda pendente do que lle piden os seus seguidores e seguidoras. De aí xurdiu un dos seus vídeos máis virais: o da súa torta de queixo.
«A min atácanme sobre todo por falar galego»
Cómpre explicar que non todo é bo rollo, de feito, o vídeo no que ensina a receita da torta de queixo viralizouse –en parte– polos comentarios de odio cara a lingua que lle fixeron nesa publicación, que foron contestados por moitos dos seus seguidores. O seu obxectivo sempre foi demostrar que este contido –que ela consumía de moitas rapazas que o fan en castelán– podíase facer en galego e funcionar ben. Porén, Sara Seco destaca que o de recibir odio nas redes para ela é moi anecdótico. «Nunha conferencia da Asemblea feminista de Compostela á que me convidaran dixen que eu son moitas cousas que a sociedade quere. Son branca, teño estudos, teño traballo, podo mercar roupa en tendas convencionais... A min atácanme sobre todo por falar galego», asegura.
Á parte do hate que xa parece inseparable das redes sociais, con todo isto de subir a súa rutina a TikTok Sara Seco estase a converter nunha influencer en Compostela. «A rapaza que me fai as cellas dime que lle sorprende que polo que me ven a min vaille agora moita xente, desde rapazas de vinte e poucos anos a mulleres de cincuenta», conta. Pero non só iso, xa hai marcas, empresas ou institucións que lle piden colaboracións para saír nos seus vídeos para as redes: «Estou colaborando coas Cancelas. Primeiro ofrecéronme facer un vídeo ensinando o centro comercial, fixemos un sorteo de diñeiro para gastar alí que funcionou moi ben e agora propuxéronme unha colaboración mensual con dous vídeos ao mes».
O número de seguidores xa non é o máis importante para avaliar o teu peso nas redes, agora hai que ter moi en conta o engagement, a interacción da xente coas túas publicacións, e niso Sara Seco vai moi ben. «A xente pídeme vídeos de case todo xa, receitas, consellos de beleza, cousas de moda, de como fago co pelo...», sinala con orgullo por ver cumprido o seu obxectivo: demostrar que se poden facer estes contidos en galego e que á xente vanlle gustar. «Ademais, teño moitos seguidores que nin son galegos nin falan galego», engade.
Isto é unha forma de ocio para ela, incide en que non ten ningún tipo de pretensións. Vai seguir traballando e preparando as oposicións como ata agora. «Gústame ver os meus vídeos, se me vira obrigada a facelos sería distinto. Teñen contactado comigo para facer cousas que considero que non me representan e digo que non, porque o meu obxectivo non é facer colaboracións para vivir disto», aclara. No camiño, xa coñeceu a un bo número de persoas a través da rede que puido desvirtualizar. Persoas que tamén crean e comparten contido en galego como Paula Jorge, con quen xa falamos neste VINTE NA REDE, ou Malva, Iris Gestoso, María Pradorrúa, Helena López, Rodri Míguez e Leti da Taberna.