Paula Jorge. Maquillaxe (e outras cousas da vida) sen filtros

Co patrocinio de

«O 'boom' foi cando, á parte de verme maquillada, viron que falaba galego», conta a burelá Paula Jorge, con preto de 10.000 seguidores en TikTok, a onde chegou para compartir maquillaxes para peles negras e as súas costumes de coidado da pel e onde agora fala de todo o que se lle poña diante.

 

Paula Jorge é de Burela e ten 33 anos. Comezou compartir contidos na rede a través de YouTube en 2017 porque levaba anos seguindo vídeos de rapazas negras que mostraban como se maquillaban, pero non atopaba case ningún en castelán. «O meu punto de partida foi a maquillaxe para peles negras e é unha loita na que sigo. Quero que as rapazas que teñen a pel negra saiban que se poden maquillar porque ata non hai moito dicíase que non se podía e que non había os produtos precisos nas tendas. Aínda que isto é algo que tamén lle pasa ás peles moi claras. A cuestión é facer visible que hai máis que os catro tonos que ves nos stands cando vas a unha tenda», explica. 

@paublackmakeuplover Oliwisss!!!! Hoxe veño coa rutina de noite para o coidado da pel 🤩 este glow, que? Non hai boa maquillaxe sen pel previamente coidada 🤷🏾‍♀️ que opinas?#coidadopel #pel #oriflame #galitok #tiktokengalego #galegosnotiktok ♬ Lo-fi hip hop - NAO-K

«Houbo bastante bo feedback dos vídeos, a xente reaccionou moi ben ás cousas de maquillaxe que facía pero o 'boom' –que foi cando máis xente me comezou seguir– foi cando, á parte de verme maquillada, viron que falaba galego», salienta Paula. No YouTube falaba castelán, aínda que conta que ela sempre foi falante de galego, pero no TikTok decidiu cambiar isto e un día fixo un dúo respondendo unhas preguntas en galego que formulaba Esther Estévez desde a canle do Dígocho eu «Isto foi unha pasada porque en dous días tiña máis de dous mil seguidores novos», engade.

«Ata ese momento maquillábame pero estaba case todo o tempo calada, pero ese día decidín facer un vídeo en galego e a partir de aí xa saín sempre falando en galego. Pero está nos comentarios, á xente como que lle estoupou a cabeza e dixo: 'oh, pero que ben falas o galego sendo negra!', 'naciches aquí?'. Eu xa sei que era sen ánimo de ofender, por iso tamén comecei compartir algunhas cousiñas e moita xente quedou moi flipada. Podo entendelo porque ao mellor noutros sitios non hai unha comunidade negra tan grande e vesme a min falando o galego que falamos na Mariña e quedas alucinado», lembra Paula Jorge. 

@paublackmakeuplover Alfombras florais, sábado das festas! Po ano quérovos a tods aqui! 4 dias de troula 💃🏽♥️ agora q remataron toca esperar ás do ano que vén 🥹🥹 #galitok #galicia #festasburela #festaspatronais #burelaenfestas #burelabonita #burela #burela❤️ #sigueme #10k ♬ Tití Me Preguntó - Bad Bunny

Abriu a conta de TikTok para probar e en menos de dous meses comezou a pandemia, neste tempo xa se converteu nunha experta e non volveu ao YouTube porque tanto no TikTok como no Instagram o ritmo é máis rápido e o intercambio de impresións coa xente que a sigue resulta moito máis doado. «Descarguei TikTok porque era súper fácil editar os vídeos, pero despois lanceime tamén a falar. Aínda que no meu Instagram sempre o fixen todo en galego», sinala. E non descarta facer directos no Twitch «porque a canta máis xente lle poida chegar que se es negra pódeste maquillar dunha maneira moi sinxela, mellor».

@paublackmakeuplover Dádesme ideas para eye liners? 🤩🫶🏾 sería marabilloso que me compartades para poder chegar a máis xentiña 💥💥#makeup #maquillaje #maquillajenatural #blackskin #galitok #galicia ♬ sonido original - Valentina Mejia Osorio

Con todo, o feito de falar de maquillaxe non quita que Paula apareza nas súas redes sen el e, incluso, que reivindique a naturalidade tamén nestes espazos. «A xente dime moitas veces que son moi natural e penso que é porque estamos acostumados a abrir as redes sociais e ver a persoas como cortadas polo mesmo patrón con todos eses filtros. Eu estou sen maquillar o 90% da semana e o venres e o sábado é cando me maquillo, se quero. O resto dos días fago os meus vídeos coas miñas olleiras, coas trenzas ou co pelo afro sen peinar. Dáme igual porque é como son realmente. Da mesma maneira que o sábado das festas de Burela fun ao supermercado feita un pincel cando de diario non me ven así. Non me vou maquillar para que me vexa a xente, non é esa a miña finalidade nin moito menos», debulla. 

@paublackmakeuplover Alguén lle gusta o calippo de lima limón? Cando ven o verán cal é o voso xeado favorito? #sigueme #follow #casi10k #maquillaje #limemakeup #inlove ♬ dont x do i wanna know - i love aedamonx

Ademais, Paula aposta por mostrarse tal e como é porque considera que quen a segue é porque quere e non vai espallar mensaxes que considera erróneas para todas as persoas. «Agora están comezando a prohibir algúns deses filtros que te deforman de todo a cara. É moi preocupante que haxa rapaciñas que queiran ter a cara que se ven cos filtros porque a realidade non é esa, e despois veñen os problemas de autoestima ou os intentos por parecerte máis ao que ves na pantalla», indica, pois ela mesma tivo que fedellar nos axustes do TikTok porque lle estaban aplicando modificacións na cara por defecto nos vídeos. 

@paublackmakeuplover Que me gusta a min unha manicure. E obvio @crufenails 🤩 vós ides facela? Un mimiños sempre son bien ♥️ #casi10k #uñasenburela #10k? #follow #galicia ♬ sonido original - Paula Jorge

«Eu saio da casa, vexo algo que me perturba –porque son moito de que me perturben as cousas– e xa collo o meu Instagram e lle pregunto á xente o que sabe». Aparte da maquillaxe, eses consellos para o coidado da pel e os outfits que mostra nas redes, Paula tamén achega o día a día de Burela a través dos seus vídeos: «Como foron as festas patronais, subín cousas das alfombras florais e unha rapaza escribiume preguntando que era esa marabilla. Conteille un pouco e díxome que para o ano non se perdía a festa. Eu, con que veña unha persoa, xa me dou cun canto nos dentes». 

@paublackmakeuplover #dúo con @paublackmakeuplover finalmente, logo de casi 4 horas, trenzas fóra! O pelo algo medrou 😂😂 mañá volvemos a trenzar 💪🏾💪🏾 #trenzasafricanas #contidoengalego #burela #dúo #sigueme #10k? #10k ♬ original sound - cassidy_brianna
Ana G. Liste

Ana G. Liste

Xornalista viguesa do 90. Traballei en medios como Faro de Vigo, El País e Europa Press. Formo parte da Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e son unha máis en Xornalistas Galegas. Agora estou entre Praza.gal e VINTE.

Tamén che interesa

  • A Cousa. O que está na boca da xente nova

    A Cousa é o medio que catro xornalistas de vinte e poucos anos botaban en falta para falar do que fala todo o mundo ao seu arredor e facelo en galego. É un proxecto moi centrado no audiovisual no que compartir inquedanzas, consellos e experiencias que aínda está agromando e ten moito que contar. 

     

    VINTE na rede

    Co patrocinio de

  • Dez series e programas web dende a cultura de base para dinamizar a lingua

    Quen diga que non hai recursos educativos e de divulgación en galego accesibles na rede é que non deu unha volta por Youtube nos últimos tempos. Nesa plataforma atopamos un bo feixe de programas, series e pezas audiovisuais creadas desde o tecido asociativo e cultural de base e destinadas á dinamización lingüística para todas as idades. As máis delas foron realizadas abeiro do Fondo de Proxectos Culturais Xacobeo 21-22. Aquí ofrecemos unha escolma. 

    VINTE na rede

    Co patrocinio de

  • Oínte na rede. Os 100 artistas galegos máis escoitados en Spotify

    As novas formas de consumo de música fan que convivan en popularidade artistas de todos os tempos alén do ditado da actualidade. Preguntámonos como andarían de oíntes os artistas galegos (collendo este concepto con amplitude) en Spotify e atopamos algúns resultados curiosos. Empezamos a buscar todos os que se nos ocorrían e acabamos cunha listaxe dos 100 máis escoitados. Posiblemente haxa ausencias ou despistes. Pero facémonos unha idea. 

    VINTE na rede

    Co patrocinio de

Faite de vinte

A partir de 5€ mensuais podes suscribirte a VINTE e colaborar para que sigamos a producir contidos de calidade pagando dignamente as colaboracións de vídeo, fotografía, ilustración, xornalismo e creación de todo tipo.