Dez series e programas web dende a cultura de base para dinamizar a lingua

VINTE

Quen diga que non hai recursos educativos e de divulgación en galego accesibles na rede é que non deu unha volta por Youtube nos últimos tempos. Nesa plataforma atopamos un bo feixe de programas, series e pezas audiovisuais creadas desde o tecido asociativo e cultural de base e destinadas á dinamización lingüística para todas as idades. As máis delas foron realizadas abeiro do Fondo de Proxectos Culturais Xacobeo 21-22. Aquí ofrecemos unha escolma. 

Co patrocinio de

Quen diga que non hai recursos educativos e de divulgación en galego accesibles na rede é que non deu unha volta por Youtube nos últimos tempos. Nesa plataforma atopamos un bo feixe de programas, series e pezas audiovisuais creadas desde o tecido asociativo e cultural de base e destinadas á dinamización lingüística para todas as idades. As máis delas foron realizadas abeiro do Fondo de Proxectos Culturais Xacobeo 21-22. Aquí ofrecemos unha escolma. 

  • 01

    Brincadeiras da lingua

    A compañía pontevedresa Migallas Teatro realizou esta serie de 25 programas para dar a coñecer «a enorme riqueza e variedade de ditos e recitados infantís que existen en galego e que acompañan desde hai séculos as brincadeiras da cativada e mais a transmisión familiar da lingua». Cada capítulo está dedicado a un tipo de ditos consonte a súa función: caricias no colo, para xogar coas mans, para abanear e cabalgar, para durmir e espertar, recitados dialogados, para acompañar xogos, para facer bromas, oracións de risas, disparates e trabalinguas. En todos eles, Migallas Teatro anima a gozar practicando estas brincadeiras que foi recollendo ao longo dos anos na páxina web Orella Pendella

  • 02

    25 pontes, de Ponte… nas ondas!

    A iniciativa Ponte… na Ondas leva un cuarto de século dinamizando o patrimonio cultural inmaterial galego, e con este proxecto faino a través de 25 pezas interactivas e audiovisuais. Cada unha delas centra a atención nun elemento do patrimonio inmaterial (Entroido, lendas, refráns, contos, recitados, colleitas, vocabulario do mar, magosto, regueifas, xogos tradicionais, danza, vendima, fiadeiros, oficios tradicionais, emigración, vivencias persoais de acontecementos históricos etc) e vese complementada por materiais adicionais para afondar no foco que se divulga en cada ocasión. O proxecto inclúe tamén adaptacións e guía de suxestións didácticas para a utilización no ámbito escolar.

  • 03

    Toupiciencia

    Toupiciencia é unha miniserie de divulgación científica dirixida á infancia, con 8 episodios de 3 minutos de duración cada un. Neles, Toupiña e outros monicreques descubrirán o mundo da ciencia a través de curiosidades sobre a astronomía, a física, a bioloxía, a química ou as matemáticas. O proxecto, da compañía A Xanela do Maxín, conta coa colaboración de persoeiros do ámbito científico de Galicia, como Ángel Carracedo, Minia Manteiga, Elena Vázquez ou Jorge Mira, entre outros.

  • 04

    CeibaRimas

    A Asociación Merenda Creativa elaborou esta serie de 20 vídeos de adestramento de rap improvisado en galego onde se propoñen dinámicas e xogos para practicar esta disciplina, tanto de maneira individual como por parellas. As bases musicais foron realizadas por produtores galegos. Unha voz en off dá a entrada ao comezo do vídeo, avisa do cambio de participante, advirte da fin da peza, etc.

  • 05

    A literatura galega nas súas voces

    A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) produciu esta serie cun cento de pezas audiovisuais en que escritoras e escritores len fragmentos significativos das súas obras. Con isto reúnen un acervo audiovisual para a nosa literatura que no futuro agradeceremos moito, pero que no presente xa podemos gozar, seguro que atopamos algún dos nosos autores prefereidos na lista. 

  • 06

    Sesión Vermú

    O gran Pedro Brandariz, falecido o pasado mes de febreiro, debe ser un dos cómicos que máis contido ten producido para as redes. Nesta serie de monólogos aborda, en clave de humor, a cultura e a idiosincrasia dos galegos e das galegas e o seu carácter folieiro, ao tempo que afonda nas súas festas e celebracións populares. Pretende ofrecer unha visión optimista, positiva e comprometida de Galicia, apta para todos os públicos. 

  • 07

    O Dicionario da Ciencia

    Máis ciencia en galego, desta vez da man da xente de GCiencia, que nos ofrece esta serie de breves pezas audiovisuais a modo de videobitácoras sobre termos científicos. Os 25 vídeos que a compoñen explican de xeito desenfadado conceptos que na primeira temporada estaban moi cinguidos á pandemia, pero que na segunda expándense a outros campos da ciencia como a zooloxía, a xenética ou a climatoloxía. 

  • 08

    Semente de brincar

    A asociación Semente Compostela elaborou unha serie de 20 vídeos de recuperación doutros tantos xogos tradicionais cantados e protagonizados por nenos e nenas e persoas adultas. Podemos atopar xogos de palmas, de roda e de corda ou elástico. Co obxectivo de ofrecer recursos para a educación en galego a familias, educadores e centros escolares, este proxecto contribúe a arquivar pezas do patrimonio cultural galego relacionadas co xogo, recuperar o patrimonio oral e lúdico propio e estimular a oralidade e o xogo en galego.

  • 09

    Escola Galega de Ilusionismo (EGI)

    A Escola Galega de Ilusionismo é unha serie de 12 episodios breves que pretende achegarlle ao público familiar, escolar e público xeral formación inicial nas diferentes ramas da maxia. Cada capítulo ofrece as instrucións necesarias para a creación e desenvolvemento dun xogo de maxia sinxelo pertencente a unha das ramas do ilusionismo (maxia de preto, maxia de escena, mentalismo…). O seu creador é o ilusionista Dani García.

  • 10

    Alí, un día...

    Estes seis videoclips de ilustración animada sobre cancións infantís, con letra orixinal de Fabaloba e música, tamén orixinal, do músico e mestre José Carballido, xiran arredor das distintas rutinas coas que se adoita traballar na etapa de educación infantil (saudar, xogar, recoller, xantar ou vestirse). Os temas musicais son interpretados polo grupo infantil A música das baleas, formado a partir do coro do CEIP de Caión, que foi un dos gañadores da pasada edición do certame de música infantil e xuvenil Quero Cantar da Deputación da Coruña.

Faite de vinte

A partir de 5€ mensuais podes suscribirte a VINTE e colaborar para que sigamos a producir contidos de calidade pagando dignamente as colaboracións de vídeo, fotografía, ilustración, xornalismo e creación de todo tipo.