Guión, música, ilustración, deseño. Todo isto está nos videoxogos onde, ademais, hai unha compoñente interactiva que permite cambiar a historia segundo a destreza de quen xogue. No Recuncho Gamer, que vén de facer catro anos e recibir distincións como o premio Youtubeiras e o Mil Primaveras da CTNL, falan de videoxogos desde Galicia e en galego, claro. «Hai videoxogos que poden ter uns valores máis ricos e outros que poden ser máis de consumo fácil, pero iso pasa tamén no cine e na literatura, pasa en todo», di o fundador do Recucho Gamer.
Iago Gordillo pon en valor o traballo que están a facer os estudios indies, con historias máis diversas e representativas en xénero ou raza. Se esperan detalles do Call of Duty ou o Fifa, este non é o lugar.
«Normaliza máis un game play en galego, unha persoa xogando a videoxogos e que fale galego, que mil vídeos falando sobre o galego en galego». Esta frase do xornalista Gabri Fuentes na TVG resultou decisiva na posta en marcha do Recuncho Gamer como canle de divulgación dos videoxogos en galego. «Con esta frase tirei para adiante, e creo que funciona», explica Iago Gordillo (Carral, 1986), creador do proxecto audiovisual que vén de facer catro anos e recibir varios premios como Youtubeiras 2023 e o Mil Primaveras da CTNL pola súa contribución á normalización do idioma e ao seu prestixio.
A súa propia relación coa lingua ten moito que ver en como chegou ata este punto o creador de Recuncho Gamer. Tras estudar na escola en Cerceda, onde se falaba galego no patio, marchou á Coruña e o cambio foi «brutal». «Coa diglosia que tiña estiven facendo vida en castelán ata case 2018, cando comecei a facer as primeiras seccións na radio e cambiei ao galego», detalla. «O galego agora é casa. Ata hai sete ou oito anos en redes sociais comunicábame en castelán pero chegado un punto decidín normalizar o uso do galego en redes e levalo a falar de videoxogos. Non é que antes estivese impostado pero agora síntome máis natural, máis cómodo. Incluso máis libre».
O idioma é o galego e a factura técnica, sempre coidada –nótase a carreira de Comunicación Audiovisual de Gordillo- máis a cerna do Recuncho está no contido, está en falar de videoxogos e poñer en valor esta forma de expresión cultural que a día de hoxe aínda conta con receos en parte da poboación e facelo mediante unha escolla dos contidos, claro. Se esperan detalles do Call of Duty ou do Fifa este non é o lugar.
«Hai cousas que xa son de referencia POP e aínda que haxa xente que non tocase un videoxogo máis de cinco minutos, o Tetris si que sabe o que é», subliña Iago Gordillo
«Hai cousas que xa son de referencia POP e aínda que haxa xente que non tocase un videoxogo máis de cinco minutos, o Tetris si que sabe o que é», subliña Gordillo. Como todos os produtos culturais, defende, «hai videoxogos que poden ter un valores máis ricos e outros que poden ser máis de consumo fácil, pero iso pasa tamén no cine e na literatura, pasa en todo».
Iago Gordillo cualifica o videoxogo como «o produto cultural máis completo porque xunta case todo o que pode xuntar o cine, como é a música, guión, parte artística coa ilustración e logo súmalle a parte interactiva que che dá a oportunidade de darlle a volta a historia», di.
No móbil, no ordenador, na consola… os soportes para xogar son variados e nos contidos poden xuntarse moitas artes e contar historias dun xeito moi inmersivo. «As temáticas non teñen nada que envexar ás que podes atopar en literatura boa ou cinema bo. Hai historias moi chulas dentro de videoxogos. Ao igual que no cinema, hai películas que son un pouco máis de consumo rápido, ás veces máis criticables. E nos videoxogos pasa o mesmo, moitas veces os que gañan a fama son os de violencia gratuíta», lamenta. Gordillo explica que existen outros, como os dos estudos indies, onde as historias son máis diversas, con distintas representacións de xénero e raza. «Videoxogos con historias interesantes hainos, como é caso de Gris, de Nómada estudio, un xogo cunha factura a nivel artístico moi boa e que está contando unha historia sobre a superación da depresión, pero dunha maneira moi simbólica e acompañado tamén dunha boa música», defende.
«Vén xente co tema este de “eu videoxogos non” e paréceme moi significativo iso porque é raro que alguén diga “ai, eu libros non” ou “eu cinema non”. Creo que hai que facer entender que hai un videoxogo para cada persoa»
«Vén xente co tema este de “eu videoxogos non” e paréceme moi significativo iso porque é raro que alguén diga “ai, eu libros non” ou “eu cinema non”. Creo que hai que facer entender que hai un videoxogo para cada persoa», salienta Iago Gordillo ao tempo que lembra entre risos a visita de Pili Pampín ao seu podcast dicindo que non xogaba a nada e logo resultou que era case unha «embaixadora» no Candy Crush.
En Recunho Gamer falan de videoxogos cunha intención divulgativa e de poñer o foco en ámbitos culturais, nos simbolismos de determinados elementos –as torres nos videoxogos, por exemplo- e mesmo na música, algo moi presente vida do seu creador, que estudou no Conservatorio da Coruña. Gordillo tivo varios grupos de música onde tocaba o saxo, o piano ou cantaba, algo que facía só por hobby.
Moitas veces a selección dos temas deriva da súa posible relación coa cultura galega en sentido amplo como poden ser os videoxogos inspirados en series do Xabarín Club (Shin Chan Doraemon, Dragon Ball) ou mesmo repasar as 14 temporadas de Pratos Combinados para ver que xogo había en cada momento na máquina recreativa. Gordillo busca Galicia nos videoxogos de todo o mundo e atopouna tamén no clásico xaponés Shenmue, co que fixeron un videoensaio chamado Shenmue: a conexión Xapón-Galicia, polas similitudes na paisaxe verde ou nos tendidos eléctricos. «Hai un feísmo que realmente me resultou moi familiar», asegura Iago Gordillo.
A intención divulgativa deriva cara a un obxectivo moi concreto, incrementar o número de videoxogos en galego. Gordillo explica que aínda están a botar as contas, porque non é algo sinxelo, pero actualmente hai máis de 150 videoxogos en lingua galega. Entre eles atópase o Waylanders do estudo coruñés Gato Salvaje, mais tamén son cada vez máis os estudos indies de fóra do país que fan a adaptación á nosa lingua. “Ao final tamén é unha oportunidade, un nicho, ti agora mesmo podes converterte no mellor xogo de coches en galego, por exemplo», defende o creador de Recuncho Gamer.
Cada vez máis os estudos indies de fóra do país que fan a adaptación á nosa lingua. “Ao final tamén é unha oportunidade, un nicho, ti agora mesmo podes converterte no mellor xogo de coches en galego, por exemplo», defende o creador de Recuncho Gamer
Exemplos hai abondos como o Magic Twins, dun estudio madrileño que fixo tamén a tradución ao galego ou o Sword of Necromancer, un xogo catalán con banda sonora da galega Inés Miras, que tamén ten a súa versión en lingua galega. «Moitas veces son estudios pequenos, indies, que están tendo esa sensibilidade. Ten que haber un mínimo, claro, que sexa interesante e a xente cando os traemos ao Recuncho, adoita acollelos con cariño», di Iago Gordillo.
O creador de contido confesa que hai un videoxogo que o ten fascinado por como está recreado, que é un simulador de camións chamado Euro Truck Simulator 2, onde está representada, en certo modo, Galicia en miniatura. Alí percorrer a AP-9 apenas leva cinco minutos e só ten unha peaxe. «Quedas ás portas da Coruña e Vigo e ves miniaturas de estradas e rotondas recoñecibles», explica. Saen poboacións como Ourense, O Barco de Valdeorras ou Alfoz, por exemplo, e aparece o cartel da estación de servizo de Ameixeiras, aínda que non se poda parar a botar gasolina nela. Este é un videoxogo dos que xa falaba Recuncho Gamer no seu documental sobre A Coruña nos videoxogos, un proxecto puntual feito en 2021 grazas a unha axuda municipal ao que lle gustaría dar continuidade cunha produción que ben podería chamarse Galicia nos videoxogos.
Videoensaios, análises de bandas sonoras, xogos con convidados, videopodcast ou micropodcast son só algunhas das seccións actuais do programa que foi medrando en medios e equipo ao longo do tempo desde a súa posta en marcha en outubro de 2020, en plena pandemia.
Gordillo pon o foco no videopodcast máis antigo –chamado Recuncho Gamer- que é magazine semanal como unha sorte de club de lectura –segundo di o propio Gordillo, onde departe con Ángela Triana, Lara Portela, Sara Gurdiel, Jon Amil e Rita Calvo. Normalmente collen unha temática e tentan adaptala ao ámbito galego, ou falan dun xogo ou dunha consola en concreto, nun programada dunha hora que se emite en directo por Youtube, Spotify e iVox con público ‘en directo’ a través de Twich, polo que a xente pode participar en vivo nos contidos e abofé que o fan.
Malia os recoñecementos e a comunidade creada arredor do proxecto a viabilidade do proxecto ten que pasar por complementar as emisións con charlas ou poñendo os seus produtos en plataformas, como foi o caso do Xogando en galego, dispoñible en agalega.gal desde o 29 de agosto. Aventuras gráficas como Yuppie Psycho, matamarcianos con inimigos que parecen sacados dunha ría galega como Fullblast, os xa nomeados crebacabezas coloridos do Magic Twins, ou xogos coches veloces como os do Super Woden GP 2, ou mesmo de carrilanas por Esteiro adiante como no Gran Prix Turbotalina teñen o seu sitio nesta primeira temporada do espazo presentado por Ángela Triana e Jon Amil.
A día de hoxe o obxectivo de Recuncho Gamer é seguir incrementando á taxa de videoxogos en galego, un labor no que traballan coa súa presenza en distintas feiras do sector facendo un chisco de «policías» polos stands, onde explican que as traducións son económicas (poden roldar os 30 euros) e que se amortizan axiña. Gordillo afirma que aspiran a que se deixe de dicir iso de «eu videoxogos non» e ordenar un pouco as cousas, porque «chirría un pouco» que haxa sitios como os grandes almacéns onde os videoxogos están cos xoguetes e non co resto da cultura. «Resulta raro ver videoxogos para mairoes de 18 anos ao lado de xoguetes para 3 ou 4 anos. Sigue habendo este tipo de cousas porque aínda non superamos o debate de que os videoxogos sexan cultura», subliña.