Un webdoc dirixido por Antón Varela preséntanos doce creadoras e creadores galegos pertencentes a novas profesións: da programación creativa ao video mapping, o deseño de videoxogos ou a ilustración dixital. E teñen máis en común cos vellos oficios do que podería parecer: é traballo manual, o oficio require coñecemento amplo da técnica e ferramentas, é froito de anos de experiencia e implica o desenvolvemento de novos saberes.
Cando os Hermanos Cubero cantaban este pequeno himno dedicado aos artesáns, moitas traballadoras e traballadores do dixital podían sentirse tamén identificadas. Hai novos oficios e novas ferramentas, baseadas no hardware e sobre todo no software, e moitos profesionais autónomos que crearon o seu propio camiño aprendendo destrezas moi concretas e sendo únicos no seu traballo.
O webdocumental Artesanías dixitais, dirixido por Antón Varela e producido por BenCuriosa, dános a coñecer estes novos oficios a través das experiencias dunha ducia de profesionais. A maioría deles viven dos produtos e servizos que manufacturan con técnicas dixitais: outros úsanos para innovar dentro das súas profesións, máis clásicas. Pero todos eles teñen en común o orgullo e a ilusión por crear artefactos que non existían antes, e tamén a ansia por desenvolver e compartir novos coñecementos.
Artesanías dixitais ten dúas versións: unha en formato documental lineal de 38 minutos e outra máis interactiva onde podemos ir directamente aos testemuños de cada protagonista. O lineal comeza por Marta Verde, unha artista dixital que axiña descubriu que para levar a cabo as súas ideas tiña que aprender a programar o seu propio código fonte. Licenciada en Belas Artes, dedícase ao desenvolvemento de visuais, de gráficos xenerativos ou de instalacións interactivas para outros artistas, da música ás artes escénicas. Na súa entrevista cóntanos, entre outras cousas, como ve no glitch (erro dixital) unha forma de expresión artística.
O de Brais Moure é un caso paradigmático de como, grazas ao emprendemento e ao traballo remoto, moitos destes profesionais decidiron retornar ás súas vilas de orixe -neste caso Monforte- logo de botar un tempo fóra, formándose e traballando para outras empresas. Moure é programador creativo especializado no desenvolvemento de aplicacións móbiles. E desde hai uns anos tamén é youtuber. Na súa canle Mouredev, con máis de cen mil subscritores, crea contido didáctico sobre programación, e ultimamente tamén se sumou a Twitch, onde conta máis de 8 mil seguidores. Neste vídeo que fixo para presentar a súa canle conta moi ben a súa historia.
Desde Celanova Cristal Reza traballa para diversos clientes do sector da publicidade facendo deseño, ilustración e animación dixital, sobre todo en 3D. En Artesanías dixitais explica o seu afán polo detalle no seu traballo, algo que implica horas e horas agardando a que se renderice cada nova versión das súas animacións. Aproveitou certa parada na demanda durante o confinamento para crear proxectos propios como estas cúpulas confinadas.
Outras artistas como Marina Núñez, vinculada máis ao circuíto da arte contemporánea e profesora de Belas Artes en Pontevedra, ou María Fernández Hermida, que desde A Coruña traballa para a industria dos videoxogos facendo modelaxe e iluminación de espazos, son exemplos que se suman aos anteriores, nos que o software é a principal ferramenta de traballo. Noutros casos o importante non é tanto o código como o deseño das interfaces (UI) nas que funciona, e a experiencia de usuario (UX), tal como explica Santi Villamarín, deseñador experto en UI/UX e impulsor da app Rurify.
Nesta intersección entre arte e tecnoloxía vemos tamén como o patrimonio, en especial o arquitectónico, pode ser a base do traballo dalgúns destes artesáns, como Marcos Barrios, creador de video mapping que ten o súa empresa MBC en Lugo, coa que ademais de proxeccións creativas en 3D fixo o programa da TVG Segredos - Desmontando Galicia. Ou o ourensán Carlos Paz, fundador do CIAG - Centro Infográfico Avanzado de Galicia, un proxecto de restitución dixital do patrimonio arquitectónico histórico galego desaparecido. Nun ámbito similar atopamos tamén a Anxo Miján desde Trasancos, especialista na recreación histórica en 3D, ou a Alexandre González, máis especializado aínda co seu dominio da técnica da fotogrametría.
Por último, dous artesáns apaixonados pola innovación pero aplicada á docencia, a súa principal ocupación. Son Rocío Romar e Xacobo de Toro, profesores no IES Urbano Lugrís de Malpica e creadores de Xeoclip, un proxecto educativo que usa novas linguaxes como as panorámicas en 360º ou a realidade aumentada, para crear contidos sobre ciencias que se poida usar en calquera aula. Tamén fan un importante traballo de divulgación en Youtube e, desde hai un tempo os seus vídeos fan parte da programación infantil e xuvenil da TVG.
Para poñerlles cara e discurso a cada un destes artesáns e para termos unha visión ampla destas novas profesións como oportunidades para o desenvolvemento da cultura dixital en Galicia, o mellor é ver Artesanías dixitais, da maneira en que mellor vos preste.