Máis de 5.000 persoas na Lérez Up. «Antes ríanse dos frikis e agora queren ser os nosos amigos»

Coa colaboración de

Non sabemos se ser friki está de moda, pero o que está claro é que mola. Toda unha cultura nun sentido amplo que vai máis alá dos videoxogos é que abrangue expresións artísticas a mans cheas, tal e como puidemos comprobar na terceira edición da Lérez Up, Salón do videoxogo e da cultura friki que se desenvolveu en Pontevedra a pasada fin de semana. 

Vinte pasou pola feira para parolar cos asistentes e comprobar in situ que se movía por alá, e abofé que era moito: desde a zona K-POP ata os desfiles do Cosplay, xogadoras e xogadores de Valorant, Smash ou Pokémon, pasando polos stands ou a zona de Star Wars e os do Idol Games non paraban de bailar… Máis de 5.000 persoas asistiron á Lérez UP, récord absoluto que achega novos folgos á Gaming Troop e ao Concello de Pontevedra cara a preparar a seguinte edición.

«Eu veño ver artistas: os seus debuxos, chaveiros, figuras, de todo». Javi Mosquera, vigués de 26 anos, visitou o sábado pola tarde a Lérez Up xa que se considera a si mesmo «moi friki» e non podía perder unha encontro así. Gústalle especialmente o anime Nana, os parrulos e xoga sempre que pode a atrapar fantasmas co Phasmophobia

Mosquera cre que está cambiando a concepción que a xente ten do «frikismo». «Penso que antes era tema bullying e agora xa non. Antes ríanse de nós e agora queren ser os nosos amigos», argumenta o mozo que veu á Lérez UP por primeira vez xunto a súas amigas Cristina Meis e Mari Ángeles Pérez.

Javi Mosquera e Mari Ángeles Pérez, na Lérez Up. CC-BY-SA David Freire

Como eles, máis de 5.000 persoas visitaron a feira nesta terceira edición, o que supón un espectacular crecemento fronte aos 4.000 asistentes da edición de 2023. O salón máis friki de Pontevedra non para de medrar grazas tamén ás novas propostas feitas realidade o 28 e 29 de setembro no recinto feiral de Pontevedra como a zona K-POP ou a de Star Wars.

Máis de 5.000 persoas visitaron a feira nesta terceira edición, o que supón un espectacular crecemento fronte aos 4.000 asistentes da edición de 2023. E o concurso do K-POP foi todo «un furor»

 Segundo relatan desde a Gaming Troop, asociación que organiza o salón xunto co Concello de Pontevedra, o concurso do K-POP foi todo «un furor». Era a primeira vez que a Lérez UP contaba con espazo para os e sobre todo as amantes desta estilo musical procedente de Corea do Sur que triunfa a nivel mundial. Todo un andar na parte superior do recinto para bailar e gozar coa K-POP random dance en continuo, o karaoke ou mesmo unha carreira de obstáculos na que gañaba quen máis coñecementos amosaba desta cultura oriental. 

Anastassiia (Nea) foi unha das primeiras persoas en dar clases de K-POP en Pontevedra, Vigo ou Cangas e non podía haber mellor candidata para organizar esta nova zona do salón. «A verdade é que están moi animados co baile, está a resultar xenial», asegura a moza ucraína. «Cada vez hai máis xente en Galicia que se suma a isto, xa non é unha cousa só de Barcelona ou Madrid», detalla.

Imposible fixar a mirada nun único lugar ou persoa. Pola Lérez Up pasean, entre outros, Jotaro, Hijikata, Kokichi Ouma con Rei Ayanami, Mitsuri e Nezuko, Hank Madness Combat ou mesmo A.B.A., de Guiltiy Gear,co seu paracelsius e todo. Non faltou Mario Bross e a Princesa Peach, Chewbacca ou un auténtico Biker Scout Troupper faceldo a rolda. 

Puppet, Mitsuri, Nezuko, Hank Madness Combat e A.B.A., de Guiltiy Gear, co seu paracelsius. CC-BY-SA David Freire

Mentres, os bailes non paran co Idol Games e moitos asistentes aproveitan a oportunidade de xogar unha partida de cartas algo especial, como as dos Pokémon, nesta tarde de sábado. É o caso de Francisco José Delgado, pontevedrés, que leva un ano xogando con estas cartas e confesa que aínda non é un experto nisto das enerxías dos Pokémon. 

Os bailes non paran co Idol Games e moitos asistentes aproveitan a oportunidade de xogar unha partida de cartas algo especial, como as dos Pokémon, nesta tarde de sábado

«Son un xogador moi directo», explica Delgado, que se considera máis otaku ca friki, xa que a súa paixón navega entre o anime, a arte xaponesa ou os Pokémon, por suposto.

Pasea pola feira, cun ollo nos stands tamén, Manu Sacoga, que visita por primeira vez a Lérez UP xunto á súa amiga Eva Vaeli, e aproveitou para mercar unha tote bag (bolsa de tea) de Over the Garden Wall. Creadores audiovisuais e ilustradores, aplauden que exista unha feira así en Pontevedra e propoñen a posta en marcha de máis iniciativas similares na contorna.

Para Agret Moreno, de Asturias, xa é a terceira vez que visita o salón friki de Pontevedra. Moreno percorre feiras do Estado xogando ao Smash e nesta terceira edición ve a Lérez Up «moi consistente». 

Agret Moreno, xogador de Smash que leva indo á Lérez Up desde a primeira edición. CC-BY-SA David Freire

As expresións artísticas frikis acadan a súa materialización a través dos debuxos, bonecos, complementos e demais creacións que protagonizaron os obradoiros e mais nos stands, que este ano eran 54 correspondentes a creadores e outros oito de establecementos e comercios do sector. Para Cristina Blanco, de Camariñas, era a primeira vez na Lérez Up co seu proxecto Tina’s Rugs. De feito, era a primeira vez que montaba un stand nunha feira para amosar o seu traballo de tufting (tecer alfombras) con deseños de todo tipo e máis chaveiros de punch needle (ou agulla máxica) con imaxes de Pokémon, videoxogos ou outros personaxes do anime. 

Co desfile de Cosplay xa rematado pasean os seus vestidos modo pro polo recinto feiral as recoñecidas cosplayers e membros do xurado MeryNyan (como Byleth), Kaisiwiwi (Como Shadowheart) e Akurin (como a Princesa Peach) espertando sorpresa,admiración e varias preguntas que se encargan de responder desde o seu propio stand.

No salón de actos xa comeza a actuación musical de Freak GZM, outro dos reclamos para asistir ao evento xunto con Yell0, previsto para a tarde do domingo. 

Hai quen prefire xogar á jenga xigante cos seus amigos ou probar a experiencia de cadrar as pezas dun Tetris en tres dimensións, porque hai moita diversión tamén fóra das pantallas.

Vanesa Vázquez

Vanesa Vázquez

Viguesa do Calvario. Comecei e aprendín en Atlántico Diario, Radio Vigo e Expansión. Cada día conta e agora contámolo en VINTE e Praza.gal. 

Tamén che interesa

  • Lérez UP. Frikis e ‘gamers’ de todas as idades encherán Pontevedra de lecer alternativo o 28 e 29 de setembro

    Un Chewbacca de dous metros, espadas de luz, Tetris e Jenga xigantes; ducias de ordenadores e consolas para xogar e competir; condución con realidade virtual, obradoiros de debuxo, bailes de KPOP e Naruto desfilando grazas ao Cosplay. Todo isto e moito máis terá lugar en Pontevedra o 28 e 29 de setembro na Lérez Up, Salón do videoxogo e a cultura friki que acada xa a súa terceira edición. 

    Ofrecido por

  • Lérez Up. Claves para o teu primeiro cosplay: creatividade, paciencia e, sobre todo, pasalo ben

    Hai dez anos as persoas que facían cosplay eran poucas ou non tiñan moito palco onde exhibir o seus modelos e, polo tanto, darse a coñecer. Co auxe das redes sociais, e especialmente do TikTok durante a pandemia, esta forma de expresión artística que consiste en caracterizarse como un personaxe de ficción xa sexa dun videoxogo, anime ou serie, colleu pulo e hoxe en día vive o seu boom con congresos internacionais e unha comunidade en redes nunca vista. 

    Na Lérez UP, que se celebrará en Pontevedra a fin de semana do 28 e 29 de setembro, tamén terá moito protagonismo o cosplay, cunha prometedora pasarela aberta ao público e charlas didácticas para avanzar no desenvolvemento desta arte. Falamos con MeryNyan, Kaisiwiwi e Akurin, recoñecidas cosplayers e membros do xurado neste Salón do videoxogo e da cultura friki.

    Ofrecido por

  • Lérez Up. Cultura friki: moito para crear… e tamén facturar

    Apenas quedan horas para que abra as súas portas a terceira edición da Lérez Up, salón do videoxogo e a cultura friki, que se celebra esta fin de semana no Recinto Feiral de Pontevedra, e este resulta un momento perfecto para profundar nisto da cultura friki e as súas expresións artísticas.

    Sabres de luz, bixutería en origami, retrato a bolígrafo, creación de monicreques, caligrafía xaponesa... Estas son algunhas das técnicas que protagonizan os obradoiros aos que se pode asistir na feira, que se complementan con charlas sobre o día a día do traballo na creación artística, con consellos moi prácticos, porque os frikis tamén facturan.

    Creación

    Ofrecido por

Faite de vinte

A partir de 5€ mensuais podes suscribirte a VINTE e colaborar para que sigamos a producir contidos de calidade pagando dignamente as colaboracións de vídeo, fotografía, ilustración, xornalismo e creación de todo tipo.