Lérez Up. Claves para o teu primeiro cosplay: creatividade, paciencia e, sobre todo, pasalo ben

Ofrecido por

Hai dez anos as persoas que facían cosplay eran poucas ou non tiñan moito palco onde exhibir o seus modelos e, polo tanto, darse a coñecer. Co auxe das redes sociais, e especialmente do TikTok durante a pandemia, esta forma de expresión artística que consiste en caracterizarse como un personaxe de ficción xa sexa dun videoxogo, anime ou serie, colleu pulo e hoxe en día vive o seu boom con congresos internacionais e unha comunidade en redes nunca vista. 

Na Lérez UP, que se celebrará en Pontevedra a fin de semana do 28 e 29 de setembro, tamén terá moito protagonismo o cosplay, cunha prometedora pasarela aberta ao público e charlas didácticas para avanzar no desenvolvemento desta arte. Falamos con MeryNyan, Kaisiwiwi e Akurin, recoñecidas cosplayers e membros do xurado neste Salón do videoxogo e da cultura friki.

Probar, equivocarse, avanzar, e, sobre todo, gozar. O cosplay é unha forma de expresión artística que pode requirir moitas destrezas –maquillaxe, vestiario, perruquería- pero que estará ao alcance de calquera que de verdade teña paixón por amosar a súa predilección por un personaxe. «O cosplay é algo moi bonito e as cosplayers somos como os títulos de crédito dunha película, onde nós facemos todo», indica a cosplayer Kaisiwiwi.

Non ten que ser caro e pon proba a creatividade para resolver a humanización dun personaxe que en ocasións só se coñece en dúas dimensións ou que ten uns deseños imposibles. Para iso é preciso armarse de paciencia e buscar solucións reais acorde co nivel de cada persoa.

MeryNyan e Kaisiwiwi co seu cosplay de 'Fire Emblem'. CC-BY-SA Cedida

«Primeiro de todo, tes facelo porque che gusta, non por esperar gañar cartos ou facerte  influencer ou famoso. Tes que comezar porque de verdade che gusta, gústache confeccionar traxes ou identifícaste con determinado personaxe de serie ou videoxogo e queres representalo», explica a cosplayer MeryNyan. Para non sentir frustración, engade, cómpre ser consciente de en que punto estás, que podes facer. 

«Primeiro de todo, tes facelo porque che gusta, non por esperar gañar cartos ou facerte  influencer ou famoso», explica a cosplayer MeryNyan

«Con paciencia pódese todo. É mellor comezar cun traxe sinxelo para ir aprendendo pero se che fai moita ilusión algo, adiante. Isto é un hobby, para que o goces. Se lle vas poñendo tempo, aos poucos, vas aprendendo cousas. É unha cuestión de dedicación», argumenta Akurin

Aínda que Kaisiwiwi confesa entre risos que lle prendería lume ao primeiro traxe que fixo en 2009 anima a buscar a melloría constante, porque os comezos son complicados. «Non todos comezamos sabendo, como en calquera hobby. Acabarás mellorando e non hai que desmotivarse. Que estean contentos coa súa creación», indica.

MeryNyan co seu cosplay de Mio. © Irene Kuroi

MeryNyan e Kaisiwiwi ofrecerán unha charla o domingo, 29 de setembro dentro da Lérez Up baixo o título Guía para o teu primeiro concurso de Cosplay na que defenderán a motivación e a creatividade por riba de grandes investimentos para crear un bo cosplay. 

«Eu aconsello sempre comezar planificando e anotar nunha libreta ou facer unha lista de todas as partes da roupa, perruca ou maquillaxe que vas necesitar antes de mercar nada», defende Merynyan, que tamén suxire buscar referencias na rede sobre outros cosplays feitos do personaxe.

Aínda que Kaisiwiwi confesa entre risas que lle prendería lume ao primeiro traxe que fixo en 2009, anima a buscar a melloría constante e non desmotivarse

Kaisiwiwi indica que o cosplay pode estar ao alcalce de todos e que o límite o pon cada persoa: desde as telas ata os materias. Por exemplo, no caso da armaduras, o material pode ser moi caro nunha tenda especializada pero tamén se pode resolver no bazar do barrio. E aseguran que teñen visto xente facer armaduras «incribles» coas pezas de goma eva desas que que se usan para poñer no chan e que xoguen as crianzas.

Kaisiwiwi, como Aranea ('Final Fantasy') © Crowfel

Kaisiwiwi e Merynyan, as dúas de Barcelona, hai poucas semanas que volveron da cidade xaponesa de Nagoya onde representaron a España na final da World Cosplay Summit. Todo un soño feito realidade que as anima a seguir gozando deste hobby que cada día coñece máis xente. «Estamos máis aceptadas socialmente hoxe en día que hai quince anos», chancea Kaisiwiwi. «Hai dez anos comentáballe aos meus compañeiros que facía cosplay e non tiñan nin idea, pero agora xa comeza a soar», explica Merynian que é profesora de inglés nesta sorte de dobre vida que levan as fans do cosplay. 

A Akurin, natural de Mallorca, o cosplay permítelle experimentar cousas novas no eido da confección, que é a súa profesión. Profesora de costura en Asturias na actualidade e artífice de vestiarios para ópera ou teatro, Akuri falará na Lérez Up sobre Siluetas e tecidos para cosplay, o sábado ás 12 da mañá.

Akurin subliña a importancia da elección dos tecidos máis acaídos para cada personaxe. «Tes que buscar uns tecidos axeitados. Por exemplo, se é un traxe dun personaxe do medievo, pois tes que buscar unhas telas que lle dean personalidade e credibilidade. Con diferentes texturas, hai que atreverse con cousas novas».

Akurin, coa súa creación de Marin Kitagawa. © @madeoutoffoam, @keisscene, @kharenhardcore

A cosplayer e membro do xurado profesional en Pontevedra comparte algún consello que sempre vén ben para non frustrarse, por exemplo, coa máquina de coser. «Se estás cosendo á máquina, hai que te en conta moitas cousas. Para coser licra necesitas agullas de punta de bola. Ás veces dinme que non conseguen coser tela elástica, e parece unha parvada, pero a tela elástica é unha das cousas máis complicadas de coser, porque necesitas cambiar a agulla, os fíos teñen que ser bos, porque se non, a máquina non cose. Entón, se sabes o que está a pasar podes cambiar a agulla ou o fío, pero ás veces cando empezas non sabes. O mellor é aprender con tecidos naturais, como algodón, que se prancha ben ir probando», detalla.

Akurin compartirá trucos como a incorporación de enaguas, corsés ou outra ropa interior para acadar volumes que poden cambiar por completo a apariencia e a credibilidade dun personaxe

Durante a súa charla, Akurin explicará tamén outros trucos como a incorporación de enaguas, corsés ou outra ropa interior para acadar volumes que poder cambiar por completo a apariencia e a credibilidade dun personaxe. Akurin estudou vestiario en Inglaterra onde acadou grande habilidade para facer os tutús que tanto axudan nos vestidos de princesa, que adora, aínda que non sexan as de Disney precisamente, senón sobre todo a Princesa Peach do Súper Mario. «Ao final é todo ir aprendendo. Para os vestidos metes os tules e baleas para que non colapsen. Eu cando comecei usaba as baleas de plástico pero agora uso as de aceiro, que dan mellor resultado», indica.

A Princesa Peach é unha das personaxes favoritas de Akurin. © @skyline_cos

Atención ao detalle, que se note a paixón e a motivación, bo acabado e técnica serán claves para o xurado profesional á hora de elixir os mellores deseños da pasarela de cosplay que se celebra o sábado, 28 de setembro, ás 17.00 horas no Recinto Feiral de Pontevedra. «Que as técnicas non sexan tan complicadas como intelixentes; que me deixen impresionada», sentencia Kaisiwiwi.

Escolma de personaxes

Para quen non consiga decidirse ou teña curiosidade sobre os personaxes máis populares o xurado fai esta selección exclusiva para VINTE sobre os máis populares no cosplay actualmente:

Da serie Hazbin Hotel  elixen a Charlie e Alastor; do videoxogo Genshin Impact seleccionan a  Venti e Furina e do anime Frieren: Tras rematar a viaxe,  sinalan a Frieren.

Xa a nivel persoal, Kaisiwiwi elixe do Videoxogo Baldur's Gate 3 a Shadowheart e do The Witcher 3 a Yennefer. Finalmente, MeryNyan, pola súa banda, selecciona a Edelgard do videoxogo Fire Emblem e a Mio de Xenoblade Chronicles 3.

Vanesa Vázquez

Vanesa Vázquez

Viguesa do Calvario. Comecei e aprendín en Atlántico Diario, Radio Vigo e Expansión. Cada día conta e agora contámolo en VINTE e Praza.gal. 

Tamén che interesa

Faite de vinte

A partir de 5€ mensuais podes suscribirte a VINTE e colaborar para que sigamos a producir contidos de calidade pagando dignamente as colaboracións de vídeo, fotografía, ilustración, xornalismo e creación de todo tipo.