Lérez UP. Frikis e ‘gamers’ de todas as idades encherán Pontevedra de lecer alternativo o 28 e 29 de setembro

Ofrecido por

Mozas e mozos interesados no mundo friki do anime, amantes dos videoxogos, familias con crianzas que queiran pasar unha fin de semana diferente, adultos con ganas de probar aínda que non coñezan moitas cousas. Todos e todas están chamados a gozar dos contidos da Lérez UP, Salón do videoxogo e a cultura friki, que se desenvolverá no Recinto Feiral de Pontevedra os vindeiros 28 e 29 de setembro.

 

«O evento está definido como salón do videoxogo e da cultura friki pero tamén se podería categorizar como un evento de ocio alternativo que realmente abrangue desde xogos de mesa non convencionais, obradoiros de arte ou caligrafía xaponesa, deseños con boli BIC, ata charlas sobre como facer Cosplay», explica Rocío Fernández, membro da asociación Gaming Troop, entidade que organiza o encontro xunto co Concello de Pontevedra.

A Lérez Up ofrece a posibilidade de xogar libremente nas consolas ou participar nos torneos de Mario Kart 8, Street Fighter 6, Duck Game, Switch Sports, entre outros; hai tamén unha zona de ordenadores con xogo libre e torneos de Valorant, League of Legends ou Tekken 8; así como unha zona de stands con máis de 60 postos entre artistas e comercios e mesmo unha zona de descanso con food trucks, que este ano tamén inclúe comida asiática.

O desfile de Cosplay na Lérez Up terá lugar o sábado 28 ás 17.00 horas. CC-BY-SA Cedida

Aínda que o programa definitivo non está pechado de todo, están definidas as vinte zonas que ofrecerá esta terceira edición do encontro, entre as que destacan como novidade un grande espazo na parte superior para o KPOP e unha zona exclusiva para os máis frikis de Star Wars.

Nesta terceira edición a Lérez Up contará cun grande espazo na parte superior para o KPOP e unha zona exclusiva para os máis frikis de Star Wars

O KPOP é un xénero coreano que move moitísima xente que fai baile ou canta pero tamén abrangue outros moitos medios artísticos de expresión e por iso a programación da zona KPOP –que se estende entre sábado e o domingo- inclúe obradoiros de maquillaxe ou xogos relacionados con esta forma de expresión cultural coreana. 

«Levabamos tempo querendo contar con esta zona e este ano por fin conseguímolo. Era unha demanda desde a primeira edición», detalla Sonia Piñeiro, membro da Gaming Troop e da organización do salón. «Vaise ampliar o mapa para iso empregando unha zona que non tiña uso nas pasadas edicións, que era na parte de arriba. Unha zona perfecta para toda esta xente que o que quere é moverse, bailar, interactuar entre eles. É perfecto, teñen todo o oco e o espazo que queiran. Era o golpe final que nos facía falta», asegura Piñeiro.

A demanda, segundo explican, fíxose patente cando se abriu a inscrición para o concurso de baile e as vinte prazas para solistas e grupos voaron en cuestión de minutos. Algo que tamén aconteceu cos stands para que os pequenos artistas amosen os seus deseños, con 54 dispoñibles e unhas 150 solicitudes, feito que complica a selección e enche de orgullo aos responsables da Lérez Up.

A outra gran novidade desta terceira edición do salón é a zona para os amantes da saga de Star Wars, grazas á presenza de dúas asociacións especialistas nesa afastada galaxia. Por unha banda, estará presente o Escuadrón SAS -01. Trátase dun grupo de artistas marciais coruñeses que fan batallas con sabres de luz que constrúen eles mesmos. No salón amosarán os seus artefactos e impartirán tamén un obradoiro para aprender a crear estas espadas láser. 

Por outra banda, farán parada tamén en Pontevedra representantes da Spanish Garrison 501st Legion, unha asociación a nivel internacional que fai os traxes oficiais e móvese polo mundo facendo «misións» en colaboración con organizacións solidarias. Ao salón pontevedrés acudirá un Chewbacca cos seus dous metros de altura e todo o seu pelo marrón. «É un milagre que se xustasen esas dúas asociacións e é perfecto para montar unha propia zona. Cun photocall e talleres. Todo temático», indica Rocío Fernández.

Na Lérez Up haberá baile na zona KPOP ou nos concertos temáticos. CC-BY-SA Cedida

Grazas á Asociación de Ocionautas haberá tamén espazos sen pantallas no salón, con actividades pensadas para cativos e ofrecerán xogos ben curiosos como a Jenga ou o Tetris xigantes

Unha das zonas máis populares e que repite este ano é a de realidade virtual, con gafas de VR e posto de Simracing, que permite manexar un volante e simular que estás a conducir un coche. É un espazo moi demandado porque non sempre se ten a posibilidade de vivir unha experiencia así de realidade virtual. 

Grazas á Asociación de Ocionautas, que se encarga de coordinar as persoas voluntarias, haberá tamén espazos sen pantallas no salón, con actividades pensadas para cativos e ofrecerán xogos ben curiosos como a Jenga ou o Tetris xigantes que, loxicamente non pasan desapercibidos para crianzas e maiores.

Un neno xoga á 'jenga' xigante na pasada edición da Lérez UP. CC-BY-SA Cedida

O sábado 28 de setembro, ás 17:00 horas, celebrarase a Pasarela de Cosplay, con premios para propostas grupais, individuais e mesmo infantís. Este ano as cosplayers invitadas e xurado profesional que premiará á mellor caracterización do concurso son, por unha banda, Kaisiwiwi e MeryNyan, dúas profesionais do cosplay que foron elixidas como representantes de España para a World Cosplay Summit 2024, algo así como as Olimpíadas do Cosplay, que se celebran no Xapón. En Pontevedra programaron unha charla ben interesante para os amantes desta arte baixo o título Guía para o teu primeiro concurso de Cosplay. Por outra banda, a Lérez Up tamén contará con Akurin, unha cosplayer que gañou numerosos premios e traballou coa empresa de videoxogos Blizzard na Overwatch Cosplay Battle.  Akurin falará sobre Siluetas e tecidos para Cosplay.

Na zona de talleres, xunto cos de creación de accesorios de origami, creación de personaxes e caligrafía xaponesa, destaca o de retrato a bolígrafo, que impartirá Belén Diz deseñadora de Marín, artífice do cartel das Noites Abertas desde ano 2024.

Ademais dos cosplayers, polo escenario tamén pasarán profesionais do deseño e debuxo que achegarán claves sobre o seu traballo. É o caso de Alba Santa, artista de Pontevedra, que ofrecerá unha Guía práctica para ser autónoma e ilustradora

A música non faltará e será moi friki, por suposto, con melodías de Pokémon Digimon, animes actuais, videoxogos  e outras bandas sonoras que interpretarán Yello e Freak GZM.

Horario dos talleres da edición 2024 da Lérez Up. CC-BY-SA Cedida

Nas últimas horas a Lérez UP deu a coñecer novas actividades da man de Dornavela Edicións. Por unha banda, impartirán un taller para nenos a partir de seis anos que consiste nun Contacontos do Lobishome e a elaboración dun monicreque de guiñol con calcetín. Por outra banda, está o Torneo de Mitogali, o seu xogo de rol que viaxa pola memoria do pobo galego para recuperar os seres mitolóxicos. Ademais, organizan tamén unha charla baixo o nome O espíritu que latexa nas lendas concibida como un faladoiro aberto sobre mitoloxía, desde o seu concepto, funcións, personaxes, lendas ou iconografías. 

3.000 persoas na primeira edición

A Lérez UP naceu en 2022 da man por iniciativa da asociación de videoxogos pontevedresa Gaming Troop. Xurdiu polo empeño desta entidade, sen expectativas definidas pero a día de hoxe as aspiracións nos teñen teito. «Queriamos facer un evento que estivera na nosa cidade porque nos parecía inxusto ter que movernos a grandes cidades galegas para poder gozar dun encontro así», explica Rocío Fernández.

Desde a organización lembran que non tiñan nin idea de canta xente ía vir e ao final foron 3.000 persoas, que superaron as 4.000 na segunda edición. Veu xente de Galicia, de España ou de Portugal. E este ano xa teñen confirmada a súa asistencia persoas procedentes de Andalucía, das Illas Canarias, Barcelona ou Portugal para participar no Torneo Nacional de Smash. «É bastante grande o que se está a producir e a verdade é que o feedback que estamos a ter é moi positivo», engade Fernández.

«Queriamos facer un evento que estivera na nosa cidade porque nos parecía inxusto ter que movernos a grandes cidades galegas para poder gozar dun encontro así», explica Rocío Fernández, da Gaming Troop

Nesta terceira edición a Lérez Up mudou de datas, ao pasar de finais de agosto a finais de setembro, un cambio que entenden como unha posibilidade de crecemento xa que contan co estudantado xa nas aulas e en Pontevedra está a Facultade de Belas Artes, cun público perfecto para o salón. 

Na Lérez Up teñen lugar torneos de videoxogos e tamén se pode xogar libremente nos ordenadores e consolas. CC-BY-SA Cedida

A día de hoxe este encontro de frikis e amantes dos videoxogos está plenamente consolidado e xa forma parte do circuíto nacional que percorren os gamers por distintas cidades. «Nós non pretendemos ser os mellores pero si que o tentamos facer o mellor que podemos. E  desde a primeira edición temos mellorado moitísimo, desde a programación a poñer consigna para os cosplayers. Son moitas cousas que fomos mellorando para ver un evento mellor feito e seguro», indican desde a Gaming Troop.

 «Desde a primeira edición temos mellorado moitísimo, desde a programación a poñer consigna para os cosplayers. Son moitas cousas que fomos mellorando para ver un evento mellor feito e seguro», indican desde a Gaming Troop

O salón ten un prezo en venda anticipada de cinco euros por un día e oito polos dous. No propio recinto tamén estarán á venda as entradas, por seis euros un día e nove a fin de semana. Unha vez dentro do Recinto Feiral de Pontevedra os asistentes poderán xogar nos postos de consolas, nos ordenadores, probar as gafas de VR, ver o concurso de Cosplay ou asistir ás charlas e obradoiros. Unha morea de actividades para xogar e gozar dunha fin de semana de lecer alternativo.

A zona de realidade virtual na Lérez UP de Pontevedra. CC-BY-SA Cedida
Vanesa Vázquez

Vanesa Vázquez

Viguesa do Calvario. Comecei e aprendín en Atlántico Diario, Radio Vigo e Expansión. Cada día conta e agora contámolo en VINTE e Praza.gal. 

Tamén che interesa

  • Vinte preguntas. Presentamos o gran trivial da cultura pop-ular galega

    Que fobia lle dá nome a un grupo de rock de Boiro? Cal é a discoteca máis antiga de Galicia aínda en funcionamento? En que rede social se deu a coñecer Páramo Pictures? Quen deseñou o logo do Xacobeo 2021-2022?  Estas son algunhas das vinte preguntas que podes atopar en cada partida que botes do xogo que presentamos hoxe. 

    VINTE

    Co apoio da

  • 'Artesanías dixitais'. Arte, orgullo e un ordenador

    Un webdocumental dirixido por Antón Varela preséntanos doce creadoras e creadores galegos pertencentes a novas profesións: da programación creativa ao 'vídeo mapping', o deseño de videoxogos ou a ilustración dixital. E teñen máis en común cos vellos oficios do que podería parecer: é traballo manual, o oficio require coñecemento amplo da técnica e ferramentas, é froito de anos de experiencia e implica o desenvolvemento de  novos saberes. 

     

    VINTE na rede

    Co patrocinio de

Faite de vinte

A partir de 5€ mensuais podes suscribirte a VINTE e colaborar para que sigamos a producir contidos de calidade pagando dignamente as colaboracións de vídeo, fotografía, ilustración, xornalismo e creación de todo tipo.