Vinte preguntas. Presentamos o gran trivial da cultura pop-ular galega

Co apoio da

CC-BY-SA VINTE

Que fobia lle dá nome a un grupo de rock de Boiro? Cal é a discoteca máis antiga de Galicia aínda en funcionamento? En que rede social se deu a coñecer Páramo Pictures? Quen deseñou o logo do Xacobeo 2021-2022?  Estas son algunhas das vinte preguntas que podes atopar en cada partida que botes do xogo que presentamos hoxe. 

 

Vinte preguntas é un xogo pensado para xogar en calquera dispositivo, de maneira individual ou con ata 4 participantes, sempre que todos estean xuntos. Isto vale tanto para sobremesas de Nadal como para encontros por videoconferencia, ou como prefirades xogar. Cada xogador/a ten 4 quendas de 5 preguntas, con distintas dinámicas e nivel de dificultade. Pódense acumular puntos positivos e negativos, e quen máis positivos teña é quen gaña. E que gaña? O recoñecemento dos seus e o aplauso de toda esta xente. 

As preguntas abordan a cultura popular de amplo espectro. Se ledes VINTE habitualmente seguro que ides con vantaxe, pero tamén hai preguntas de xeografía, historia, política, deporte... aparecerán de modo aleatorio así que non te confíes, pódeche tocar de calquera tema. 

O xogo está aínda en fase piloto, pero queremos dárvolo xa a probar. Iremos facendo melloras e estreando novas series de preguntas. Por agora ídelle dando e compartide nas redes sociais. 

 

Vinte preguntas desenvolveuse co apoio da Xunta de Galicia a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística.

 

Faite de vinte

A partir de 5€ mensuais podes suscribirte a VINTE e colaborar para que sigamos a producir contidos de calidade pagando dignamente as colaboracións de vídeo, fotografía, ilustración, xornalismo e creación de todo tipo.