Apenas quedan horas para que abra as súas portas a terceira edición da Lérez Up, salón do videoxogo e a cultura friki, que se celebra esta fin de semana no Recinto Feiral de Pontevedra, e este resulta un momento perfecto para profundar nisto da cultura friki e as súas expresións artísticas.
Sabres de luz, bixutería en origami, retrato a bolígrafo, creación de monicreques, caligrafía xaponesa... Estas son algunhas das técnicas que protagonizan os obradoiros aos que se pode asistir na feira, que se complementan con charlas sobre o día a día do traballo na creación artística, con consellos moi prácticos, porque os frikis tamén facturan.
«Din que se consegues facer 1.000 grúas de papel en origami, acadas o teu maior desexo». Alan Pettinari, medio galego, medio italiano, leva xa unha década poñendo en práctica o que aprendeu no Xapón sobre a técnica dos origamis. De momento xa creou unhas 250 destas aves en papel de arroz pregado que decoran pendentes ou chaveiros. E cada prego conta.
Alan Pettinari, medio galego, medio italiano, leva xa unha década poñendo en práctica o que aprendeu no Xapón sobre a técnica dos origamis
«Nesta técnica de papiroflexia cada prego ten que estar moi ben, ao milímetro, e require moita concentración. Tes que pensar en cada prego. Non podes pensar noutras cousas polo que tamén é unha forma de relaxarse».
Pettinari estudou Cultura, sociedade e idioma xaponés na Universidade Ca’Fosfari de Venecia e en Pontevedra impartirá, o domingo, ás seis da tarde, o obradoiro Crea os teus accesorios de origami. Para completar os seus estudos fixo unha estancia de tres meses no Xapón, onde aprendeu a técnica do origami coas teas de seda que se empregan para facer os quimonos.
O tamén ilustrador comezou facendo chaveiros con origami e logo pasou a pendentes e mesmo paus xaponeses para agarrar o pelo. Todo feito con papel ou cartolina esmaltados ou con tratamento de resina para que sexan resistentes. Os pregos poden ser moi pequenos e requiren de habilidade para o seu manexo (ata 1,5 x 1,5 cm). Mais Alan Pettinari anima a deixar a un lado o medo e lanzarse á practica. «Hai que abandonar a idea do fracaso, do medo a non facelo ben á primeira. Cadaquén necesita o seu tempo», indica.
Durante o seu obradoiro de Pontevedra as persoas asistentes aprenderán a facer as formas en origami e montar os accesorios –uns pendentes ou un chaveiro- con fíos de metal e decoracións ao tempo que recibirán tamén información sobre a historia dos origamis e a cultura zen xaponesa, polo que regresarán á casa con cadanseu complemento orixinal de bixutería e un coñecemento de primeira man do país onde nace o sol.
Daqueles afastadas terras do Xapón proceden os antepasados de Yerma Harada, que exerce como profesora de xaponés na Escola Oficial de Idiomas de Vigo e que vai dar un obradoiro sobre Caligrafía xaponesa o domingo, ás 13.00 horas.
«A caligrafía xaponesa é unha arte en si mesma, como é a cerimonia do té ou a ikebana (arte floral xaponesa milenaria). É algo estético e meditativo a un tempo», explica Harada.
«A caligrafía xaponesa é unha arte en si mesma, como é a cerimonia do té ou a ikebana. É algo estético e meditativo a un tempo», explica a profesora Yerma Harada
Este obradoiro permitirá achegarse a un tipo de escritura completamente allea e moi distinta á occidental que se articula a través dos ideogramas e os silabarios. Os ideogramas son os signos, debuxos que conteñen unha idea, como poderían ser os xeroglíficos e algúns, por intuición, pódense descifrar. Estes ideogramas compleméntanse, segundo refire a profesora, cos dous silabarios de apoio, que serían como un abecedario.
Durante o taller, dirixido a todo tipo de persoas interesadas, as participantes aprenderán a escribir o seu nome en xaponés e mesmo pintarán con pincel e tinta china algún ideograma.
«O azul é o meu refuxio e o bolígrafo a miña ferramenta predilecta, precisamente polo demandante , xa que é unha técnica moi lenta e cada peza require moito tempo, e complexa que é. Require moita práctica. O feito de non poder rectificar, entre outras cousas, obrígame a superarme cada día que ao final é do máis gratificante». A ilustradora marinense Belén Diz Juncal explica así a súa forma de expresión preferida e da que dará detalle na Lérez Up durante o obradoiro Retrato a bolígrafo, previsto para o sábado, 28 de setembro, ás 16.00 horas.
Juncal, formada na Universidade de Vigo en Belas Artes, asegura que se dedica «a tempo completo a consumir bolígrafos, raiando no papel infinidade de realidades que pretenden completar a miña propia». A intimidade, a memoria, o corpo e o fogar como refuxio agroman nun traballo onde tampouco faltan representacións de personaxes carismáticos, como boa amante do cinema que é.
«O azul é o meu refuxio e o bolígrafo a miña ferramenta predilecta, precisamente polo demandante e complexa que é», asegura a artista marinense Belén Diz
O taller de Belén Diz na Lérez UP centrarase no retrato con bolígrafo, concretamente no retrato de personaxes populares que forman parte do universo friki como Aragorn, do Señor dos aneis; Lovezno, de X-men ou mesmo Jennie, do grupo surcoreano de kpop Blackpink… Os asistentes poderán elixir entre varias opcións e experimentar un primeiro contacto co bolígrafo como técnica profesional.
Na Lérez Up están programadas un bo feixe de charlas didácticas para afondar no mundo do cosplay, da mitoloxía e mesmo dos xogos indie; mais cómpre facer parada na charla que a creadora de Cotobade Alba Santa pronunciará sobre como Ser autónoma e ilustradora, o domingo 29, á unha da tarde.
Durante a súa charla Santa pretende achegar, en ton cómico, unha auténtica guía práctica para poder acadar unha estabilidade laboral facendo deseños por conta propia.
A artista explica que hai moi poucos postos de traballo para formar parte do cadro de persoal de empresas como ilustradora e o máis habitual é ter que facerse autónoma. «É un camiño difícil; unha carreira de fondo, pero pouco a pouco van saíndo as cousas. Non podes ser Roberta Vázquez o primeiro ano pero, se sabes moverte, podes facelo», defende.
Alba Santa nun primeiro momento estudou Animación e desenvolvemento de videoxogos e formouse despois en ilustración e técnicas gráficas, onde atopou a súa vocación e a súas melloras formas de expresión artística. Fíxose autónoma pola simple necesidade de poder cobrar os seus traballos e a día de hoxe confesa que paga a pena, aínda que as condicións en España para traballar por conta propia deberían cambiar para facilitar a regularización de moitos traballadores.
«Para ser autónoma hai que ser súper organizada e ser quen de derivar traballos a outras persoas. Non caer na trampa de coller máis do que poidamos abarcar para facer un bo traballo», defende a ilustradora de Cotobade Alba Santa
Santa recomenda en primeiro lugar, diversificar ingresos para minimizar os riscos e non ter medo a chamar á porta da xente, xa sexa coñecida ou que consideres que debe coñecerte para contratar un traballo.
«Para ser autónoma hai que ser súper organizada e ser quen de derivar traballos a outras persoas. Non caer na trampa de coller máis do que poidamos abarcar para facer un bo traballo», ao tempo que recomenda fortemente ter unha xestoría para que leve a cotas, e non teñas que perder o tempo da túa actividade creativa con iso.
Coa súa charla Alba Santa pretende axudar e resolver dúbidas das persoas que coma ela teñen que lanzarse a darse de alta como autónomas. «Tentarei facela en ton cómico, porque de por si ser autónoma pode ser unha traxedia», chancea a ilustradora de Cotobade.