Así se fala na túa comarca e así cho explican en Twitter

O Twitter galego leva tempo sendo un faladoiro que ten na lingua un dos seus temas favoritos. Especialmente cando se trata de compartir ou comentar expresións, palabras patrimoniais e xiros dialectais que descoñeciamos ou que pensabamos que se dicían só na nosa casa. Agora varias contas naceron para divulgar a maneira de falar do Morrazo, da Mariña ou do Bierzo, e están arrasando nesta rede.

 

Comezou a fineis de outubro a conta Así falamos no Morrazo (@FalaMorrazo), para dar a coñecer o léxico e xiros de Marín, Bueu, Cangas, Moaña ou Vilaboa. Mais non só usando os tradicionais argumentos ad avoam (“a miña avoa dicía así) senón indo cos tempos, porque hai moita fala propia do Morrazo que utiliza a xente nova, ou que se usa para nomear cousas que non existían antes. Por exemplo, un pantalón agaiteirado

Ou ben actualizando os referentes que podemos sinalar coas palabras que usaban os nosos e avoas. Por exemplo, Brienne de Tarth (Xogo de tronos), é a definición de mazulana

Aos poucos días de aparecer @FalaMorrazo chegou Así falamos na Mariña (@FalaMarinha), collendo a fórmula que iniciaron os do sur de chiar unha definición acompañándoa dunha imaxe ben escollida a e rotulada. Pero esta foi moitísimo máis alá en produtividade: en menos de dúas semanas xa levan máis de 500 chíos e superan o milleiro de seguidores. O seu éxito tamén se debe a que conectan moi ben coas máis simples paixóns humanas: o beber, o sexo, o procrastinar, o chocolate… 

E isto non quita o rigor nas definicións e na etimoloxía de cada expresión, que non só consiste en saber latín ou grego.

Mais non só se trata dos temas, a forma de comunicar é moi importante e @falamarinha está a ser todo un exemplo de xestión da conversa en torno ao tema que traballa. Non para de recibir suxestións doutros usuarios e de interactuar con eles. 

Outra das razóns do éxito destas contas é o ben que se apoian na cultura do meme e nos comentarios de actualidade para ilustrar as pecularidades lingüísticas de cada zona, demostrando que se poden usar en contextos actuais e na conversa pública do día a día. Algo fundamental para manter unha lingua viva, rica, diversa e tamén divertida. 

O último territorio por incorporarse ata o de agora é @FalaBierzo. Esta conta nace cun obxectivo extra, que é o de dar a coñecer que nesta comarca leonesa tamén se fala galego. Co seu léxico e características propias, por exemplo a gheada, algo que pode sorprender a moitos.

Posiblemente vaian aparecendo outras contas que con esta fórmula divulguen e actualicen as singularidades lingüísticas de cada zona.  Polo de agora a aparición de @FalaMorrazo, @FalaMarinha e @FalaBierzo están a ser celebradas con beizóns, favs e RTs e supoñemos que son firmes candidatas aos premios informais que nos últimos anos entrega o Galitwitter para rematar o ano.

 

Tamén che interesa

  • Neofalantes en Twitter: "O meu propósito deste ano é falar galego"

    Un espectro percorre o Twitter, ou polo menos un pequeno andazo. O ‘efecto Sabela’ obrou a súa maxia e este Nadal puidemos ver como varias persoas bastante novas facían público na rede social o seu própósito para o ano novo: pasar a falar total ou parcialmente en galego. A comunidade do galitwitter acolleunos con entusiasmo e animounos a seguir a pesar dos comentarios algo desalentadores que reciben no mundo real

    Lingua
  • 17 de maio. Así se vive en Youtube o Día das Letras Galegas

    Vídeos institucionais, manifestos sobre (ou contra) as palabras máis bonitas do galego, cancións, bailes, animacións e todo tipo de homenaxes escolares a Antonio Fraguas. Cada ano por estas datas Youtube galego énchese de boas palabras e de imaxes para celebrar as nosas letras. Aquí facemos unha escolma do mellor e tamén de algún aaargh que debería poñernos en alerta sobre que entenden por “galego” as novas xeracións. 

    Pantallas
  • Vinte soños que a xente contou en Twitter

    Soñar é de balde e usar Twitter tamén. Hai xente que segundo acorda o primeiro que fai é poñelo nas redes sociais, ás veces só para non esquecer o soño, outras veces porque o surrealismo é algo que paga a pena compartir. No último día do ano mergullámonos no subconsciente da mocidade galega para traervos esta escolma dos mellores soños que a xente compartiu durante este 2018. 

    Rede

Faite de vinte

A partir de 5€ mensuais podes suscribirte a VINTE e colaborar para que sigamos a producir contidos de calidade pagando dignamente as colaboracións de vídeo, fotografía, ilustración, xornalismo e creación de todo tipo.