Algúns momentos que non esqueceremos deste verán que remata

VINTE

Remata un verán algo estraño no climatolóxico e máis aínda no político, e para despedilo queremos lembrar algúns dos momentos que máis celebramos nas redes. Como a memoria en internet é curta cómpre que ergamos acta dos pequenos hypes que conquistaron os nosos corazóns, ou a máis banal viralidade.  

Remata un verán algo estraño no climatolóxico e máis aínda no político, e para despedilo queremos lembrar algúns dos momentos que máis celebramos nas redes. Como a memoria en internet é curta cómpre que ergamos acta dos pequenos hypes que conquistaron os nosos corazóns, ou a máis banal viralidade.  

  • 01

    Sofía e seu pai bailando ao son de Xabier Díaz

    “Esa bailadora que bonita é”, cantaba o músico coruñés embobado, como todo o público, co garbo de Sofía a bailar co seu pai Álex na Xira de Ribadeo a comezos do pasado mes de agosto. O vídeo colgouno o propio Xabier Díaz na súa páxina de Facebook e leva perto de cen mil visualizacións. 

  • 02

    O fío de Ovidio González o día que se xubilou dos Deportes da TVG

    O xornalista foi dos primeiros traballadores da TVG, nunha redacción de Deportes que cando empezou só tiña catro persoas. Estreáronse o 24 de xullo de 1985, día da primeira emisión da canle pública, cun partido da NBA entre os Celtics e os Lakers. Ovidio González retirouse este verán e publicou un fío en Twitter que contén auténticas xoias do arquivo da Televisión de Galicia, coas primeiras retransmisións deportivas en galego. Unha lección de memoria e orgullo para seguir a defender os medios públicos. 

  • 03

    A explosión do Náutico do Grove

    Xa levaba anos sendo un segredo a voces que o Náutico de San Vicente do Mar é fogar de artistas e un lugar onde concertos e encontros musicais inesperados suceden para goce da comunidade de veraneantes que se xuntan neste recuncho das Rías Baixas. Grazas ás redes sociais e tamén á serie documental estreada en Flooxer este verán (El Náutico, dixirida por Alberto Baamonde) o hype disparouse e o xa Náutico de segredo ten pouco. Dan boa fe a chea de vídeos coa sala a reventar este verán para ver músicos, moitos deles de Madrid, que xa pelexan por tocar alí: Angel Stanich, Coque Malla, Jorge Drexler, Marlango, Love Of Lesbian… a salientar, o concerto sorpresa que deron Vetusta Morla ou o man a man entre Leiva e Iván Ferreiro. Aquí un adianto íntimo que tivo ducias de miles de visionados. 

  • 04

    A pequena obra de arte de Carla en Twitter

    O que parecía non ser máis que o entretemento dunha tarde de verán na aldea, compartido en Twitter por unha rapaza chamada Carla conseguiu facerse viral, non só con case dez mil ‘favs’ e 1700 rechouchíos, senón tamén como inspiración para que outras usuarias fixesen o mesmo. Realidade aumentada de andar pola casa, e todo un exercicio casual de arte, memoria e evocación. 

  • 05

    A foto do verán no Resurrection Fest

    Desde as primeiras edicións do Resurrection Fest en Viveiro sempre se destacou o carácter do público metaleiro: parecen duros, como a música que escoitan, pero son moi boa xente. Esta foto que distribuíu o festival nos días posteriores á edición deste ano e que axiña se fixo viral en todos os medios é todo un exemplo de solidariedade e emoción compartida que leva aínda máis alá a boa sona do festival. 

  • 06

    A outra foto do verán: quen é o que está con Abel Caballero?

    Entre as súas múltiples obrigas como alcalde de Vigo, Abel Caballero fai de presentador en moitos dos concertos que organiza o concello no parque de Castrelos. Este ano teloneou a Lauryn Hill, Rick Astley ou Thirty Seconds to Mars, a banda de Jared Leto. De todos eles hai fotos co alcalde no instagram deste, mais a do alcalde co excéntrico actor foi a que correu como a pólvora polas redes, retándonos a nomear un dúo máis icónico ca este, ou preguntándose quen lle pediría facer a foto a quen. 

  • 07

    O monte Neme ‘challenge’

    Primeiro a xente metíase no lago do Monte Neme ignorando que esas augas de cor turquesa son unha balsa tóxica dunha mina de wolframio. Pero que tan bonitas quedaban as fotos no Instagram. Logo a xente empezou a avisar: mira, que é unha porcallada bañarse aí. Despois chegaron os proídos, as burlas e a viralidade. E, en reacción, os negacionistas que desafían o sentido común e os seus seguidores bañándose alí de maneira consciente, como Fraga en Palomares, convertendo a temeridade en todo un desafío para as redes. Os premios Darwin están cada vez máis disputados en prol do postureo disfrutón

  • 08

    A grande noite de Galicia no festival de Lorient

    A música folk e tradicional galega viviu este verán un dos seus maiores fitos, sendo a nosa a nación convidada de honra no festival intercéltico de Lorient. Durante a segunda semana de agosto na cidade bretoa estiveron presentes máis de 300 músicos da delegación galega: titáns como Milladoiro, Marcedes Peón ou Carlos Núñez, artistas máis novos como Davide Salvado, Aliboria ou Tiruleque, bandas como Son de Seu ou a de gaitas de Forcarei. O punto álxido foi esta gala da que o Festival nos ofrece un resumo en Youtube. 

Faite de vinte

A partir de 5€ mensuais podes suscribirte a VINTE e colaborar para que sigamos a producir contidos de calidade pagando dignamente as colaboracións de vídeo, fotografía, ilustración, xornalismo e creación de todo tipo.