Ten 25 anos, é de Meira e está revolucionando Instagram coas fotos que pon dela e do seu traballo. Ata aquí sería coma calquera instagramer, pero Laura é gandeira e traballadora forestal e a súa paixón son as motoserras, os tractores e as desbrozadoras.
”Cando viña alguén cunha máquina a traballar á nosa casa, aínda non acababa e xa estaba eu pedíndolle que me deixara andar con ela”. A que fala é Laura Vallejo de 25 anos e deixa ben claras as súas preferencias. Vive cos seus pais en Cabana, concello de Meira, onde teñen unha explotación gandeira. Ademais axúdalle ao seu mozo, que ten unha pequena empresa no sector forestal e deste xeito xunta na súa vida todo o que lle gusta: os animais, o rural e as máquinas.
O éxito que ten nas redes comezou pouco a pouco, case sen decatarse. “Eu tiña un Instagram normal, coas miñas fotos coma calquera, pero empecei a subir algunhas co que realmente me gustaba, que eran os tractores e as motoserras e á xente encantáronlle”, conta a meirega. En apenas catro meses os seguidores chegaron xa a 3.000 e detrás deles chegaron as marcas.
Un día quixo facerlle algo de publicidade a un coñecido que ten unha tenda de venta e reparación de maquinaria forestal na Pontenova. Ela compráralle un pantalón e uns tirantes da firma Husqvarna e subiu unha foto ao Instagram etiquetando o amigo e a marca. Din que a Galicia rural se divide entre Stilh ou Husqvarna (o Madrid e o Barça das motoserras). Laura Vallejo é de Huqsvarna e a súa sorpresa foi incrible cando viu ao día seguinte que tiña unha mensaxe da marca sueca propoñéndolle unha colaboración. Desde hai un mes Huqsvarna patrocina a gandeira máis mediática da provincia de Lugo.
Laura é plenamente consciente do mundo de homes que a rodea e da repercusión que pode ter noutras rapazas: “Gústame que se vexa que nós tamén podemos traballar no monte. Cando chego para un traballo e hai alguén que nunca me viu, antes de empezar sempre fai algún comentario, pero así que empezo a traballar xa está“. A ela gustaríalle que a situación da muller no mundo forestal estivese máis normalizada, como acontece noutros países: “En todo o norte de Europa é moi normal que haxa mozas traballando no sector forestal. A min escríbenme de Suecia polo Instagram e cambiamos opinións sobre algunha máquina ou felicítanme polas fotos”. Esa é a razón de que teña a conta tamén en inglés. A súa sona xa chegou a outros lugares, como por exemplo Chile, de onde recibiu tamén mensaxes. No vídeo que segue vémola facendo unha pasada co espelidor (ollo, leva case 4000 visionados).
Unha das súas viaxes máis importantes foi co seu mozo a Suecia, precisamente para mercaren unha máquina grande. “Os antigos donos da máquina escríbenme preocupados cando ven nas fotos que tivo algunha avaría”, describe Vallejo. A Suecia volverán dentro de dous anos a Elmia Wood, a feira forestal máis importante do mundo, onde se pode ver a maior cantidade xunta de maquinaria en condicións reais de traballo.
Laura Vallejo disfruta co seu traballo e co seu Instagram, para o que non fai ningunha preparación especial: “Gústame sacar as fotos naturais, e se estou coas mans manchadas de graxa pois vai así”. Cando se lle pregunta por outras afeccións non ten moita resposta: “Non teño tempo para moito máis nin para afeccións. Gústame o normal, viaxar, coma todos”. Cando se lle pregunta pola súa máquina preferida non ten dúbida: “ a min o que realmente me encanta é a motoserra”.