As redes sociais, e ímonos centrar en Twitter, convertéronse na fiestra principal ao entroido este ano. Alén de iniciativas veciñais ou institucionais para entroidar na casa, as manifestacións espontáneas, alimentadas pola memética e a performance doméstica, multiplicáronse de diversas maneiras. Aquí algunhas das que máis nos chamaron a atención. Recompilámolas para que queden de lembranza do Entroido máis estraño.
A tristeza dos máis devotos
Non todo o mundo lle ten tanta devoción ao Meco, pero calqura pode empatizar con aqueles que si o viven como os mellores días do ano e desta vez teñen que quedar na casa.
Para isto as fotografías que fixo no seu día Tono Arias para o libro Encarnados, antes de que unha pandemia obrigase a celebrar o Entroido de portas para dentro, son agora máis tristes ca nunca. Aquí as compartía Jesús Castro como parte dun dos mellores fíos que hai en Twitter. Tedes moitos máis retratos similares no Instagram de Tono Arias.
Mais as máscaras do Entroido non teñen por que quedar deprimidas na casa. Poden seguir cumprindo unha función social. Emocionaron moito estas fotos de Brais Lorenzo cos boteiros repartindo cabrito polas casas en Vilariño de Conso.
E tamén as manifestacións espontáneas da xente sacando o Entroido ao pé da casa.
O silencio das rúas de Laza ou de Xinzo estaba presidido por faixas que reivindicaban que o espíritu do Entroido é, ante todo, a colectividade.
De todos xeitos, como non aproveitar o paradoxo de que neste 2021 é cando se ven máis máscaras ca nunca.
Porque se pode conectar a realidade coa fantasía e este presente distópico co noso pasado. De novo, Brais Lorenzo:
E como estamos xa metidos de cheo nun filme de ciencia ficción, por que non facer un avatar de Peliqueiro para xogar ao Among Us?
Ou cigarróns e pantallas a base de pixelart.
A gastronomía
Aquí xuntáronse dous fenómenos: a tradición dos últimos anos de compartir fotos de filloas e orellas nas redes + a pandemia mundial, que nos impide 1) ver ás avoas e nais que tradicionalmente nolas fan, 2) resistirnos a calquera gordallada que se poida probar a facer na casa con fariña e ovos. Aí vai un pouco de filloaporn.
Mais non só de filloas vive o Entroido, claro.
E mesmo a xenial conta O tempo en emojis nos brindou este anticiclón filloeiro.
As mellores comparsas domésticas
Non podelo festexar na rúa non quita que se poida celebrar o Entroido entre convivintes e poñer esmero no disfraz coma se fose o concurso da vila. Só que o desfile faise polas redes sociais.
Os premios aos mellores disfraces individuais lévanos dous escritores, unha das foto é de plena actualidade e outra é vintage.
É máis, Diego Giraldez levaba un tempiño descansando das redes sociais. E o seu regreso co disfraz de Cayetano foi tan celebrado que tivo que facer unha aclaración pública.
#VivaAntes
A foto de Dávila lévanos a o último xénero que imos explorar aquí, os chíos nostálxicos. Se non temos Entroido hoxe, revisemos o de onte. Sexa este 'onte' o ano pasado ou hai un século.
Efectivamente, queda xa menos para volver ás rúas, e que as únicas pantallas protagonistas sexan as de Xinzo. Rematamos cun clásico atemporal.