Vinte na rúa, con Rubén López. «Se o queixo non gusta, dá igual onde vaia metido, non tes nada que facer»

Coa colaboración de

Rubén López Rancaño, xerente de Lácteos Lorán. CC-BY-SA VINTE

Rubén López, fillo dos fundadores, é o xerente de Lácteos Lorán, queixaría que leva 50 anos producindo e ‘inventando’ produtos lácteos desde unha parroquia de Abadín onde naceu tamén o seu mítico lema: “Con pan ou sen pan, coma queixos Lorán”. 

Das viaxes como comercial e da distribución porta a porta nos seus inicios di que lle xurdiron as mellores ideas, como aquela de vender un queixo nun recipiente de barro e que parecía unha tolemia. “Tivemos que comprar tráilers enteiros cheos de cazolas”, di sobre unha iniciativa que segue tendo éxito. Pero a clave, aclara, é outra: a calidade. “Se o queixo non gusta, dá igual onde vaia metido, non tes nada que facer”. 

Con pan ou sen pan, coma queixos Lorán”. O icónico lema foi ideado a mediados dos anos 70 por José López, logo de que xunto á súa muller, María Rancaño, puxese en marcha unha pequena queixaría en Abadín. Aquela modesta empresa familiar, que cuns 500 litros de leite podía vender medio cento de quilos e unhas poucas caixas pola Mariña, produce a tal hora 5.000 quilos diarios de queixo que se distribuén en 5.000 puntos de venda a través de máis de 20 referencias distintas. 

Foron aló xa 50 anos dunha empresa que continúa en Gontán, parroquia dun concello que apenas supera os 2.000 habitantes, e que mantén tamén un lema inalterable e efectivo coma poucos. “A frase foi cousa de meu pai, que xunto á miña nai ten todo o mérito disto... Eu só son a continuidade”, di Rubén López Rancaño, fillo dos fundadores e xerente de Lácteos Lorán.

Rubén López Rancaño, xerente de Lácteos Lorán, entrou na empresa familiar con 18 anos. CC-BY-SA VINTE

Réstase méritos pero os que o coñecen saben que non debería. “O orgullo é por meus pais, polos que comezaron isto”, insiste quen dá as claves dunha empresa que non parou —nin para— de buscar a innovación, de ser pioneira, “de darlle moitas voltas á cabeza”. “Hai veces que acende a luz, pero para que acenda hai que probar moitas veces e errar outras tantas”, resume Rubén, que entrou en Lácteos Lorán con 18 anos e foi aprendendo ata que pasou a asumir máis responsabilidades tras a morte de seu pai con 65. 

Con pan ou sen pan, coma queixos Lorán”. O icónico lema foi ideado a mediados dos anos 70 por José López, logo de que xunto á súa muller, María Rancaño, puxese en marcha unha pequena queixaría en Abadín

Antes, dedicouse durante anos a exercer de comercial, buscar puntos de venda e percorrer Galicia de punta a punta. “Era aí onde podía ver as posibilidades nosas e as da nosa competencia, e foi nesas viaxes onde me deu tempo a discorrer, a darlle moitas voltas á cabeza para innovar, para intentar diferenciarnos”, explica quen segue botando de menos ese labor. “Agora teño moito máis choio na fábrica e menos tempo para o que de verdade me gustaba”, conta Rubén, que se ergue cada xornada ás 5:30 da mañá para botar case todo o día nunha fábrica onde traballan unhas 30 persoas. “E sábados e domingos estou aquí ata ás 5 da tarde tamén. Ten que gustarche moito o que fas, non hai outro segredo”, explica o xerente dunha firma que factura entre 6 e 7 millóns de euros anuais. 

Naquelas viaxes e nas doutros compañeiros e compañeiros pon unha das claves. Lácteos Lorán foi a primeira compañía do sector en Galicia que distribuíu os queixos en autovenda, evitando intermediarios e distribuidores, levando o produto directo da fábrica ás tendas. 

“As empresas usaban almacéns para situar o produto pero nós iamos directamente; esa foi a gran vantaxe porque estabamos en contacto continuo co cliente, que nos ía informando se os queixos tiñan moito ou pouco sal, se estaban demasiado duros... Eramos inexpertos e iamos corrixindo”, explica sobre os comezos da empresa, que ten aínda unha frota propia de once furgóns refrixerados con rutas diarias. 

A clave foi “a sona” que colleu Lorán. “A sona de que non dabamos fabricado o que nos pedían”, di entre risas. “Porque era certo!

Naqueles inicios, continúa Rubén, a clave foi “a sona” que colleu Lorán. “A sona de que non dabamos fabricado o que nos pedían”, di entre risas. “Porque era certo! Empezamos vendendo pola costa da Mariña e de súpeto pedíannos catro ou cinco caixas para unha tenda e nós só podiamos mandarlles tres queixos... Ninguén imaxinaba cal era a situación da compañía, tan pequena e con tan pouco volume de produción”, di. 

Pero a cousa foi medrando. Ao éxito dos queixos uniuse outro “fundamental”: o das terrinas de requeixo. E Lorán expandiuse por toda a Mariña, o Ortegal, Ferrolterra... E chegou á Coruña, onde repartía directamente nos ultramariños tan habituais daquela. “Na cidade había varias en cada barrio, case en cada portal, e foi así como nos fomos introducindo... Chegamos a ter 300 puntos de venda antes de que chegasen as grandes superficies”, asegura. Cando chegaron, Lorán acabou por estar en todas elas e vendendo en toda Galicia, parte de Asturias e León para introducirse logo en todo o mercado español a través de El Corte Inglés. 

Algúns produtos de Lácteos Lorán. CC-BY-SA VINTE

Foi nunha convención deste grupo de distribución, hai xa moitos anos, onde Rubén aplicou unha das ideas que cavilou naquelas longas rutas en coche por Galicia. Aínda que todos o considerasen unha tolemia. Pensou en sacar ao mercado un queixo cremoso presentado en cazola de barro, unha idea que presentou en El Corte Inglés malia que ninguén da súa contorna lle vía futuro. 

Rubén López pensou en sacar ao mercado un queixo cremoso presentado en cazola de barro, unha idea que presentou en El Corte Inglés malia que ninguén da súa contorna lle vía futuro. "Tivemos que comprar tráilers enteiros cheos de cazolas”, explica 

“Dixeron que moi ben e que me dirían algo en quince días... Nunca pensei que me chamarían nin estaba seguro de que puidese levalo a cabo, pero chamaron e tivemos que comprar tráilers enteiros cheos de cazolas”. Unhas 10.000 ao mes seguen chegando á fábrica de Abadín en camións e, aínda que intentou encargalas en Galicia, non había quen lle puidese facer tantas. 

“Sempre pensamos que se acabaría saturando o mercado porque aínda non sei que fai a xente con tanta cazola, pero vese que se van pasando dunhas casas a outras porque o queixo segue vendéndose con éxito”, conta sorrindo. 

“Tivemos imitadores que pensaron que a clave era meter o queixo nunha cazola, pero tan fácil non é. Se o queixo non gusta, non tes nada que facer, dá igual onde vaia metido”, resume Rubén nunha frase que reivindica outro dos seus principios: priorizar por riba de todo a calidade. 

“Esa é a nosa diferenza. Vendemos caro sen alcanzar volumes moi altos; sabemos que os nosos queixos adoitan ter prezos máis altos que outros nos supermercados ou que a nosa barra de queixo en liscos adoita ser a do importe máis elevado, pero é porque usamos as mellores materias primas e dedicamos o tempo que faga falta a mellorar os produtos”, explica.

“A elección do callo, do leite, do fermento... Aí non regateamos nada malia que hai unhas diferenzas de prezo bestiais entre unhas calidades e outras"

“A elección do callo, do leite, do fermento... Aí non regateamos nada malia que hai unhas diferenzas de prezo bestiais entre unhas calidades e outras. Se non o facemos mellor será porque non podemos, pero non porque non empreguemos a mellor materia prima, centrándonos tamén no benestar animal”, di Rubén, que reivindica o campo galego. “Cando empezamos era un desastre e as condicións do leite non sempre eran as mellores, pero agora é unha marabilla”, engade quen non para, como di, de “darlle á cabeza”. 

Rubén López Rancaño, xerente de Lácteos Lorán con produtos da súa marca. CC-BY-SA VINTE

“Esa é a clave; está todo inventado e o mercado é cada vez máis global e con maior competencia, pero iso hai que seguir creando”, explica. En Lorán, Rubén pelexa ultimamente para poder lograr facer un queixo con viño e outro con castañas. “Ha de acender a luz”, confía, como cando lle deu por crear un queixo, o Camiño do Gozo, que introduciu nunha pequena caixa de madeira e coa vieira do Camiño de Santiago debuxada na codia como reclamo. “É un produto gourmet que se vende moito en Compostela, polo sabor e a calidade e tamén porque é un recordo, un agasallo”, di. Outra idea, como os queixos de dez quilos coa cruz de Santiago gravada ou os que presumen de Muralla de Lugo. 

Rubén López pelexa ultimamente para poder lograr facer un queixo con viño e outro con castañas

Iniciativas, todas, desde o mesmo lugar onde comezaron seus pais. “É un orgullo estar onde estamos, integrados, dando emprego á xente da zona... Aínda que só fose por agradecemento ao trato, isto é o que hai que facer: estar aquí”, resume quen, con todo, segue tendo “envexa” de quen reparte ou fai labor de comercial. “Segue gustándome máis estar fóra, na rúa”.

Miguel Pardo

Miguel Pardo

Entre A Coruña e o Ortegal. Antes en La Opinión, Depor Sport, L-V ou Xornal de Galicia. Co-autor de La imagen del mundo árabe y musulmán en la prensa española (2010, Fundación Tres Culturas).

Tamén che interesa

Faite de vinte

A partir de 5€ mensuais podes suscribirte a VINTE e colaborar para que sigamos a producir contidos de calidade pagando dignamente as colaboracións de vídeo, fotografía, ilustración, xornalismo e creación de todo tipo.