Alexandre López, adestrador e educador canino “Cómpre entender os cans, a personalidade e carácter de cada individuo”

Coa colaboración de

Alexandre López Campos e Eevee, o seu border collie de tres anos. CC-BY-SA Vanesa Vázquez/VINTE

Educación fronte a castigo. Alexandre López Campos é adestrador e educador canino. Entusiasta do seu traballo, asegura que moitas veces as persoas están moi centradas no foco do problema –o can bótase ás bicis, ladra, morde…- mais non reparan nas causas. E, con frecuencia, só se trata de reaxustar condutas. Para iso formula programas educativos onde analiza aspectos como se están ben cubertas todas as necesidades básicas do can. “Por exemplo, un border collie adoita necesitar entre seis e sete horas de desgaste físico, aínda que depende de cada individuo”, asegura. Se non se cumpre ese tipo de necesidade básica, xa podemos saber unha causa de comportamento inadecuado. 

 

Nunca é tarde para moitas cousas. E para os cans tampouco. Alexandre López Campos leva anos estudando o comportamento destes animais e aplicando programas de educación canina adaptados a cada individuo. Si, porque as razas e os tamaños determinan moitas formas de ser ou actuar mais as experiencias vividas e as pautas do día a día tamén condicionan, e moito, o comportamento animal.

Alexandra López con Eevee, Basilia e Nala. CC-BY-SA Vanesa Vázquez/VINTE

“Moitas veces o que atopo é que a xente está moi centrada no foco do problema, mais non nas causas. Todo o mundo ten claro que o seu can é malísimo porque ladra, bótase ás bicis ou morde, pero non pensan en educalo antes”, refire o adestrador e educador canino.

"Todo o mundo ten claro que o seu can é malísimo porque ladra, bótase ás bicis ou morde, pero non pensan en educalo antes”, refire o adestrador e educador canino"

Alexandre Campos sempre tivo cans na casa e tras un proceso de baixa no seu traballo, decidiu formarse e dedicarse a axudar na educación dos cans e os gatos. Estudou para ser educador nunha escola privada e fixo cursos en campos como comportamento condutual coa etóloga (veterinaria experta en comportamento canino) Mariona Monros, de Natural Gos. “Con ela profundei nos aspectos do comportamento, inseguridade e medos e todos os anos me formaba noutras destrezas como habilidades ou deportes como pode ser o canicross, agility, saltar obstáculos”, explica.

Alexandre López Campos dirixe o centro de adestramento canino Oracan. CC-BY-SA Vanesa Vázquez/VINTE

Foi así como creou o centro de adestramento canino Oracan, en Vigo, mediante o que desenvolve programas educacionais a través da obediencia e o entendemento do comportamento do can. Nestes programas fai un plan para redirixir un comportamento concreto cunha análise do día a día do can na casa. “Non para todos os cans vale o mesmo”, puntualiza. Moitas veces os cans sofren inseguridades debidas a experiencias negativas, pero iso hai que sabelo, detalla. “É fundamental o entendemento condutual, saber por que o can ladra a unha persoa, se é medo ou inseguridade baseada nun feito concreto”, di.

Na súa análise unha das primeiras cousas que comproba é se están ben cubertas todas as necesidades básicas do can. “Por exemplo, un border collie adoita necesitar entre seis e sete horas de desgaste físico", asegura

Na súa análise unha das primeiras cousas que comproba é se están ben cubertas todas as necesidades básicas do can. “Por exemplo, un border collie adoita necesitar entre seis e sete horas de desgaste físico, aínda que depende de cada individuo”, asegura. Entón, se non se cumpre ese tipo de necesidade básica, isto pode ser unha causa de comportamento inadecuado. “Cómpre entender as fases do cans, a personalidade e carácter de cada individuo”, asegura.

Nala e Basilia 'posan' no Sofá mirando a Alexandre López, que está xunto a Eevee. CC-BY-SA Vanesa Vázquez/VINTE

Alexandre López fala con paixón do seu traballo e incide sempre na educación fronte ao castigo. “Moitas veces trátase só de reaxustar pautas”. Para saber como abordar cada caso, o primeiro que fai é unha entrevista para informarse de que acontece co can todo o día e profundiza en aspectos como a alimentación, o xogo, a socialización e as experiencias coñecidas, como se foi atacado, por exemplo. A continuación avalía o comportamento concreto polo que foi chamado. “Con todo isto levo o can á miña casa e desenvolvo o programa educacional, para darlle ferramentas tanto ao animal como a persoa”, explica. 

Cada vez hai máis xente que se preocupa tamén pola educación do can, a súa xestión emocional e a convivencia con outros individuos

Tradicionalmente as persoas con cans preocupáronse máis polo tema do adestramento, que refire ensinar ao animal a desenvolver habilidades para o xogo, o deporte, a detección de substancias ou mesmo a defensa persoal. Pero cada vez hai máis xente que se preocupa tamén pola educación do can, a súa xestión emocional e a convivencia con outros individuos. “O tema educacional sempre nos parece caro, pero pode aforrarte un desgusto se tes cans que o necesitan”, di o adestrador e educador canino.

O adestrador canino Alexandre López Campos na súa tenda. CC-BY-SA Vanesa Vázquez/VINTE

Alexandre López comezou en 2019 co adestramento, educación e paseos e hoxe en día ten tamén unha tenda en Vigo chamada , Bewy and Co, que lle dá soporte no día a día e facilita ferramentas como a alimentación ou os xoguetes axeitados. “Eu podo axudar ás persoas que se deixan asesorar e se fían da miña profesionalidade. O que me importa é que entendan que lles pasa aos cans, por que ouvean á vida e que o individuo estea estable”, explica.

"O que me importa é que entendan que lles pasa aos cans, por que ouvean á vida e que o individuo estea estable”, explica Alexandre López Campos

Cada día introducimos máis os cans nas nosas vidas, pero López salienta que nunca hai que esquecer que como cans que son teñen as súas propias necesidades como olfactear, aínda que a nós non nos guste que o fagan.

Vanesa Vázquez

Vanesa Vázquez

Viguesa do Calvario. Comecei e aprendín en Atlántico Diario, Radio Vigo e Expansión. Cada día conta e agora contámolo en VINTE e Praza.gal. 

Tamén che interesa

  • Vinte no Asalto ao Castelo. Feirantes, en Vimianzo

    “A realidade é que agora traballo moito máis do que traballaba como asalariada e gaño menos, pero son máis feliz”. Raquel Barreiro traballa co coiro e grava con láser. É unha artesá, que vai polas feiras vendendo cousas fermosas que fai ela mesma.  José Del Castillo leva tres anos nos mercados. “Tiven outras aventuras de vida, pero esta chamábame hai tempo. Precisei dunha crise persoal, dunha ruptura, para dar ese paso e mudar de vida”, asegura. 

     

    Neste Vinte na rúa estival, achegámonos ao Asalto ao Castelo, en Vimianzo, e coñecemos as historias de artesás e artesáns que adoitan percorrer as feiras e gozar co recoñecemento do seu traballo feito á man.

    VINTE na rúa

    Coa colaboración de

  • Margó Gayoso, tocadora e mestra de pandeireta e canto "Ser de aldea e tocar a pandeireta é un orgullo”

    Primeiro foi o baile, con apenas cinco anos, no cole como actividade extraescolar. Despois chegaría a gaita, o acordeón, a pandeireta, a percusión doméstica coas cunchas, tixolas, sachos ou latas de pemento … e o canto, claro, porque todo está relacionado. Nesta nova entrega do Vinte na rúa coñecemos a Margó Gayoso, unha rapaza de Saiáns (parroquia de Vigo con moita entidade de seu) e unha recoñecida tocadora e mestra de pandeireta e canto.

    Hoxe en día mantén a súa actividade como docente en Saiáns, mais tamén imparte aulas no Fiadeiro de Vigo, en Moaña ou en Coruxo, onde tamén forma parte do histórico grupo de pandeireteiras A Buxaina. A súa traxectoria inclúe tres discos gravados coas Tanxedoras e numerosas recollidas para se formar e poder ensinar a música tradicional galega con toda a súa riqueza e espontaneidade.

    VINTE na rúa

    Coa colaboración de

  • Inma Mato, profesora de historia e surfeira: "Collín unha onda no meu primeiro día na auga e foi unha explosión de endorfinas, un subidón"

    "As nais non surfean", foi o primeiro que lle dixeron os seus fillos cando decidiu compartir con eles os seus desexos de se divertir canda eles e deixar de ser unha espectadora das súas clases de surf. E abofé que o fixo. Inma Mato é profesora de historia e fai surf sempre que pode, para asombro dalgúns. "Que é iso de que a profe de historia fai surf?", din no instituto. A primeira vez que colleu unha onda foi inesquecible. "Lembro coller impulso, poñerme de pé e virme esa sensación… ese subidón…iso que é como unha explosión de endorfinas. Non aguantei nada enriba, pero o mal xa estaba feito: collera unha onda no meu primeiro día na auga, e xa estaba enganchada", asegura. O único que lamenta é non ter comezado antes. 

    VINTE na rúa

    Coa colaboración de

Faite de vinte

A partir de 5€ mensuais podes suscribirte a VINTE e colaborar para que sigamos a producir contidos de calidade pagando dignamente as colaboracións de vídeo, fotografía, ilustración, xornalismo e creación de todo tipo.