Vinte no Asalto ao Castelo. Feirantes, en Vimianzo

Coa colaboración de

Ricardo Soto, Maite Caldas, Raquel Barreiro, José del Castillo e María Viqueira, no mercado do Asalto ao Castelo de Vimianzo. CC-BY-SA Javi Quiroga

“A realidade é que agora traballo moito máis do que traballaba como asalariada e gaño menos, pero son máis feliz”. Raquel Barreiro traballa co coiro e grava con láser. É unha artesá, que vai polas feiras vendendo cousas fermosas que fai ela mesma.  José Del Castillo leva tres anos nos mercados. “Tiven outras aventuras de vida, pero esta chamábame hai tempo. Precisei dunha crise persoal, dunha ruptura, para dar ese paso e mudar de vida”, asegura. 

Neste Vinte na rúa estival, achegámonos ao Asalto ao Castelo, en Vimianzo, e coñecemos as historias de artesás e artesáns que adoitan percorrer as feiras e gozar co recoñecemento do seu traballo feito á man.

Raquel Barreiro, co seu posto de artesanía, en Vimianzo. CC-BY-SA Javi Quiroga

Raquel Barreiro: “Gústame esta vida máis libre"

 

Todo o que vendo son pezas propias. Traballo o coiro e gravo con láser. Todo o que ves —ata os expositores— fíxeno eu.

Traballei durante anos como educadora nun centro de menores en Valencia. En teoría tiña todo o que se supón que debes ter para ser feliz: traballo estable, parella e amigos, pero pese a iso non me sentía ben. Chegou un momento no que me dixen: “Mira, se non tomas ningunha decisión, esta vai ser a túa vida durante os próximos 40 anos. Quérela?”. E decidín que non. Volvín para a terra hai un ano, e estou feliz, aínda que a cousa non é doada. Estou na loita.

Se che digo a verdade, eu non tiña experiencia ningunha co coiro, pero, por algún motivo, sempre me chamou a atención. Merquei a máquina para gravar nese punto de inflexión que che contaba e comecei a xogar con ela. De repente xurdiron as Xovencas, unhas vacas que falan da mocidade feminista galega. Puxenas á venda en tendas de Lalín, sen pensalo moito, e á xente encantáronlle. Iso motivoume moito e xa non parei. A realidade é que agora traballo moito máis do que traballaba como asalariada e gaño menos, pero son máis feliz.

Esta é a miña primeira feira soa e, ata agora, quitando este vento que parece que me quere levar o posto, vai todo ben. Á xente gústalle moito o que fago e véndese, pero, a día de hoxe, se che digo a verdade, sigo tirando de aforros. Agora teño tenda tamén en Lalín e claro, entre autónomos, alugueiro, luz, internet… vaise unha pasta. Por unha parte, angústiame, pero por outra son consciente de que estou empezando e que aínda me teño que dar a coñecer e chegar a máis xente. No que máis fallo é no mundo das redes, así que por aí é por onde vou mellorar.

Non coñecía a experiencia de facer algo de cero ti mesma, poñelo á venda e que á xente lle guste e cho recoñeza. De asalariada nunca tiven esa sensación. 

Gústame esta vida máis libre.

José del Castillo: "Precisei dunha crise persoal, dunha ruptura, para dar ese paso e mudar de vida"

 

Vivo en Cáceres. Entereime por uns amigos deste evento e decidín vir probar sorte. Non sei moi ben de que vai aínda. Entendo que é unha recreación dun evento histórico. Penso que ten que ver coas revoltas irmandiñas. Ireime enterando. (risas)

Son debuxante e fago árbores, sobre todo. O que sucede é que para min non son só árbores, teñen un sentido, un simbolismo. Sinto que as árbores son exemplos de como deberiamos de vivir os seres humanos. Elas saben prosperar dando e non só tomando e teñen sinerxías co resto dos seres. Eu douche o meu froito para comer e ti dixírelo e plantas a semente. Tamén teñen conexións entre elas e cos fungos. Para min son un exemplo de como ese discurso de que a natureza é a loita pola vitoria dos máis fortes é falso. Gustaríame vivir coma unha árbore

Xa levo tres anos dedicándome aos mercados. Tiven outras aventuras de vida, pero esta chamábame hai tempo. Precisei dunha crise persoal, dunha ruptura, para dar ese paso e mudar de vida.

José del Castillo. CC-BY-SA Javi Quiroga

O camiño está a ser duro pero bonito. Non é fácil vivir da arte e eu estouno conseguindo. Desgraciadamente, pouca xente pode dicir iso. Tiven sorte, xente que me axudou, e tamén traballei duro.

É un xeito de vida no que sempre hai sorpresas e que sinto que me axuda a coñecerme a min mesmo. Tamén noutras cousas: parte da miña crise existencial tivo que ver con ter unha visión un tanto escura da humanidade. Esta profesión está a mudar iso. Estou a atopar moita xente bonita que me está a axudar moito. Ao final, cando estás na rúa vendendo, pasan moitas cousas. É algo que resulta incluso difícil de verbalizar.

María Viqueira: "O máis bonito é a aceptación da xente, ver como lles gusta o que fas"

 

Estou coa miña nai hoxe aquí en Vimianzo. É o terceiro ano que vimos. Facemos roupa e complementos bordados á man.

Somos de Ordes, pero temos a tenda-taller en Santiago, preto do Museo do Pobo Galego. A verdade é que acabamos facendo isto un pouco por casualidade. Eu xa traballaba no sector, pero deseñei unha camiseta para min —unha que teño por aquí e que é de David Bowie— que á xente lle encantaba. Eu non tiña idea de vendela, pero era tan chamativa que a xente me paraba pola rúa e me preguntaba por ela. Empecei a vendelas e a deseñar máis. Fixen unha de Rosalía, outra de Castelao…, vin que funcionaban e pensei: “Aquí pode haber algo”.

María Viqueira, cunha das súas creacións. CC-BY-SA Javi Quiroga

Facemos feiras de artesanía todo o verán xuntas e traballamos moi ben. Gústame, pero tamén che digo que é cansado, porque traballo todos as fines de semana de feira en feira e despois paso a semana no taller, producindo. Non descansamos.

Pese a iso, é guai. O máis bonito é ver a aceptación da xente, ver como lles gusta o que fas e como che felicitan. Tamén o ambiente que hai cos compañeiros. Ao final coñeces a todo o mundo e fas amigos e ata pandilla.

Maite Caldas: “O ambiente cos outros feirantes é fantástico”

 

Chámome Maite e vendo téxtil: fundas de pandeireta, bixutería bordada á man, bolsos e mochilas. Todo o que ves aquí, todo, fágoo eu.

Do que máis orgullosa estou é das fundas, a verdade. Son un acerto. Son algo que vai coa nosa cultura e que me encanta. Empecei a facelas sen esperar moito, un pouco por casualidade, e tiveron moitísimo éxito. Para min é un xeito de tirar polo noso.

Cóntoche que esta non é a miña ocupación principal, eu son decoradora de interiores. O que sucedeu foi que durante a pandemia, no momento en que todo estaba parado, comecei a facer cousas no taller que teño na casa para pasar o tempo. Ao principio daba o que facía como agasallo, pero enseguida notei que gustaban e dixe: “Por que non?” 

Estou moi contenta.

Maite Caldas vende os seus deseños en téxtil. CC-BY-SA Javi Quiroga

É unha vida que me gusta e tamén un xeito de saír da rutina do meu traballo principal. E o ambiente cos outros feirantes é fantástico. Aínda que todos estamos a vender, o que prima aquí é que somos compañeiros. Axudámonos, dámonos consellos… sempre estamos dispostos uns para os outros. Iso é o importante.

Polo demais, este é o meu primeiro ano aquí, pero xa noto que a xente valora o que fago. Non é algo que pase en todas as feiras, que che digan: “Que bonito!”, ou: “Que orixinal, que idea tan chula…”, pero aquí estame a suceder. Que che recoñezan que o que fas non é nin típico nin habitual, pero é algo que me gusta moito, claro.

Ricardo Soto- Clube de Esgrima Histórica Falcata: “A cultura marcial europea é moi potente e, ao mesmo tempo, moi descoñecida”

 

Este momento de pelexas con pistolas de auga é moi malo para nós, que as nosas armas sofren moito (risas). Xusto nos colles baixando o toldo. 

Somos un clube de artes marciais históricas europeas. O que facemos é estudar e ensinar os sistemas de combate da antiga Europa, dende o Imperio Romano, pasando pola Idade Media e o Renacemento, e chegando ata a época napoleónica. Se hai unha espada, interésanos.

A nosa sede está en Vigo, pero hoxe estamos en Vimianzo. Imos facer demostracións de como loitaría un cabaleiro da época que se representa no Asalto ao Castelo, que é a metade do século XV. Mostramos a espada dunha man e o escudo broquel, que é pequeniño e redondo. Tamén os escudos grandes e as espadas bastardas. Tamén imos demostrar como combatiría un soldado cunha armadura posta.

Eu levo vinte anos no clube. Dende entón participei en moitas festas históricas, tanto en Galicia coma no resto de España. Non é algo que faga por cartos, claro —eu son profesor de instituto—, senón porque me entusiasma a historia. Ademais, en xeral, a xente sabe pouco dela. A cultura marcial europea é moi potente e, ao mesmo tempo, moi descoñecida. As artes marciais europeas estaban tan desenvolvidas como as orientais, pero a xente non o sabe. Todo o mundo recoñece que un samurái era moi bo coa espada. A realidade é que un cabaleiro medieval europeo tamén o era.

Son cousas que temos que poñer en valor, non cres?

Javi Quiroga

Javi Quiroga

Javi Quiroga conta historias da xente e failles fotos. Despois compárteas en VINTE, en O Novo Normal, ou onde lle cadre. Vive na Coruña.

Tamén che interesa

  • Margó Gayoso, tocadora e mestra de pandeireta e canto "Ser de aldea e tocar a pandeireta é un orgullo”

    Primeiro foi o baile, con apenas cinco anos, no cole como actividade extraescolar. Despois chegaría a gaita, o acordeón, a pandeireta, a percusión doméstica coas cunchas, tixolas, sachos ou latas de pemento … e o canto, claro, porque todo está relacionado. Nesta nova entrega do Vinte na rúa coñecemos a Margó Gayoso, unha rapaza de Saiáns (parroquia de Vigo con moita entidade de seu) e unha recoñecida tocadora e mestra de pandeireta e canto.

    Hoxe en día mantén a súa actividade como docente en Saiáns, mais tamén imparte aulas no Fiadeiro de Vigo, en Moaña ou en Coruxo, onde tamén forma parte do histórico grupo de pandeireteiras A Buxaina. A súa traxectoria inclúe tres discos gravados coas Tanxedoras e numerosas recollidas para se formar e poder ensinar a música tradicional galega con toda a súa riqueza e espontaneidade.

    VINTE na rúa

    Coa colaboración de

  • Inma Mato, profesora de historia e surfeira: "Collín unha onda no meu primeiro día na auga e foi unha explosión de endorfinas, un subidón"

    "As nais non surfean", foi o primeiro que lle dixeron os seus fillos cando decidiu compartir con eles os seus desexos de se divertir canda eles e deixar de ser unha espectadora das súas clases de surf. E abofé que o fixo. Inma Mato é profesora de historia e fai surf sempre que pode, para asombro dalgúns. "Que é iso de que a profe de historia fai surf?", din no instituto. A primeira vez que colleu unha onda foi inesquecible. "Lembro coller impulso, poñerme de pé e virme esa sensación… ese subidón…iso que é como unha explosión de endorfinas. Non aguantei nada enriba, pero o mal xa estaba feito: collera unha onda no meu primeiro día na auga, e xa estaba enganchada", asegura. O único que lamenta é non ter comezado antes. 

    VINTE na rúa

    Coa colaboración de

  • Vinte na rúa, con Daniel Bolívar, 'manitas' e escritor «Xa vou tendo tantos libros publicados como unha editorial pequena»

    «Son oficial retirado da mariña venezolana. Cando estás en alta mar, a ferraxaría queda lonxe e as cousas estropéanse igual, así que tes que apañarte co que hai a bordo e aprender a reparar o que sexa. Ésa foi a miña escola de manitas… e de moitas outras cousas». Neste novo Vinte na rúa coñecemos a historia de Daniel, que traballa arranxando cousas pola Coruña ao tempo que escribe exitosas novelas e ensaios históricos. Dúas facetas dunha vida que ben merecería un libro de seu.

    VINTE na rúa

    Coa colaboración de

Faite de vinte

A partir de 5€ mensuais podes suscribirte a VINTE e colaborar para que sigamos a producir contidos de calidade pagando dignamente as colaboracións de vídeo, fotografía, ilustración, xornalismo e creación de todo tipo.