Capítulo 19: "A confesión"

© Pepa Prieto Puy

Brais foi escollido no casting do CDG. A súa familia celébrao eufórica. Xela, malia a distancia dos últimos tempos, tamén se sente conmovida polo triunfo do seu mozo.


 

—De verdade que me alegro por ti, Brais —murmurou Xela ao se deitar ao seu lado na cama aquela tarde.

Brais, malia que todo daba voltas ao seu redor por mor do viño, e do champaña, constatou, coa lucidez repentina que só se atinxe a partir de determinados niveis de embriaguez, un feito insólito: a nula comunicación entre o seu corpo e o corpo da súa moza. A cabeza dela, que outras veces se acoplaba ao seu peitiño coa exactitude coa que encaixan dúas pezas contiguas nun quebracabezas, mostrábase agora incapaz de atopar acougo, tan a desgusto coma un vegano nunha churrascaría. Volvéranse, de repente, dúas achas de leña mollada, incapaces de prender na paixón que antano os consumía con inusitada viveza.

—Pois nótote especialmente distante.

—Ti si que estás distante, Brais, dende que empezou o curso de teatro.

—Que queres dicir?

—É como se a profesora te abducise coas súas excentricidades e eu, de repente, che parecese unha tipa insubstancial.

—Cres iso?

—Eu si, acaso ti non o cres?

—Eu?

—Si. Responde.

—Non sei. Non creo que sexa así como dis... 

—Tampouco vexo que o negues.

—Pois...

—Tivestes algo? Enganáchesme con ela?

Xela fixera a pregunta encollida, amoucada, expresando coa mirada o temor a unha resposta afirmativa que daba por certa.

—N...non —tatexou Brais—, como podes pensar iso?

Daquela Xela rompeu a chorar, incapaz de controlar as súas emocións.

—Pois eu si que te enganei, con Adrián. Vímonos varias veces. Que queres? Ultimamente fixéchesme sentir moi soa!

Brais non agardaba unha confesión semellante. Tardou un tempo en comprender o seu significado, nubrado como tiña o entendemento por mor da borracheira.

—Pensaba que ti tamén me enganabas —lamentouse Xela—. Pérdoame por ter desconfiado de ti.

Algo sucio agromou no interior de Brais, incapaz de asumir a verdade diante da súa moza. Alén diso, a revelación da infidelidade de Xela con Adrián ferírao no seu orgullo.

—Estou moi namorada de ti, Brais. Non sei por que o fixen. Queirámonos como nos queriamos ata antes de que aparecese ela.

A cabeza de Xela acoplouse finalmente ao seu torso espido.

—Por que non falas? É que non me vas perdoar? —Sentou ás carranchapernas sobre o seu mozo e arrandeouse insinuante—. É que xa non me queres?

O formidable talento de Brais alcanzou de novo a súa máxima expresión. Penetrou a Xela devagar.

—Por suposto que te quero! —berrou entre xemidos. E o orgasmo mesturouse coa borracheira, producindo unha estraña sensación de autoestima. Fundíronse a realidade e o sono. El era Brais. El era o mozo de Xela, el era o amante de Talía, el era o actor elixido, o actor desexado, o actor dotado dun talento inigualable... Agarrou os peitos de Xela, devorounos coa voluptuosidade de quen ataca un acio de uvas zumarentas—. Por suposto que te desexo. —O actor e a persoa mesturábanse pois tal e como lle aprendera Talía, nun verdadeiro actor non pode haber límites que separen o teatro da vida.

 

Corinna Marx

Corinna Marx

Corinna Marx (Stuttgart, 1983) é un nome novo nas letras galegas, mais ten unha ampla traxectoria no seu país, Alemaña, como autora de novela romántica e guionista de telefilmes. Desde hai dez anos veranea no Grove e por fin se animou a escribir unha ficción en galego con referencias ademais moi claras ao mundo do teatro actual. 

No capítulo anterior

  • Capítulo 18: "O veredicto"

    Brais e os seus pais van comer xuntos ao Dezaseis. A espera polo veredicto do tribunal faise interminable. Conseguirá o papel ou non? Pase o que pase, a súa vida e a súa relación con Talía mudarán para sempre.

    Escándalo no CDG
  • Corinna Marx “O escándalo é a materia principal dunha boa historia”

    Corinna Marx (Stuttgart, 1983) é un nome novo nas letras galegas, mais ten unha ampla traxectoria no seu país, Alemaña, como autora de novela romántica e guionista de telefilmes. Desde hai dez anos veranea no Grove e por fin se animou a escribir unha ficción en galego con referencias ademais moi claras ao mundo do teatro actual. A partir do 3 de agosto poderemos ler por entregas en VINTE “Escándalo no CDG”. 

    Literatura

Faite de vinte

A partir de 5€ mensuais podes suscribirte a VINTE e colaborar para que sigamos a producir contidos de calidade pagando dignamente as colaboracións de vídeo, fotografía, ilustración, xornalismo e creación de todo tipo.