As probas para a nova produción do CDG están cada vez máis próximas. Talía e Brais traballan arreo para estaren preparados cando a data sexa estabelecida finalmente.
—O 22 de decembro. Temos menos dun mes.
Talía fora recibilo á porta verde do xardín, malia o frío de novembro que a carón do Sarela viraba inclemente. Brais non entendía a que se refería, pero compracíase na emoción que se apreciaba no fondo dos seus ollos.
—A proba! Acaban de publicar a data na web do CDG. Quédannos tres sesións para mallar o personaxe.
Un arreguizo de emoción percorreu a espiña dorsal do rapaz, que logo colleu a Talía entre os seus brazos para enchela de bicos.
A relación entre os dous mantiña a paixón dos primeiros encontros; co paso do tempo, no entanto, fórase revestindo dunha tenra complicidade. Un amor incipiente abríase paso máis alá das veleidades do desexo. Talía abandonaba aos poucos a súa coiraza. A súa mirada alucinada desaparecera coa confianza; ría e falaba despreocupadamente de calquera asunto, mesmo dos máis intranscendentes, o que convencía a Brais de que a súa suposta pedantería era ante todo unha máscara para lle ocultar a súa timidez ao mundo.
—Xa tes o personaxe! —repetía ela orgullosa cada vez que repasaban unha escena—. O papel ten que ser para ti.
—De verdade o pensas? —preguntaba Brais inseguro.
—Por suposto. Non concibo que ninguén poida facelo mellor. Só temo que alguén intente enchufar os alumnos da ESAD. Ese é o noso principal problema a estas alturas. En todo caso, que non sexa por falta de traballo! Deámoslle outra volta.