A colleita da música atlántica. Discos clave de 2022 e o que xa está á volta da esquina

O ano 2022 consolida a tendencia positiva da música no territorio atlántico, escollemos unhas mostras inmellorables que proban o excelente estado de saúde da nosa escena musical nestes anos de auténtica prosperidade creativa

 

Que en Galicia levamos uns anos de intensa prosperidade creativa queda perfectamente subliñado en 2020 e 2021, con colleitas moi produtivas. Neses dous anos, o panorama estilístico galego ampliou o seu gran angular a través dunha serie de obras ricas en formas e ambición. Ortiga, Baiuca, MounQup, CRNDS, Marco Maril, Malandrómeda, Carlos Ordóñez, Xosé Lois Romero & Aliboria. A lista é longa e contrastada, tanto como a que nos trouxo 2022, un ano que consolida a tendencia positiva a través dunha serie de LPs e EPs, dos que escollemos unhas mostras inmellorables, á hora de probar o excelente estado de saúde que se vive en territorio atlántico.

Dentro do colorido crisol de discos proposto, o primeiro que xorde é a sensación dunha música cada vez máis políglota nas súas diferentes formas de expresión. Dende a vía electrónica abstracta xerada por Death Whistle ata o pop mostrado por Chicharrón, no seu disco máis intenso e cru ata a data, xorden diferentes movementos do cubo de Rubik que nunca nos dan cunha cara definitiva definida, aínda que si marcan tendencias cada vez máis evasivas, fronte a unha militancia na procura das correntes en voga, ben desde a resentida esencia rural do trap orquestrado por Boyanka Kostova, ben desde o apego sen reservas á tradición de Antía Muíño, ambos protagonistas de “Ranaeira” e “Carta Aberta”, respectivamente.

Maríagrep © Raúl Quintiana

Antía Muíño pertence a Raso Estudio, selo discográfico dirixido polo xornalista Alan Queipo, do que xurdiron nos últimos anos propostas tan relevantes para a música galega, como as de Baiuca e Ángela Pardal. Desta mesma casa tamén procede Mariagrep, que xa advertira no seu engaiolante debut que a súa proposta contiña suficientes reivindicacións para apoiar demostracións de pop poliédrico tan actuais como as que se exhiben en Detox, seu disco máis recente.

Dende o Raso tamén nos chegou Intimidade, unha nova exposición de Blanco Palamera, na súa persoalísima maneira de sementar a urban music con novos códigos e significación.

Quen tamén forma parte desta mesma liga é a viguesa Dani, que xa leva dous anos subindo con coherencia cara ao estrellato, e que este ano nos ofreceu Drum & Bossa, unha forma deliciosa de seguir sumando frontes sonoras a unha proposta que, ante todo, busca a hipnose baixo as luces de neón da discoteca.

Ademais do impresionante feixe de discos editados baixo a denominación galega, este ano tróuxonos o éxito brutal de Baiuca co seu Embruxo Tour, que viviu unha sucesión de sold outs nun momento no que as salas de concertos sofren máis que nunca a tiranía festivaleira.

Blanco Palamera © Sharon López

Por outra banda, hai que falar da disolución de Novedades Carminha, seguramente o grupo galego con maior repercusión mediática nos últimos anos, tras a publicación de Ultraligero.

Precisamente, a ruptura da banda santiaguesa propiciou o inicio do proxecto en solitario de Carlangas que, tras dous singles de adianto do seu primeiro LP, promete dar moito que falar co seu primeiro álbum, do que teremos novidades nos próximos meses.

Os que tamén están a piques de lanzar o seu novo disco son Músculo!, cuxo título xa podemos adiantar que será Ulla, e cuxo efecto en directo xa puidemos ver nas súas actuacións do Noroeste Pop Rock e do Sinsaldeste ano. Para os que puidemos escoitar o que nos prepararon, hai que dicir que poucas veces o espírito do infinito Remain In Light, de Talking Heads, tivo unha mutación tan fascinante como a que propón o grupo de Valga (Pontevedra).

Outro que en calquera momento nos vai regalar unha nova fazaña discográfica é Emilio José, de quen só podemos prever que a súa volta será faraónica, no sentido máis amplo da palabra. Lume é outro do que levamos moito tempo agardando para ampliar as calidades creativas de Faino ti mesmo, o seu fabuloso primeiro LP, que poderemos degustar en breve.

Manuel Seixas © Ferror Records

Na mesma liña tradicional de vangarda levada por Lume, podemos engadir a Caldo que, producidos por CRNDS, prometen chegar moi lonxe co seu próximo traballo discográfico. Aínda que por presenzas atronadoras non hai que esquecer nunca a LaMontagne & PicoAmperio, que acaban de estrear Algo que sinalar, o seu esperado debut discográfico, no que recolleron de forma superlativa todas as virtudes que xa levan demostrando dende hai tres anos sobre as táboas en festivais como BAM, Monkey Week ou Periferias.

Quen tamén levou con gran éxito a riqueza das nosas raíces fóra de Galicia é Sheila Patricia. Non só publicou o seu disco máis relevante ata a data, con Orixe, senón que foi a única representante galega no WOMEX, onde triunfou cun set de profundo magnetismo visceral.

Non podemos rematar este repaso do que foi 2022 sen falar de Garza, o noso James Holden particular, autor de Interferencias; sen dúbida, un dos discos máis abraiantes en materia electrónica, entre todos os publicados este ano. Neste mesmo apartado está o gran Carlos Ordóñez, quen se gañou o premio de EP do ano, aquí e fóra de Galicia, co sublime Un círculo helado. Por certo, ambos discos dos cada vez máis importantes Ferror Records.

LaMontagne & PicoAmperio © PlayPlan

Os que tamén merecen a distinción de disco do ano son Malandrómeda, no seu caso dentro da vertente hip hop. Non en balde, o seu EP Rapeiradas é unha nova demostración de ata onde pode retorcer a súa proposta o grupo máis alucinóxeno da nosa xeración.

Como broche de ouro, O estraño karaoke do home bata é, sen dúbida, o disco máis intenso e ambicioso que nos aportou este 2022. Unha obra de vida e/ou morte na que o poeta Manuel Seixas derramou vísceras, corazón e mirada plural para poder amosar un dos exorcismos máis devastadores do século. Absolutamente imprescindible. Tanto como a necesidade de seguir o ronsel daqueles que nos seguirá traendo a imparable fábrica de música atlántica, que parece vivir nun estado gozoso de folga á xaponesa. 

Marcos Blanco Gendre

Marcos Blanco Gendre

Xornalista anti postureos, non son "the voice of my generation"… nin gañas que teño.

Máis Vinte

Faite de vinte

A partir de 5€ mensuais podes suscribirte a VINTE e colaborar para que sigamos a producir contidos de calidade pagando dignamente as colaboracións de vídeo, fotografía, ilustración, xornalismo e creación de todo tipo.