Mariagrep. Soños de pop multicolor

Si un día é o primeiro disco de Mariagrep, nova fichaxe de Raso Estudios, a mesma casa de Baiuca e Blanco Palamera. A artista compostelá con base en Madrid debuta mesturando electropop onírico, trap, reggaetón con letras «medio tristes e medio dramáticas», como vén correspondendo á súa xeración. 

 

Precisamente con Blanco Palamera hai unha conexión moi directa, que chega a ese punto de entender o pop destes últimos anos como materia prima suxeita a todo tipo de mutacións. Neste caso, cunha das mostras minimal máis prometedoras no que vai de ano. Unha que, xunto co debut de Verde Prato e o memorable novo EP de Rebe, é unha mostra máis da brillante xeración de mulleres novas que están a expandir o campo de batalla no actual panorama do pop.

Mais cal é o punto de partida dunha artista con espírito renovador como é esta compostelá afincada en Madrid?

«A verdade é que o meu caso foi algo aleatorio. O meu contacto coa música viña de dous anos estudando piano. Despois deixeino, e sen máis. En realidade comecei a facer vídeos e a subilos a YouTube. Nun momento dado cansoume non ter a miña propia música para facelos. Hai tres ou catro anos, un día estaba no parque con Manuel Blanco, de Blanco Palamera. Ás veces tocaban cancións trap como unha broma. Entón un día escribín unha letra, con autotune, e saíu unha canción. A partir disto pensei: "Ei, está ben, podería facelo". Ao principio eran cousas súper sinxelas. Ata que chegou un día en que, co que eu sabía de piano e o que podía inventar, comecei a escribir algunhas cancións, pouco a pouco. E un ano despois de comezar a escribilas publiquei un disco».

En Si un día, hai neosoul, bedroom pop e incluso sons ambient. Pero cal é a túa educación musical para acadar un híbrido tan persoal?

«Obviamente. De nena escoitaba pop, cousas como La Oreja de Van Gogh, Estopa, cousas que soaban na radio. Teño irmáns maiores. E un día dixéronme, “escoita isto”. Entón foi cando comecei a escoitar rap e toleei. E despois chegou o trap e toda esta apertura musical. Non foi nada intencionado. Ao final todo o mundo escoita de todo e o que sae faino de xeito natural. Tendo só dous anos de formación musical e sen ter claro como se facía unha canción, estaba sacando cousas e mesturándoas. Para o álbum fixen os bosquexos, as demos. Paseillas a Manu e el xa fixo un son moito máis completo».

© Raúl Quintiana

A marxe de non saber como se fan certas cousas abre a subxectividade. No seu caso, acentuados polos poderes da intuición. Debido a esta forma de abordar o acto creativo, o álbum está composto por cancións onde destaca a diferenza entre a fase inicial das cancións e o resultado final.

«A que máis cambiou foi "Un poquito", que é un pouco máis reggaetón. O meu irmán fai bases musicais. Collín unha das súas cancións e escribinlle as letras. Pero era súper tranquila. Entón, como xa levaba demasiado tempo e necesitaba outra cousa, collín a letra e improvisei unha melodía. Paseilla a Manu só co piano, e el deume a parte do reggaetón. Se escoitas a primeira parte da canción e a última, son completamente diferentes. É por iso que as letras son medio tristes ou medio dramáticas, por así dicilo. Ese contraste débese a que a canción non naceu así».

Os extremos estilísticos concéntranse en sete cancións, catorce minutos, altamente cromáticos. Por exemplo, unha canción como "Entre tú y yo" pouco ten que ver coa cumbia electrónica de "Un poquito" ou coa produción trap de "Limpio". En todo momento reflíctese a necesidade habitual dos debuts: querer condensar todas as túas referencias musicais nas cancións elixidas.

Máis alá do exuberante tapiz estilístico tecido, outra cousa que personaliza o seu traballo é o punto onírico de texturas. Como vivir dentro dun soño: «Cando gravo case nunca hai unha soa voz. Sempre intento usar harmonías porque non creo que a miña voz teña moito aquel. Non é unha voz súper especial, pero usando as harmonías paréceme un pouco máis interesante. Creo que todo isto sae un pouco porque de pequena ía á igrexa. Sempre me encantou como facían alí as harmonías. Así que foi como buscar o punto típico do canto gregoriano. Iso dálle ese ton soñador».

Condensar todo este imaxinario nas cancións converteuse nunha empresa na que tivo moito que ver Manuel Blanco, cincuenta por cento do dúo Blanco Palamera, de quen María explica a súa importancia na construción das cancións que conforman este encadeado magnético de sonoridades pop siglo XXI:

«Aínda que o proxecto leva o nome de Mariagrep, a parte de Manu é a metade do disco, literalmente. Deille as demos e mesturounas, masterizounas. Sen el non sairía nada. El deulle un ton psicodélico e púxolle moitos efectos. Ao final as cancións son moi sinxelas. Porque tamén hai outra cousa, que fixen as cancións a través dunha descarga de Ableton e piratearon o meu ordenador. Collín un trauma e só puiden gravar en oito pistas. Entón cando llo pasei foi moi sinxelo. Despois, sabendo que tiñamos algo así, comezamos a tocar cos efectos, a mesturar voz e música. El foi dando a dirección das cancións».

© Raúl Quintiana

Baseado na brúxula de Manuel, pero, sobre todo, na presenza onírica de María, Si un día pertence a un grupo de discos que amosan un patrón común no pop electrónico, cada vez máis confesional e íntimo, pero porque esta tendencia é algo tan común, precisamente, na música de masas de hoxe en día. Hai un illamento social tan forte, a pesar das redes?

«Teño unha cousa, cando estou feliz non podo escribir. Cando escribo é porque estou triste, enfadada ou pasou algo negativo. Entón collo o meu teléfono móbil e escribo. Ou estou no meu cuarto, teño o piano alí e logo empezo a escribir. É algo que quero amosar porque me encanta escoitar música. Si, gustaríame facer cousas máis felices. De feito, xa teño un par de cancións máis optimistas. Non fago cousas coa intención de expoñerme. Ao final, é o que teño. Non é algo intencionado, pero si queme gustaría cambiar un pouco.»

Ata a data de hoxe, o eco de "Si un día" está crecendo de xeito progresivo pero imparábel. É unha receita segundo os gustos actuais, aínda que para alguén que estea dando os seus primeiros pasos na industria pode ocorrer que «ás veces é algo que me sorprende, como cando entras Spotify no teu perfil de artista e diche cantas persoas te están escoitando nese preciso momento. E doume conta de que aínda non son consciente e pregúntome quen está escoitando unha canción miña. Libereina e aí está. Pero non son consciente de que a xente a escoite. É un pouco raro».

BFlecha, Mariagrep, Laura LaMontagne & PicoAmperio, a música galega con rostro feminino está marcando as pautas para a renovación do formato pop dende diferentes frentes. Unha xeración con moito que dicir, sobre a que María explica que «hai xente que está a conseguir cousas diferentes, pero paréceme que hai anos todo era igual. Estabas escoitando algo novo e parecía que xa o escoitara antes. Creo que a xente está animándose a pensar que, de acordo, non ten por que ser igual, podes facer cousas diferentes, o que tamén vai estar ben.»

Marcos Blanco Gendre

Marcos Blanco Gendre

Xornalista anti postureos, non son "the voice of my generation"… nin gañas que teño.

Tamén che interesa

  • Vinte almorzando con Blanco Palamera

    Estreamos colaboración con Deleite: unha serie de reportaxes en vídeo nas que entrevistaremos a talentos emerxentes do noso país mentres almorzamos con eles no seu contorno habitual. E empezamos con Blanco Palamera, un dúo compostelán de pouco máis de vinte anos que están a ser unha das grandes revelacións do ano co seu pop electrónico con toques de música negra (jazz, soul, rnb, bossanova).

  • BFlecha. No arco da vella dixital

    Se hai unha figura que representa mellor ca ninguén a explosión musical electrónica producida en Galicia nos últimos anos, esa é a viguesa Belén Vidal, máis coñecida como BFlecha dentro do circo pop.

    Música
  • Dani. O pop dos nosos días

    Autora de Veinte, un dos elepés que darán que falar cando remate o ano, a viguesa Dani Costas é unha das esperanzas máis sólidas e imaxinativas do que, desde hai tempo, debería ser entendido como o pop dos nosos días. Igual que o R&B do século XXI é a raíz de todo.

    Música

Faite de vinte

A partir de 5€ mensuais podes suscribirte a VINTE e colaborar para que sigamos a producir contidos de calidade pagando dignamente as colaboracións de vídeo, fotografía, ilustración, xornalismo e creación de todo tipo.