BFlecha. No arco da vella dixital

Se hai unha figura que representa mellor ca ninguén a explosión musical electrónica producida en Galicia nos últimos anos, esa é a viguesa Belén Vidal, máis coñecida como BFlecha dentro do circo pop.

 

Discos coa entidade de Kwalia (2017) abriron camiño máis alá das nosas fronteiras, mesmo a nivel internacional. Catro anos despois de comprobar que a súa non era unha aparición puntual nin moito menos, regresa con ExNovo, o seu traballo máis ambicioso ata o día de hoxe.

O seu novo LP é un imaxinario policromático onde caben técnicas de produción de trap, o R&B do século XXI, hip hop intergaláctico e a sombra da electrónica cubista feita por xente da talla de Oneohtrix Point Never e Holly Herndon. Cibernética intelixente programada con sorpresas instrumentais e líricas que estenden o seu grande angular ata niveis insospeitados, marcado por unha tendencia progresiva cara a caligrafías máis minimalistas. Pero que cambiou nestes catro anos entre Kwalia e ExNovo no proceso de produción? A esta cuestión, BFlecha responde que «foi un proceso de aprendizaxe no que continuar perfeccionando a forma e as ideas do proxecto. Algúns xa estaban presentes en Kwalia, pero a súa intención e carácter reforzáronse aínda máis. As experiencias que tiven nos últimos anos e as transformacións no campo da música fixéronme reafirmar aínda máis como en quero abordar o meu proxecto, como presentalo, facer os concertos...

En ExNovo tamén hai unha evolución sonora respecto a Kwalia. Quizais o mundo no que vivimos, esa inercia que nos leva correndo por todas partes, saturándonos de información e desactivando a nosa capacidade de pensar, provocoume a necesidade de buscar espazos baleiros, de retardar o tempo... E isto, traducido na música, chegou en forma de texturas máis minimalistas, deixando máis espazo para voces e instrumentos orgánicos que representan o humano, o espiritual, deixando espazo para o silencio, dándolle igual importancia á música.

Non é un álbum escapista, ao contrario, é un álbum que polo menos, no meu caso, busca comprender o contexto no que estamos e me dá a enerxía necesaria para non entregarme ao pesimismo dominante e avanzar nun xeito construtivo e útil».

Neste sentido, tal como subliña Belén, «ExNovo é un paso máis, unha parada nunha ruta sen chegada». Un no que entra en sons que xogan coas matemáticas máis axitantes da electrónica actual, levada a cabo por xigantes como Holly Herndon, Arca e Oneohtrix Point Never. A través deste xeito máis orgánico e libre, ábrense novas vías de expresión máis alá da electrónica de club anglosaxón: «Aínda que me gusta moito a música de club e creo que aínda está presente na miña música, este disco pediume que baixase os tempos e así atopar máis espazo para as voces e destacar os conceptos detrás das letras», responde ela. «Reducir a información na música e combinar ambientes ou texturas dixitais con instrumentos orgánicos máis próximos: gaitas, pandeiros, paus, pedras do monte Galleiro... Nun mundo global, no que as influencias proveñen de internet, no que case todos acabamos vendo o mesmo, creo que apoiarse no que un ten preto fai que teña un carácter máis seu e sincero».

ExNovo fai equilibrismos entre a ruta máis experimental e unha patente máis directa e pop, resultando nun híbrido moi emocionante. Pero como atopar ese equilibrio entre as dúas partes e que pesa máis das dúas? «Para min, a idea foi buscar sempre o equilibrio entre os dous. O meu primeiro lanzamento foi Ceja de Carnival / Kosmic Lovers (Arkestra Discos 2010). Creo que ese single representou moi ben ese contraste, esa dicotomía que está presente en todos o meu traballo, e durante todo este tempo a idea foi atopar un equilibrio entre os dous. As miñas influencias están polos dous lados e intento crear unha simbiose entre ambos. Ningún dos dous pesa máis que o outro pero forman parte de min, a partes iguais».

«Nun mundo global, no que as influencias proveñen de internet, no que case todos acabamos vendo o mesmo, creo que apoiarse no que un ten preto fai que teña un carácter máis seu e sincero»

Entre as sorpresas ocultas na súa actual gravación, unha canción como “Enantiómeros” está baseada nun texto inédito do poeta e novelista Xavier Queipo, na que é a súa primeira incursión na linguaxe de Rosalía de Castro. «Para min o galego é a lingua que representa á familia, a miña avoa falábame nela cando eu era pequena. Pero ademais dese vínculo familiar, tamén me parece que é unha linguaxe que ten unha enorme forza para a arte pola súa musicalidade e expresión.

Coñecía a Xavier dende hai tempo e cando lin Home invisible os seus poemas chegáronme moito. Pasoume varios textos e cando lin o de “Enantiómeros” sentín que encaixaba perfectamente co resto do disco. Ata a actualidade eu sempre escribín as letra das miñas cancións, así que é a primeira vez que canto sobre os textos doutra persoa. Para que a lingua siga viva ten que ser quen de expresar as preocupacións do seu tempo, estar á vangarda. Creo que Xavier reflícteo moi ben nos seus textos. Sendo científico e escritor, é capaz de atopar un equilibrio entre ciencia e poesía».

ExNovo chega nun momento especialmente fértil para a escena electrónica galega, pero para alguén que lidera esta tendencia expresiva, onde están as figuras máis interesantes da actualidade? «As figuras máis interesantes atópoas na xente que me rodea, como Mwëslee, Judah, Pablo Martín, Elecesar, Royce Rolo, Kongo la Costa, DL Blando, Kaixo, Aries, Yugen Kala, Babykatze, Crnds....».

«Para que a lingua siga viva ten que ser quen de expresar as preocupacións do seu tempo, estar á vangarda. Creo que Xavier [Queipo] reflícteo moi ben nos seus textos. Sendo científico e escritor, é capaz de atopar un equilibrio entre ciencia e poesía»

Un traballo co perfil desafiante de ExNovo está chamado a ter unha posta en escena para a que «a idea é facer unha experiencia máis única, desprenderse un pouco da secuencia para afrontar tamén a posibilidade do erro, que é onde o reside a maxia do directo, e incluso aproveitar esas actuacións do directo para posteriormente incorporalas ás cancións orixinais. Por exemplo, o outro de “Enantiómeros” saíu despois de tocalo varias veces en directo. A parte nova gustounos e despois incorporámola á canción.

A idea é poder xogar coas novas posibilidades para facelo diferente, coma se fosen novas versións, de xeito que sexa máis estimulante á hora de tocar e para o oínte, cando recoñece eses diferentes patróns cando están no concerto».

Marcos Blanco Gendre

Marcos Blanco Gendre

Xornalista anti postureos, non son "the voice of my generation"… nin gañas que teño.

Tamén che interesa

  • crnds. Cibernética da tradición

    O pasado 23 de abril Alberto Cernadas publicou o seu primeiro LP como Crnds e ese 8 de maio preséntao no Mutek de Barcelona, un dos festivais máis prestixiosos da vangarda electrónica. Algo que subliña a expansión dunha escena musical galega electrónica, con espírito renovador da música tradicional, que vai dar moito que falar nos próximos anos. De feito, xa o está facendo.

    Música
  • AL-V. Unha 'Negra sombra' queer, charnega e hyperpop

    Quería falar da morte no seu primeiro EP e titulouno '(Non quero morrer)'. En galego porque este tema, a morte, levábao á súa orixe familiar. Seus avós emigraron da Pobra de Trives a Barcelona na posguerra e nin AL-V nin a súa nai herdaron a lingua ou apenas un anaco de terra na aldea ourensá. Así que Alverd Gual-Cibeira tivo que recuperar pola súa conta esas raíces e reconecta con elas a través da música electrónica usando, non sen reparos, algúns dos clixés do imaxinario popular galaico.

    Música

Faite de vinte

A partir de 5€ mensuais podes suscribirte a VINTE e colaborar para que sigamos a producir contidos de calidade pagando dignamente as colaboracións de vídeo, fotografía, ilustración, xornalismo e creación de todo tipo.